Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Cumprir 30 anos aquí

Ismael Ramos

0

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Tardei moito en afeccionarme á literatura clásica, pero case dende a adolescencia asocio a década dos trinta con aqueles versos gastados que Dante puxo ao pé da Divina Comedia —“nel mezzo del cammin di nostra vita”— para referirse á trintena que encetaba: comezou a escribila con vinte e nove anos e traballou nela ata a súa morte. Cando fixen dezaoito, un amigo definiu aquel aniversario coma un “Rubicón” e eu sentín a necesidade de dar un pequeno salto. A sensación case física de estar salvando un obstáculo para o que o meu corpo estaba máis preparado do que eu podía imaxinar. E o caso é que, sexa literaria, xeográfica ou histórica a metáfora, agora, apenas unha semana despois de facer os trinta, non sinto que cambiase nada. En lugar diso, desconfío cada vez máis das fronteiras e de quen as inventa —como é natural en tempos de guerra— e percibo as verdadeiras transformacións como algo desesperantemente lento, perceptibles só cando xa pasaron. O transcurso do tempo non é nunca unha sucesión de puntadas, senón máis ben unha tea que se gasta, unha bandeira rachada polo vento.

Malia a todo, nos días seguintes a acadar “el mezzo del cammin”, decido buscar certezas. Escribo, anoto: que supón ter trinta anos hoxe en día no país no que vivo? A pregunta peca de xeralista e de capciosa, así que introducirei un matiz pequeno (ou non tanto): que supón ter hoxe trinta anos e pertencer á clase traballadora (en paro ou en activo) ou á asalariada (tanto se traballas nunha multinacional trituradora como se pertences ao funcionariado anémico). Que supón ter hoxe trinta anos e que os teus pais sigan precarizados? Acoutemos tamén nisto o terreo. Fagámolo sobre todo para evitar caer na nostalxia absurda que practican os fillos da falsa clase media: esa que con esforzo ten segunda residencia ou vacacións e sente que iso os achega a un espellismo do que é desexable, a un espellismo de ser burgueses.

O caso é que consultando datos aquí e acolá, resulta que ter trinta anos neste país supón, por exemplo, non ter o acceso garantido á vivenda e a emancipación: só un 36% dos menores de trinta e cinco ten vivenda en propiedade, fronte ao 70% de hai vinte anos. Iso, no caso de que poidas permitirte mercar algo, se non destinas xa o 40% ou máis do teu soldo a pagar o alugueiro. Pero non temas, porque con sorte, se te informas e decides pedir unha axuda para iso, debes saber que a Xunta de Galicia resolveu agora, no 2024, os Bonos Alugueiro Mocidade 2022. Paciencia. Moita paciencia. Ter trinta anos aquí supón tardar sete anos máis en acadar o soldo medio da xeración anterior.