Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La confesión de la pareja de Ayuso desmonta las mentiras de la Comunidad de Madrid
El plan del Gobierno para indemnizar a las víctimas de abusos agita la Iglesia
Opinión - El pueblo es quien más ordena todavía. Por Rosa María Artal
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Coa boina na man

Presentación da campaña turística da Xunta para este ano.

Luís Pardo

0

Coñecín xefes que gastaban un diñeiral obsceno en convidarte a comer nun restaurante que ti nunca poderías pagar, só para explicarche por que non che ían poder subir o soldo. Eu lembro pensar daquela que me tería sentido satisfeito cun aumento menor do que supuxo a factura. Se Feijóo fose o meu xefe, estou certo de que tampouco me tería concedido o aumento, pero polo menos daríame un bono para que elixise eu o restaurante.

A esmola da Xunta aos profesionais que loitaron en primeira liña contra o coronavirus, ademais de ser un erro impropio ás portas dunhas eleccións, é o síntoma do seu xeito de entender os servizos públicos que non poden privatizar: o asistencialismo. Como esa caritativa Igrexa que defende a colecta do Domund pero non gusta do Ingreso Mínimo Vital. Pode que a conexión sexan eses capeláns do Sergas que cada ano nos custan centos de miles de euros. Non sei en que capítulo da Biblia sae o de “non teñen para comer e gastan en estampitas…”.

Se no canto de esmola interpretamos que é unha propina, a referencia é outra: a dos tempos en que ao doutor se lle chamaba de “don”, falábaselle coa boina na man e se lle agradecía que cumprise o seu deber levándolle unha ducia de ovos ou o mellor dos polos do curral. Milana bonita.

Hai case un par de décadas, Baltar pai confesáballe nunha entrevista lixérsica a Gonzalo Pérez-Jácome que era verdade o que se dicía: ir (boina na man) polo seu despacho da Deputación para pedir que o Sergas acelerase unha cita, funcionaba. “O que pasa é que ás veces dás con algún profesional e, claro, entón non é posible”, escusábase o vello cacique.

Mentres algúns seguen ancorados en prácticas dese tipo, o mundo seguiu xirando e o número de profesionais –na acepción de Baltar– semella terse multiplicado exponencialmente dende entón. Hoxe, colexios e sindicatos consideran de xeito unánime “indigno, frívolo e improvisado” o anuncio de Feijóo. Se non engaden “abertamente electoral” seguro que é só porque escoitaron a Miguel Tellado dicir que “o presidente da Xunta renunciou expresamente a facer precampaña” para “centrarse na loita contra a pandemia”.

Algo máis gráficas foron as Enfermeiras Eventuais en Loita: tras lembrarlle que a metade do seu colectivo segue en precario, suxeríronlle sen moitos eufemismos onde podía meter o cheque… Acumular centos (centos!) de contratos nuns poucos anos non é algo que se esqueza nunha fin de semana de turismo rural.

O cheque: 20 mil traballadores da sanidade, das residencias de maiores, centros de menores e de persoas con discapacidade recibirán 250 euros en bonos prepago de Abanca. Total, cinco millóns xestionados a través do banco herdeiro das caixas de aforros. Seguro que Escotet se prestou á iniciativa co mesmo ánimo de lucro que di ter no seu proxecto de universidade privada: ningún. Non me parecería tan mal se os ofrecese a propia entidade; así xa só nos debería uns 8.396 millóns de euros do seu rescate…

A Feijóo encántalle refuxiarse detrás dos traballadores da sanidade. É un argumento que vale para todo: para as listas de agarda, para a saturación das urxencias, para eliminar un paridoiro en Verín... Cando as consecuencias da súa xestión están no punto de mira, tira de mantra. “Non consentirei que se ataque os traballadores da sanidade”. Como se fose culpa deles. Se a frase se pronuncia no Parlamento, é o equivalente a unha luz vermella: o sinal para que a bancada popular rache a aplaudir.

É posible que se lle preguntan pola reacción de colexios médicos, sindicatos e plataformas, Feijóo repita que non consentirá que os traballadores da sanidade ataquen aos traballadores da sanidade. Tamén é posible que tralo aluvión de críticas acabe por retirar a medida. Aconteceu co peche do paridoiro de Verín e aínda tentou vendelo coma un trunfo. Como cando en 1984 aumentaban a ración de chocolate de 30 a 20 gramos por persoa.

Se algo así sucedese, lembrade: o único goberno que improvisa e dá tombos é o de Pedro Sánchez. O que fai a Xunta é outra cousa. E, se aínda vos quedan dúbidas, botádelle un ollo ás enquisas deste domingo…

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats