Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Proceso Electivo. Avaliación final.

Varias estudiantes se examinan de las pruebas de acceso a la Universidad en el Edificio Politécnico de Ourense.

1

Era 17 de xuño do 92, mércores. Tiña aínda 17 anos e era absolutamente libre. Lembro que deambularamos pola cidade, de Peritos a Portanet, non sei nin por onde, cuns pés que nin me tocaban o chan, paseabamos pola nosa propia felicidade, eramos catro amigxs, comprariamos uns xeados, viña a tardiña a canda nós, entramos nunha tenda todoacén, riabamos, comprei un libro (Historia da diplomacia secreta no s. XVIII, de Karl Marx)... e a noticia chegou: había que repetir o Selectivo.

Caeu a noite sobre nós.

Repetir o Selectivo... o que tiñamos que facer era que nunca máis se repetise. Porque... a ou para que servía a Selectividade?:

Para”:

1. Que os centros universitarios non se masificasen, o que rebaixaría a calidade. Curiosa e súpeta preocupación por un alumnado que estivo estibado sen problema en aulas de até máis de trinta uns anos antes. E eramos cen en primeiro de Filoloxía. Daquela sería máis ben para que non se democratizasen os estudos “importantes”, e hoxe coa baixada da natalidade e as as matrículas xa nin se explica.

2. Que o mercado laboral puidese absorber xs novxs licenciadxs. Con isto xa nos pegaba a risa nos 90, e eu vin carreiras como xornalismo pasar do pleno emprego ao puro paro en cuestión de menos de cinco anos.

3. Estandarizar o nivel de competencias dxs novxs universitarixs, clasificándoxs. E aquí estaba a semente da barbarie no milenio que andamos:

A” o Sistema. Non nos daba xa unha pista o palabro? Por máis que se reencarnase en PAU, ABAU, etc. nunca perdeu o nome popular, porque só diso se trata: de discriminar, porque cando se seleccionan froitas, que pasa coas que sobran? Onde van parar, incorporadas ao Aparato, as persoas?

Collín a vespino e tirei para Matamá, case chorando. Incrédulo. Non podía ser. De pequeno fora sonámbulo pero aquel era un pesadelo demasiado real. Non sei nin como nos comunicamos. Ao día seguinte díxenlle a Miñanai: “Marcho”. E alá fun no vitrasa e logo nun tren tomado pola carraxe e a alegría, rindo outra vez, xuntxs, petado de xente coma min a Santiago. “This train is bound for glory!” E amais de absolutamente libre fun feliz, porque botei unha noite en branco a falar de todo canto había, coñecín o meu primeiro amor compostelán e a camaradaxe, a falar de poesía e literatura dende a estación ao instituto Rosalía (onde iamos non-durmir), das Crechas ao almorzo e logo ao Reitorado... Perdemos, pero aprendín que non é igual ser libre ca estar ceibe. Para estar ceibx primeiro hai que se ceibar.

E o cribo do Selectivo é agora o da escola toda, a través das competencias (outra verba que non se escolleu ás toas, sinónimos tiña: capacidade, destreza, experimentación, habilidade, habelencia...) O “conceto” de competencias clave nace no cume da Unión Europea de 2000 en Lisboa, que decretou como obxectivo unificar as capacidades, perdón, estandarizar as competencias. A raíz atopámola no Informe á Unesco de Jacques Delors et alii (Comisión Internacional sobre a educación para o s. XXI), chamado A educación encerra un tesouro (sic).

Non podería estar máis de acordo.

A educación encerra un tesouro. Por iso che ten unha chea de piratas á espreita. O caso é que nin a educación debese “encerrar” nada (nin a ninguén) nin o seu valor é calculable. A cousa é que sen competencia, non hai negocio. Así que hai que pór a todo o mundo a competir. Hai que lle pór un prezo a todo. Un número. Hai que poder buscar, comparar e se se topa algo mellor, compralo. Hai que taxar, avaliar o valor. Pero só se pode valorar o observable, medible e avaliable, o que permita graduar o rendemento ou logro acadado: velaí os estándares (de aprendizaxe).

A educación ceiba a persoa. Os estándares entenden de máis ou menos, pero non de mellor ou peor. E por suposto esquecen x diferente. Como encaixar as intelixencias múltiples nas avaliacións estandarizadas? Volvemos botar man do palabrarío barato: facemos “agrupamentos”... e logo, que se fai no “grupo”? A facer “agrupamentacións” e mesmo “agrupamentacionaxes” chegaremos. Integrar non consiste en illar, senón en igualar a partir do mínimo común múltiplo: o agrupamento debería ser a medida máxima do grupo. Pero Carme Pomar rexeita baixar as ratios por aula por “seguridade socioemocional” (neoloxismo neolingüístico pandemial).

Facemos “coma quen que”. Facemos, a propósito, mal: “non vos demos cartos xa suficientes para normalización lingüística? Non tedes remedio”. Todo é igualdades e diversidades familiares e afectivo-sexuais ou NEE (necesidades educativas especiais) e ciquiñentas siglas máis para ao final termos que encaixar todxs no estándar avaliable.

Porque: si, o problema é estrutural. E vén de dentro e de atrás: entre o 97 e o 98 a FAES, o “laboratorio de ideas” do PP, o seu think tank, organizou unhas conferencias sobre educación. Xa daquelas, en Ejes para una reforma, se pedía un sistema máis selectivo, a avaliación en todas as etapas do sistema educativo, o fomento do esforzo persoal e unha formación do profesorado máis baseada nos coñecementos ca en teorías pedagóxicas.

E aquí estamos, abocadxs ao milenio do avaliacionismo e o dataísmo, onde absolutamente todo ten un número asociado, onde a importancia da creatividade queda reducida á súa condición de avaliable nun talent show, a Literatura e a Arte son historia (que non as Historias da), a Educación Plástica, Visual e Audiovisual, as Artes Escénicas e a Música (e por suposto a Educación Física) van desaparecendo pouco e pouco das probas e do currículo. As rrss lévannos camiño dos BigData e Kafka resúmese nun capítulo de Black Mirror.

Avaliar é impartir xustiza, e esta pode ser retributiva e distributiva, ou procesual e reparadora.

Temos avaliación o domingo. Final.

Hai que se ceibar.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats