Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A quen poñemos a salvo no búnker?

Personal sanitario atiende a enfermos de covid-19 en el Hospital Clínic de Barcelona

Yosi Hatillo

1

Souben pola prensa que, perante a situación de emerxencia do país debido ao COVID-19, a Sociedad Española de Unidades Intensivas, Críticas y Unidades Coronarias (Semicyuc), elaborou o documento denominado “Recomendacións éticas para a toma de decisións en situacións excepcionais de crise debido á pandemia COVID-19 en unidades de coidados intensivos”. A primeira vista, este tipo de medidas teñen moito sentido. En momentos coma estes, é necesario establecer protocolos de actuación claros que axuden os profesionais a tomar decisións complexas. Pero, como conto, é o efecto da primeira impresión. No meu caso foi suficiente con raspar un pouco para ir mudando a miña posición corporal e plantexarme moitas dúbidas, porque a tradución destas instrucións é, cando menos,  preocupante. Os médicos de coidados intensivos terán que utilizar a esperanza de vida do paciente ou o “valor social” como criterio para decidir o seu ingreso na UCI.

Entón apareceron na miña cabeza as lembranzas que hoxe comparto. Quen sabe, se cadra deste xeito é máis doado facerme entendelo. A miña avoa sempre repetía o dito “moito axuda o que non entorpece”, refrán que para moitos de nós tomou sentido literal despois de aceptar que o mellor xeito de axudar a frear o COVID-19 é quedar na casa, porque se non estariamos a estorbar, tan sinxelo coma iso. Tamén pensei niso de “mulleres e nenos primeiro”, imperativo categórico ou práctica cabaleirosa cunha grande carga machista onde a visión carca remarca as diferenzas entre homes e mulleres, situándoas nunha situación de inferioridade e vulnerabilidade. Ao parecer, esta frase non é máis que un mito, imaxinan vostedes unha sociedade onde o opresor pon a vida dos máis vulnerables diante da súa? Difícil de crer, non si?

Lembrei o que sentín cando un profesor propuxo na clase realizar a dinámica do búnker. Consiste en imaxinar que chega un virus que ameaza con matar a todas as persoas da nosa cidade. Por sorte, hai un búnker que protexerá a calqueira que quede dentro del durante a epidemia, pero os recursos e o espazo son limitados e só se pode garantir a vida de cinco persoas. É posíbel que vostede e máis eu non esteamos entre os que se poidan salvar, pero temos o poder de decidir quen o fai. É moita a responsabilidade e a información é limitada, pero debemos escoller con coidado a quen salvar a vida para asegurar que a humanidade continúe.

Os candidatos para entrar no búnker serían unha traballadora sexual de 40 anos, un líder político de 55 anos, un crego de 75 anos, unha científica adita á cocaína, un vendedor ambulante sen papeis de 25 anos, unha moza con diversidade funcional... até quince deles dos que só poderiamos elixir cinco. A dinámica provocou tal desacougo que non foi posíbel achegar unha solución, pero o que quedaba claro é a cantidade de prexuízos que tiñamos e o dispostos que estabamos a decidir sobre a vida das persoas en función do que pensamos que merecen.

Lembrando estas situacións pregunteime quen tería a responsabilidade de decidir o valor social da miña vida ou a dos meus seres queridos e que cousas se terían en conta se fose necesario usar ese criterio. Dende que tivemos que ficar na casa fixemos desta o noso búnker para non impedir o labor dos profesionais que se ven na necesidade de permanecer na primeira liña para manternos vivos e fomos testemuñas de como xente “importante” para a sociedade se infectou. Algúns deles voltaron ás súas casas e outros faleceron.

Os medios de comunicación cubriron non só a morte destas persoas, senón tamén o xeito discreto co que as súas familias pasaron o loito. Enterámonos dos seus nomes, repasaron a súa biografía e, por un intre, sentín o incómodo acougo de que estas persoas e máis eu acadamos a igualdade ante un virus. E pode ser en parte así, pero é posíbel que cando chegue o momento, moitos de nós só teñamos un número e unha idade, co dato salientábel de ter ou non patoloxías previas. Porque na sociedade na que vivimos, moitos de nós somos estereotipos, prexuízos ou etiquetas. E como estamos nunha situación de urxencia, só importan os nomes das persoas “importantes”. Non importa se es home ou muller, se estás no paro, se non tes papeis, se tes ou non familia ou se tes un lugar para pasar a corentena. Os datos non din, como noutras circunstancias, cantos dos falecidos son estranxeiros e menos aínda a súa nacionalidade. Ver é crer.

Cal é o valor social que se lle asignou ás persoas responsábeis do desmantelamento do noso sistema público de saúde e que foron hospitalizadas cando presentaron os síntomas do COVID-19? Poñamos como exemplo a señora Esperanza Aguirre, que xa foi dada de alta para tranquilidade da súa familia. Pero aínda máis importante é saber cal é o valor social das persoas máis vulnerábeis. Vulnerábeis porque o sistema se encargou diso. Cal é o valor social dos manteiros, das persoas sen fogar, das que foron vítimas de explotación sexual ou laboral? Cal é o valor social dunha muller vítima de violencia de xénero, dunha nai solteira ou dunha empregada de fogar latina e que se atopa nunha situación irregular sobrevida?

É un bo momento para reflexionar sobre que tipo de sociedade poderiamos ser. Agora que as novas fronteiras son as portas da nosa casa e o noso salvoconduto é botar o lixo ou pasear o can, reflexionemos sobre o valor que lle daríamos a cada unha das persoas que coñecemos. As que nos gustan máis e tamén as que menos, pero non esquezamos que esa xente que estariamos a xulgar, con maior ou menor acerto, ao tempo estaría decidindo se merecemos un lugar no búnker.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats