Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
ENTREVISTA

Suso de Toro: “España tiña que ser catalanizada, pero España é Madrid e Madrid non se deixa catalanizar”

O escritor Suso de Toro

Daniel Salgado

0

Ramón Baltar Domínguez foi un cirurxián de prestixio na Compostela do século XX. Republicano e galeguista, benefactor de intelectuais e artistas, despois de 1936 sufriu as consecuencias do seu compromiso. Pero non o abandonou. Aínda que a súa figura rara vez aparece en primeiro plano, atópase en sucesos chave da oposición antifascista e a reconstrución do nacionalismo galego: da recuperación da casa de Rosalía de Castro a un plan abortado para matar a Franco, dunha misa por Castelao no seu Rianxo natal a un informe sobre o estado dos hospitais españois publicado en Triunfo. Un señor elegante (Xerais, 2020; Alianza en castelán e Més Llibres en catalán), o novo libro de Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956), reconstrúe a súa historia a partir dunha indagación sobre o terreo realizada coa axuda da súa compañeira Teresa Cuns. Narración “proteica” en forma de crebacabezas, novela de non ficción con ecos, di o autor, dos Buddenbrock de Thomas Mann, trata unha singular estirpe de “burgueses alegres, comprometidos co seu país, portadores de optimismo e firmeza”, a familia Baltar. De Toro responde á entrevista desde o seu domicilio compostelano vía Skype e, como é habitual neste intelectual con vocación de intervención pública, non evita entrar en política: “España tiña que ser catalanizada, pero España é Madrid e Madrid non se deixa catalanizar”.

A súa novela anterior, Fóra de si, era unha historia en presente. Agora volve indagar no pasado, como fixera en Home sen nome (2006) ou en Sete palabras (2009). Por que?

Fóra de si realmente é alguén que revisa e investiga a súa vida, fai crise e pretende comezar unha vida nova cando está na vellez. O personaxe era un tanto grotesco, un home incapaz de verificar a masculinidade que lle vén imposta na súa relación co pai. Nun Señor elegante, ao cabo, quen se fai dono do libro é un varón cunha masculinidade tradicional pero que ao mesmo tempo a encarna cunha gran apostura. Non impostura, senón apostura. É un pouco unha figura masculina tradicional pero admirábel. Eu son un home doutro tempo, antropoloxica e psicoloxicamente moi distinto dese personaxe, pero manifesto a miña admiración.

Neste caso o personaxe é alguén que existiu, o médico Ramón Baltar Domínguez.

Constrúo un personaxe a partir dunha persoa que non coñecín máis que de vista fugazmente na rúa. Onte, alguén que o tratou díxome: “Para non telo coñecido que ben o retrataches”. Afagoume moito. Fixen un esforzo de intentar comprender a ese home. A masculinidade, un tema moi presente en toda a miña obra, en Fóra de si era unha construción fallida. Pero nun Señor elegante Ramón Baltar séntese moi conforme como varón, unha especie de Gary Cooper en Só ante o perigo.

O de Baltar, que naceu en 1902 e morreu en 1981, era outro tempo moi distinto, e as masculinidades tamén o eran.

É un varón doutro tempo, efectivamente, un home do século XX, moderno na súa época. Pero os homes que eran os modernos na época da República son para nós varóns doutro tempo.

Como escritor, ¿que o atrae de tratar co pasado?

Buscando na orixe das historias, o narrador busca o seu sentido, ten que desandar. Pasoume hai anos. Déranme un argumento para facer un filme -logo foi a longametraxe Fisterra (1998), de Xavier Villaverde. Ese argumento ocorría en presente. Eran uns irmáns que viaxaban á procura do pai. Eu preguntei: por que? Por que os fillos buscan o pai? Por que o pai marchou? Iso non estaba no argumento que me daban e a miña reacción como escritor foi dicir: “Vouno averiguar”. Sempre entendín que o sentido do presente estaba no pasado.

Ese é un trazo moi habitual, por exemplo, no western.

Gústanme moito os westerns e ás veces nos libros poño citas deles. Nalgúns filmes de John Ford está a cifra da traxedia grega. O que diferencia un narrador dun escritor de ficción é que o escritor de ficción ademais de contar unha historia intenta que esa historia teña sentido. E o sentido está sempre no pasado dos personaxes e no pasado da situación na que se moven. Ademais da trama ten que haber unha orixe e unha cifra de sentido, oculta, no fondo. Iso está no pasado, na fonte, detrás.

A densidade da narración.

Si, e ademais é un tema que está en moitos dos meus libros. A viaxe ao país dos mortos. A viaxe aos infernos. Porque os mortos son os que teñen as claves. O problema é que non lles podes facer as preguntas. Na relación que hai entre os fillos e os pais acontece que só podes ver os teus pais cando están mortos, cando non poden falar, cando non poden dar respostas. E é nese momento cando tes as preguntas. Ate ese momento non estás libre, porque mantés unha relación aínda coa figura do vivo.

Un señor elegante tamén é un libro de pais e fillos.

É un libro estraño sobre unha familia que comeza no século XIX e ao final toda a historia concéntrase nun personaxe. É unha interpretación sobre alguén que morreu no ano 81, o ano do 23F, cando se manifestou que os mesmos que en xullo do 36 comezaran todo seguían sendo os nosos donos, vixiábannos e contemplábannos. Mais para facer o libro tiven que preguntarlle a persoas vivas. E iso determina o libro: unha dialéctica do autor cos descendentes de Ramón Baltar. Entro a facer algo que lles correspondería a eles: a historia de quen son o seu pai e a súa nai. Hai unha certa violencia nesta intrusión. E na dialéctica non sempre estivemos de acordo. Podería haber a novela da novela, o diario interno da súa confección.

Ao se converter o autor en personaxe e narrar a pescuda, Un señor elegante recolle un pouco ese percorrido.

Algo está, si. De feito no principio e no final fago constar que eu son o único responsábel da historia. Os vivos non teñen porque estar de acordo con que esa é a historia dos seus maiores.

Antes afirmaba que os seus libros son viaxes ao país dos mortos, aos infernos. Nun señor elegante é claro: unha viaxe aos infernos que se desatan despois de 1936. Se en Home sen nome narraba os verdugos, aquí narra as vítimas, unha especie de resistente interior ao fascismo.

A palabra vítima. Se algo me gusta deste libro, se por algo quero que sexa lido pola xente do meu país, é porque quero darlle unha historia dalguén que si, foi vítima de represalias. O 36 desviou o curso natural da súa vida. Porén, nunca interiorizou ser vítima. Non querería de ningún modo ser cualificado de vítima. E ademais foi alguén que resistiu, na medida das súas posibilidades. Foi vítima de represalias, pero non foi unha vítima. Eu creo que el podería dicir para si mesmo: “A min déronme hostias, pero eu tamén repartín algunha”. Aguantou en pé.

Certo. Triunfou profesionalmente como cirurixián, por exemplo. A súa vida queda partida polo 36, pero reconstrúese, e sen traizoarse. Nese sentido resulta un personaxe magnífico, por inagardado.

Era un fulano que fumaba rubio de contrabando e tiña a súa pitilleira de ouro, a súa estilográfica, un iate de dous paus. Tiña automóbiles deportivos, máis dun. Como algunhas outras casas, tiña chófer particular. Os seus fillos tiñan unha fräulein para seren educados en alemán. Dalgún xeito cada vez que sufría unha represalia, el respondía mercando un automóbil máis escandaloso, un deportivo vermello e descapotable. Hai algo de desafiante en Ramón Baltar que a min me gusta moito. Non é unha vítima. Ao contrario, é un modelo de resistente, un modelo tamén ético.

Lembra un pouco, salvando todas as distancias, as irmás Fandiño, as Marías, que vestían de cores rechamantes como para afirmarse: estamos aquí, non acabastes connosco.

Hai unha intepretación das Marías equivocada. Eran unhas pobres mulleres, realmente vítimas, destruídas. Outra cousa é que efectivamente mantiveron un resorte de alegría vital e unha conciencia. Pero en Ramón Baltar hai unha resposta ética, individual, unha afirmación primeira da súa persoa en todo momento. El entrevistouse en dúas ocasións con Franco. Nunha delas é desafiante, debido a un enfrontamento previo con el sobre a intención de Franco de pechar o Hospital Real para transformalo no actual Hostal dos Reis Católicos. Baltar quería conservalo como hospital a toda costa.

Esa actitude enlaza coa historia do Informe Baltar, a súa peza crítica sobre os hospitais españois, publicada en Triunfo apenas uns meses despois de recibir unha condecoración oficial como médico.

Si. A maiores, no libro fálase do coñecemento que tiña Baltar dun plan, unha emboscada, para matar a Franco. Con documentación sorprendente que atopei no curso da investigación. É un tema tan delicado que me formulou un problema na relación coa familia. É un documento gráfico do lugar e das posicións das persoas armadas que van atentar contra a caravana de Franco.

Por que di que lle causou un problema coa familia?

Dígome: como conto eu esto? Haino que contar. Accedín a esa documentación a través da familia, pero a familia ignoraba ese papel. Algo tan relevante tiven que pactalo. A ética do escritor ten que ter en conta as persoas. Non podes traizoar a confianza. Non está claro o lugar que ocupa Ramón Baltar nese plan. Non podo atestiguar o lugar que ocupaba, pero si teño a miña convición de que Ramón Baltar non era alguén que pasaba por alí, de casualidade. Era unha persoa que asumiu responsablidades dunha envergadura impresionante.

Non é un episodio coñecido.

O que ocorre en Galiza nunca está no relato español. Só o atopei de pasada no libro Los años de plomo, sobre a historia do Partido Comunista, de Fernando Hernando Sánchez. Tiven que reconstruír un aspecto da resistencia clandestina que non está contado. Nin sequera no propio Partido Comunista teñen constancia hoxe destas cousas. Igual que en tantos outros asuntos, a historia española é a historia madrileña, é o que acontece alí e o que eles ven alí. Pero existiu un plan para matar a Franco un 25 de xullo cando volvía de Santiago a Meirás.

Existe unha débeda social cara a este tipo de personaxes? A literatura pode axudar a saldala?

A familia Baltar é unha familia única. Sempre aparecía por detrás, en letra pequena. Como os produtores dun filme, que permiten que director, actores e actrices poidan facelo. Foron mecenas, protectores e benefactores. Permitiron que existisen persoas tan importantes como Rosalía de Castro e Manuel Murguía, a familia Castelao, a familia Dieste... É algo singular. O papel de Ramón Baltar na reconstrución do galeguismo na posguerra tampouco aparece, pero está en todo: na creación de Bibliófilos Gallegos, no patronato Rosalía de Castro. Xa o seu avó fora quen lle buscara a Rosalía e a Murguía a Casa da Matanza cando era alcalde de Padrón.

Unha estirpe de benefactores.

Claro. Para Ramón era o máis natural dar pasos con Xosé Mosquera e outros para reconstruír a casa de Rosalía. Era o máis normal que coñecera o pai de Castelao, a Castelao, era amigo das irmás de Castelao. Para eles era un asunto de familia protexelos. Facíano como cousas que hai que facer. É unha historia que ocorre en Galicia, pero Ramón Baltar aparece en Madrid na véspera do golpe de Estado entregando o Estatuto de Galicia, viaxa a Berlín. É a historia dunha xente cunha biblioteca con libros de todas partes, unha xente sofisticada e ao mesmo tempo completamente doméstica, enraizada no país. Quero descurbirlle a quen a lea unha historia nosa distinta: non é unha historia de perdedores, é unha historia de vencidos.

Varias das súas novelas indagan na familia. Que explica ese concepto sobre o mundo?

Na miña experiencia, a historia da familia explícame quen son eu. Quen escribe contando historias ou poemas o que fai é reconstruírse. Todo autor é alguén que escribe porque lle falta algo. O proceso da súa escritura no curso do tempo crea unha especie de prótese, enche o oco do que lle falta co intento de coñecerse. Con Sete palabras asumín quen era eu, un neto de campesiños, pero quizais dun modo máis determinante, de campesiños moi pobres. A investigación da historia familiar é básica para a reconstrución da miña identidade.

Un señor elegante é unha obra construída con feitos reais. Aínda que esas categorías son inestábeis, ¿que achegan as técnicas da ficción á procura da verdade histórica?

O libro obrigoume a usar todos os recursos que fun acadando co tempo como construtor de argumentos e narrador de historias. Ábrese en moitas direccións. Sentinme moi libre e por iso non é un libro que responda a unha categoría exacta. Conta unha historia, usa os mecanismos da ficción para conseguir interese do lector.

Por certo que en Fóra de si e nun Señor elegante os protagonistas son médicos.

Probabelmente porque procuro situacións límite. O coñecemento verdadeiro é experiencial, non intelectual. Son moi debedor de Walter Benjamin en moitos sentidos e tamén nese. Ademais son cirurxiáns, o máis parecido a un militar.

En que?

O militar é alguén que mata, e o cirurxián é alguén que traballa no mesmo umbral, tamén actúa sobre a vida humana, salvándoa ou non. Pero traballa no mesmo límite entre a vida e a morte, e ese límite está no corpo. Ramón Baltar é un médico militar. Por certo, que este segue sendo un Estado fundado por militares en Burgos, e o xefe do Estado é o xefe dos exércitos. É un país que ten unha cultura pública autoritaria e violenta. Viuse en como se reaccionou cos cataláns.

Refírese ao referendo de 2017?

Si, as persoas levaban unha papeleta na man e pegábanlles. Desencadeouse o odio. Iso non nace da nada, nace da natureza deste Estado. É curioso que no debate público dun Estado fundado por curas e militares non se fale nin de relixión nin sobre o exército e a vida militar. Interésame o punto de vista dos militares. Un militar intelectual é unha persoa que sabe cousas que non sabe ninguén máis. Aquí vivimos nunha falsa inocencia infantil en que finximos que as cousas máis decisivas non existen. Así é a vida pública española.

Un señor elegante vaise publicar tamén en catalán, en tradución de Eduard Velasco. A súa audiencia como intelectual que intervén no debate público é superior en Catalunya ca en Galicia. A que cre que se debe?

É un retrato da miña situación como intelectual. En España non teño lugares onde participar e en Galicia tampouco hai moitos lugares para abrir debates. Os verdadeiros debates intelectuais son moi minoritarios e non hai espazos que poidan chegar a sectores amplos da sociedade. E Catalunya é unha sociedade que tivo sempre un gran debate e unha gran diversidade cultural e intelectual. De Catalunya chegaron sempre as ideas modernas e as ideas de apertura. España tiña que ser catalanizada, pero España é Madrid e Madrid non se deixa catalanizar. Sempre aprendín dos cataláns. E é certo que me atenden e me respectan. É un regalo, un privilexio. Que non me fagan caso en Madrid é lóxico, fan ben. É unha sociedade que non practica o debate aberto.

E en Galicia?

O outro día en twitter houbo un pequeno intercambio sobre a recepción de Gramsci en Galicia. Iso pódelle interesar a pouca xente, pero ten que haber un lugar onde se poida discutir a nosa propia historia das ideas políticas. E non o hai. Galicia é unha sociedade máis rica do que parece. Pero hai un problema físico, esas sete cidades. Son unha riqueza pero non permiten algo que é necesario, a masa crítica. Se houber unha cidade que xuntase 900.000 persoas, con esas cabeciñas que hai por aí poderiamos conformar moitas cousas, plataformas de opinión, forza política, iniciativas empresariais, sociais... Pero non se dá a masa crítica.

Por iso Un señor elegante reivindica unha burguesía culta e propia que non chegou a callar en Galicia.

Con este libro o que me gustaría é modificar a percepción de nós, porque é unha historia alegre. Historias de vítimas, de fracasos, de campesiños e mariñeiros, hai a jodelas. O que non temos é unha historia de burgueses alegres, comprometidos co seu país, portadores de optimismo e de firmeza. Esa é a historia desta familia até 1981.

Foi Premio Nacional de Narrativa por Trece badaladas en 2003. Pasaron anos, e nos últimos tempos o Ministerio de Cultura está a recoñecer as poetas galegas. Hai unha mudanza de perspectiva no centro ou apenas é cuestión da conformación dos xurados?

O Estado español é un estado castellano madrileño sen volta, castizo. A lingua do Estado é o castelán. Iso non ten volta. O que acontece é que hai unha dinámica propia dos xurados. Desde o principio instituíuse unha composición dos mesmos en que hai representantes vascos, galegos e cataláns, e pode axudar. No que si hai un cambio é no proceso da nosa literatura. Asisto a cambios de envergadura cunha compoñente loxicamente xeracional. Hai un horizonte de expectativa distinto. Hai anos había comisarios políticos que nos controlaban ideoloxicamente non só a obra, senón a expectativa vital e profesional. Iso desapareceu, e hai escritores que escriben con naturalidade, con expectativa de seren traducidos a outras linguas e cas expectativas de ser a súa obra lida, atendida, e no caso de algúns que fan literatura para gran público pois teren triunfo de número de lectores.

Etiquetas
stats