eldiario.es

9

GALICIA

O último carballo

“Nós éramos seguidores afervoados dos homes de Nós”, lembraba Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero

Con Rosalía adoitamos prescindir do apelido. Manuel Antonio asinaba sen el. Unha sorte non menos singular tronza o nome de pluma do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) quixo volver nacer ao mundo como Carvalho, un aceno que, na imaxinación dos lectores, podería emparentalo co célebre detective das novelas policíacas de Manuel Vázquez Montalbán. A mudanza do nome obedecía, en Carvalho Calero, a un propósito de coherencia coas súas teses etimoloxistas sobre a ortografía da lingua galega. No entanto, Vázquez Montalbán procuraba honrar as súas propias raíces galegas, e inauguraba un ciclo narrativo no que Pepe Carvalho, ao tempo que desennovelaba os crimes do relato, desennovelaba tamén os crimes da súa época.

Algo hai sempre de policial na filoloxía. Desde a súa fundación, a disciplina foi concibida como arte da depuración e da reconstrucción da orixe, e así o aprendera a xeración de Carballo (aínda non Carvalho) da escola pidaliana. Esa capacidade para escoitar os textos, ese talento para comparalos con outros e ese rigor e amplitude de miras na procura do coñecemento foron talentos que deron lugar á monumental, e por moitos conceptos non superada, Historia da literatura galega contemporánea, resultado da súa tese de doutoramento e froito maior do proxecto editorial de Galaxia na posguerra. Nos seus acertos e nos seus límites, probablemente este traballo crítico e historiográfico sexa, por enriba da súa produción literaria, o principal legado que o autor lle deixou á cultura de Galicia. O longo maxisterio do profesor explica a lealdade coa que autoras como Pilar García Negro, Carme Blanco ou Lydia Fontoira Surís —todas tres, non por casualidade, salientables rosalianistas— teñen continuado o seu traballo. Carballo, despois Carvalho, foi poeta, narrador, dramaturgo, crítico e historiador, mais, quizais, sobre todo, foi mestre. Do seu xeito de entender a docencia dan testemuño experiencias de intenso valor pedagóxico como a súa etapa no colexio lugués Fingoi, do que chegou a ser director, logo de ser apartado durante anos da función pública debido á súa lealdade ao bando republicano. Aínda tardaría en reincorporarse ao ensino universitario, mais este período da súa carreira docente valeulle en 1972 a obtención da segunda cátedra en lingua e literatura galega da historia. A primeira non fora convocada en Galicia, senón en Madrid, no ano 1914: un dato relevante nunha cultura feita de diásporas.

Malia a importancia que na súa traxectoria chegou a acadar a carreira universitaria, o Carballo mozo gardou unha saudable distancia coa vida académica. A Universidade de Santiago non era, nos anos vinte do pasado século, un espazo intelectual que lles resultase especialmente estimulante aos estudantes máis espilidos e, como adoita acontecer coas persoas curiosas que non atopan no mundo o que precisan, un grupo de mozos da xeración de Carballo decidiu crear aquilo que desexaba. Así naceu, no ano 1923, o Seminario de Estudos Galegos, ao que o autor se incorporaría no curso 1926/1927. Nun artigo publicado no ano da súa morte, o autor menciona a irmandade espiritual do SEG co Institut d'Estudios Catalans. No entanto, o principal referente de oposición daquela iniciativa sería a Real Academia Galega da época, que os investigadores mozos consideraban pouco avanzada e desactivadora desde os puntos de vista intelectual e político. O propio estudoso lembra que o espírito dominante do colectivo viña determinado polo maxisterio dos integrantes do Grupo Nós. Entre eles mencionaba a Risco, a Cuevillas, a Castelao e a Otero Pedrayo, aos que lles foran encomendadas, respectivamente, a coordinación das seccións de Etnografía, Prehistoria, Arte e letras e Xeografía. Non é de estrañar que, cando xa o SEG levaba anos cooptado polas institucións franquistas, o home que loitara a favor do bando republicano, arriscando a súa carreira e a súa vida, declarase a súa débeda con respecto a esta herdanza: “Nós éramos seguidores afervoados dos homes de Nós”.

Cando Otero Pedrayo naceu, os seus pais plantaron no enxido da casa un pinsapo. Trátase dunha árbore da familia dos abetos, eximio representante da flora ibérica que a imaxinación do pobo transformou nunha araucaria. No ano 1974 un temporal tronzou a árbore e, como escritor romántico que era (“eu son o derradeiro romántico”, declamaba citando a Chateaubriand), Otero leu no libro da natureza un anuncio da súa morte. Carvallo levaba tamén seiva de árbore no apelido co que naceu e co que morreu. Ese apelido que, ao xeito no que os poetas coidan que os nomes poden facer, houbo de darlle forza desde neno. Carballo é unha palabra tótem para os habitantes do Noroeste, pois fala do carácter máxico e centenario dunha lingua e do mundo que nomea. A filoloxía que é, como case todos os relatos, unha historia de nais e fillos, explicounos moi ben o que acontece cando as árbores medran. Do tronco común do latín, nace o galego-portugués. E nese guión, que nos xebra tanto como nos une, cabe un mundo. Para algúns é un imperio; para outros, un átomo, mais dese aceno radical do Carballo que decidiu ser Carvalho todos podemos tirar unha lección: as decisións que afectan á nosa identidade individual adoitan ser indicios da historia colectiva.

A distancia que media entre as dúas letras que separan o nome co que naceu do nome co que morreu cifra a transcendencia política que na Galicia do último terzo do pasado século chegou a ter a cuestión ortográfica. Ante unha pintada, un grupo de amigos independentistas podía esquecer o acordo sobre o contido político do termo (Independência!) e discutir incansablemente pola presenza do acento circunflexo da cuarta sílaba. Por sorte ou por desgraza, as formacións culturais non estatais tenden a facer da lingua unha teima, e dos seus lexisladores ou cultivadores, autoridades non só intelectuais, senón tamén políticas. Cómpre non esquecer que o chamado criterio filolóxico de definición da literatura galega (“Entendo por literatura galega a literatura en galego”) non foi aplicado pola historiografía de xeito consistente até que Carballo Calero o consagrou na devandita Historia. Sabemos que alguén é un mestre non só cando aprendemos dos erros que venceu, senón cando vivimos nos problemas que creou.

A posición singular do autor no campo intelectual foi explicada con lucidez nun artigo recente por Ernesto V. Sousa: malia o seu fondo sentido institucional, non deu atopado en ningunha institución o seu acubillo. Ese diálogo continuado, e por forza tenso, entre a autoridade e a heterodoxia explica tamén a centralidade que acadou o nome de Carvalho na articulación de discursos críticos contemporáneos que, como o independentismo cultural e/ou político, procuran contestar o oficialismo autonómico. Pero a capacidade de provocación da súa figura vai mesmo para alén da súa condición de pai intelectual do reintegracionismo. Abonda con lembrar a polémica que en marzo de 2012 enfrentou as profesoras Pilar García Negro e Helena Miguélez-Carbaleira. Ao fío do tratamento da obra de Rosalía de Castro na produción ensaística de Carvalho, as dúas autoras debateron sobre feminismo e literatura, nunha serie de pezas que ilustran, asemade, o xeito no que, ben entrado o século XXI, tanto Carvalho como Rosalía seguen a operar como campo de batalla da crítica e das institucións legatarias da súa memoria.

Trinta anos custou que se lle dedicase a Carvalho o Día das Letras Galegas. A crise sanitaria da Covid-19 fará desta festa, non poucas veces discutida, outra cousa. Fronte aos que, ano tras ano, teimaban en reclamar a súa celebración, non é doado saber se o autor soñaba con ser homenaxeado nesa data. O que non podería deixar de celebrar é o xeito no que o día lembra a fundación da literatura galega moderna nese libro chamado Cantares gallegos que, como un estoupido, saíu do prelo o 17 de maio de 1863, e ao que el lle dedicou non poucas páxinas. Entre elas, unha edición filolóxica e o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. Rosalía é moita Rosalía, pero cómpre lembrar que, como institución, o Día das Letras non naceu como homenaxe a unha autora, senón como homenaxe a unha obra. Sexa a produción ensaística e literaria de Carvalho, en obediencia á súa última vontade, a que fale en por el. E medre a nosa cultura como unha desas árbores, só en aparencia fendidas, que precisan dos seus dous troncos para sobrevivir.

Muy Bien, has hecho Like

¿Qué tipo de error has visto?
¿La sugerencia que quieres realizar no está entre estas opciones? Puedes realizar otro tipo de consultas en eldiario.es responde.
Error ortográfico o gramatical Dato erróneo

¡Muchas gracias por tu ayuda!
El equipo de redacción de eldiario.es revisará el texto teniendo en cuenta tu reporte.

Comentar

Enviar comentario

Comentar

Comentarios

Ordenar por: Relevancia | Fecha