Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Alberto, non marches

Alberto Núñez Feijóo tras su discurso en la segunda jornada del XX Congreso Nacional del PP en Sevilla.

1

Todo empezou o venres, claro. Aquel día, a solución do Wordle galego era “Fraga”, o exconcelleiro compostelán que manda cada mañá por whatsapp unha canción elixiu “Cien gaviotas” e esa fábrica de memes instantáneos que é Pantomima Full deixounos a imaxe de Rober Bodegas cunha bolsa da compra en cada man baixo o rótulo “El gestor”. Si, era evidente que todo apuntaba a Sevilla…

Tamén podía ser que non, e que en realidade fose eu, comportándome como un deses tipos que, despois dunha ruptura dramática, atopan por todas partes cousas que lle lembran a súa exparella. Pero tanto ten se foi unha cousa ou a outra. O importante é que estou aquí para mandarche unha mensaxe clara: Alberto, non marches. Non te vaias, Rianxeira. 

Non marches. Porque eses quince días nos que percorriches España sen deixar de gobernar Galicia a golpe de teléfono (é incrible como avanzou o teletraballo coa pandemia) foron abondo para que ninguén pense xa –do Padornelo para aló– que es un moderado. Que se o pacto con Vox, que se a violencia intrafamiliar, que se o Goberno autista que se forra cos impostos, que se deixaches a deber o hospital de Vigo, que se a xente ten que currar cando está de baixa… En trece longos anos –eternos– de presidente galego téñoche escoitado dicir barbaridades como esas… e moito peores! E pasou algo? Non. Seguías sendo moderado? Por suposto.

Empezas a ver por onde vou…?

Non marches porque aquí aínda podes seguir co conto ese de “que goberne a lista máis votada” e por aí fóra, despois do de Madrid e o de Andalucía xa non convences a ninguén. Que aquí está o caso de Ourense, vale, pero quen lembra que o PSOE tivo máis votos ou que Jácome ía ser un alcalde “letal”? Ademais, sempre podes dicir que isto é cousa de Baltar, que xa foi o primeiro en moverse cando a túa cadeira na xefatura do partido aínda estaba quente. Imaxina o que fará cando non esteas… (Entendes agora o da Rianxeira?)

Non marches porque ti tampouco es un tipo valente, dos que se enfrontan a calquera cousa. Ti es máis de saír xogar coa herba alta, o árbitro comprado e o dianteiro rival coxeando (a poder ser, que pareza un accidente). Lembra que, xa co bipartito, fuxías dos debates electorais porque “eran dous contra un” e cando chegaches ao goberno, e xa mandabas na TVG –en Madrid non vas ter unha tele que interrompa a súa programación para que saias vender fume–, fixeches debater entre eles os candidatos da oposición. Aquel biscotto segue a ser un dos momentos máis surrealistas da historia da nosa tele.

Se foses tan valente como din, terías dado o paso para suceder a M. Rajoy en 2018. Non o fixeches porque entón había que pelexalo e, se gañabas, aínda agardaba por ti toda unha travesía polo deserto. Eu nunca crin que o motivo real daquela covardía fose o amor a Galicia –ou é que deixaches de querela nestes meses, fascinado pola “libertá” de Madrid?– pero tampouco o medo aos famosos dossieres de Soraya. Claro que eu pasei anos convencido de que as fotos con Marcial Dorado das que tanto se falaba eran unha lenda urbana, e mira ti…

Xa que sae o tema de Dorado (Marcial, non a Costa esa que cambiaches de provincia), lembras como solucionaches aquela crise? Inxección de pasta aos medios e tema soterrado, como se lle puxesen uns zapatos de cemento e o guindasen dende unha batea. Cres que en Madrid as cousas son así de doadas…? Oe, que igual si, pero quen tería entón que poñer os cartos? Ayuso?

Ayuso. É normal que a apoiases co do seu irmán. Ti tamén tiveches que escoitar cousas –poucas, pouquiñas, case ningunha– sobre a túa irmá Micaela, ascendida a directora de Eulen para o Noroeste xusto despois de que conseguise bater o récord de contratos coa túa Xunta. Agora, dúas fiscalías pelexan por investigar a Tomás. E a Micaela…?

(Pasa unha planta rodadora)

Non marches, porque asaltar o poder dá unha preguiza terrible. Xa me decatei de que estás tirando do manual de 2009. Se Touriño era o “Sultán de Monte Pío”, Sánchez é un derrochador. Se Emilio tiña un coche oficial, Pedro ten un Falcon. Si, esta peli xa a vimos. Despois tocará sacar do arquivo fotos de Yolanda Díaz con algún empresario. Vai ser doado, a tía non para de reunirse coa patronal, e ás veces ata leva con ela os sindicatos! Máis complicado será o de sementar sospeitas sobre violencia de xénero (ou intrafamiliar, ou como teñas que dicir agora para non enfadar a unha ultradereita que, lembra, en Galicia non te condiciona). Cun Goberno cheo de tías e de gays, a ver a quen se pode sinalar…

Non marches. Xa che dixo no seu día Roberto Vilar que non pagaba a pena. Mírao a el, que en Madrid non se comeu un rosco e aquí segue sendo líder de audiencia, coma ti.

Por iso igual –só igual–, non che era mala idea copiar o método de Antón Gómez-Reino. Non sei se o lembras, aquel deputado de Podemos (alto, guapete, con barba…) que foi candidato á presidencia da Xunta sen deixar o seu escano no Congreso. Podemos nin entrou no Parlamento pero aí segue el, tan contento, na Carrera de San Jerónimo.

Pois ao mellor ti podías facer algo parecido: aguanta o cargo na Xunta todo o que poidas e, se o de Madrid sae mal, sempre podes volver a San Caetano. Que para algo a TVG ten un estudio na capital e total, o de gobernar por teléfono, tamén podes facelo dende Génova…

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats