Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Sinais de fume

Un hombre ante una ventanilla de Ryanair en el aeropuerto de Barajas este viernes en Madrid EFE/ Fernando Villar

0

Creo nos sinais. Pequenas casualidades, símbolos que veñen de antigo, bolseiros que inventan o horóscopo en xornais de provincias. Diría que é un mal xeracional o de buscar unha interpretación do mundo agora que o mundo está roto ou incompleto, pero esa necesidade estivo sempre aí. Necesitamos unha explicación para o que nos pasa e para o que nos podería pasar, a que sexa. Unha semana antes de marchar de vacacións, unha pega comezou a perseguirme chiando polo parque de Galeras. Guindamos un pau preto dela pero nin se inmutou. Camiñei máis rápido e acelerou ela tamén. Quería algo. Viña para dicir algo. Ao final, houbo que correr. Correr diante dun paxaro que levanta un palmo do chan. Esas cousas pasan cando se é supersticioso. Non me arrepinto.

Despois da carreira, pedinlle a Luis que buscase no seu teléfono móbil que podía significar aquel encontro. A explicación máis axustada para o que me acababa de pasar atopámola nun foro traducido do inglés ao español cun tradutor automático que non sabía conxugar os verbos. A pega queríame advertir sobre a cegueira que producen os bens materiais. Sentinme aliviado: ninguén ía morrer, eu non ía morrer, a miña parella aínda me quería e eu xa pagara este mes as facturas e mais o aluguer. A pega traía só unha advertencia xeral, unha lección de vida, moral pura. E xa se sabe: mal de moitos… 

Un par de meses antes, mercaramos nunha web unha carambola de sucesivos billetes baratos para poder viaxar á costa amalfitana en xullo. Tres voos de ida e tres de volta. Catro países en total. Tempada alta, menos de cen euros por persoa. O día que me rifou a pega, pola mañá, as traballadoras de Ryanair puxéronse en folga. Pasamos os días antes da viaxe tensos, molestos. Era inxusto. Fixemos promesas, cábalas. A fin de contas, o CEO de Ryanair non sufría. Sufrían as traballadoras da aeroliña e mais nós, que precisabamos máis ca nunca fuxir lonxe, que invertemos poucos cartos e moitas esperanzas nunha semana de descanso. Chegado o momento, resultou que a pega non me quería falar tampouco diso. Collemos cada un dos voos a tempo e pasamos unha semana enteira vendo a mole alaranxada do Vesubio ás oito e cuarto cada tarde, lambida polo sol. Unha bomba de reloxería. 

O día que regresabamos á casa, no aeroporto de Nápoles, volvín temer, por segunda vez, a profecía da pega: os controladores aéreos italianos organizaran un paro. Vimos como se enchían autobuses e autobuses de turistas con cara de poucos amigos, escoitamos discutir unha parella de xubilados e observamos temerosos como se sumaban os retrasos nas pantallas do aeroporto, coma se fose a bolsa e nós dous homes de traxe nos anos 90. Pero non sucedeu nada. Unha vez máis, fomos meros espectadores. 

O último voo antes de regresar a Compostela, saíu dende Marsella. Houbo un pequeno retraso, nada importante. Nós levabamos xa máis de 12 horas de viaxe. Mentres faciamos dúas ringleiras aos pés do avión para embarcar, a mangueira do camión de repostaxe desencaixouse e a gasolina comezou a caer a chorro sobre o chan. O persoal do aeroporto pediunos inmediatamente que corrésemos dentro. Corremos, sentimos o alivio do aire acondicionado. Nada explotou. Estabamos a salvo.

Pensei entón nos billetes baratos de avión, nas fotos en Instagram, nos homes aos que lles pagan por recoller plásticos do mar nas praias privadas do Mediterráneo, na marea que insiste en vomitar lixo, no fuel derramado a 40 graos de temperatura sobre a pista de aterraxe, no vento quente, nos incendios, en todas as pegas que morreron nos incendios, no Courel arrasado… 

Mentres descende, o noso último avión da semana atravesa entre pequenas turbulencias as nubes cargadas de chuvia que cobren Compostela esa noite de martes. De camiño á saída a xente comenta o frío que vai, o contraste de temperatura entre o lugar do que vimos e o lugar ao que chegamos. Ninguén fala do lume. 

No autobús do aeroporto á casa, nada máis deixar atrás a terminal, a estrada non tarda en volverse completamente negra. Entón brillan algunhas gotas contra o vidro. E non significan nada. Seguiremos mercando voos baratos mentres nos deixen, ulirán a gasolina as ondas de calor, igual que as praias do Mediterráneo, volverá arder igual que leva ardendo dende que sei que arde. Desatenderemos os sinais, xordos como estamos ante os paxaros.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats