Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A riqueza que xera o turismo

Decenas de personas en la Playa de Silgar en Sanxenxo.

0

Hai agora seis meses, cando o goberno español decretou o peche de todas as actividades non esenciais, a industria turística comezou a mirar con preocupación a campaña de verán que xa adiviñaban perdida, e moitos traballadores eventuais e moitos outros con contratos irregulares (ou sen eles) resignáronse a pasar unha tempada longa sen traballar e sen poderse acoller a ningún ERTE.

Naquel momento de sentimentos encontrados, exhibicións de fin de curso no balcón e aplausos ás oito, aos medios de comunicación asomou timidamente a idea (até ese momento impronunciable) de que se cadra, quizais, poida que, hipoteticamente había que ir mirando de... cambiar o modelo turístico. Na présa por procurar semellanzas con anteriores crises (algo que sempre reconforta), a moitos ocorréuselles que aquela burbulla do turismo que non deixaba de medrar na Galiza desde o 93, parecíase moito, moitísimo, a aqueloutra do tixolo e a as hipotecas que nos metera de cheo na crise de 2008.

Como aínda estabamos en shock pola pandemia, a crítica ao modelo depredador actual deslizouse silandeira nos poucos editoriais que se fixeron sobre o tema, e ningún dos sospeitosos habituais puxo o grito no ceo desde os estudios da CRTVG nin desde as páxinas dos moitos xornais decanos da prensa galega. Con moitos sectores de produción parados ou baixo mínimos, virámoslle as orellas ao lobo e non estabamos dispostos a repetir erros.

Pero a medida que ían pasando as fases de desescalada, coa présa por poñer en marcha a máquina outra vez, todas esas boas intencións quedaron polo camiño: a hostalería e o turismo abriron as portas antes que servizos esenciais como os centros de día ou as escolas infantís (“cumprindo todas as medidas de seguridade”, insistiu Feijóo no seu paseo preelectoral polos medios, dando por feito que os bares si, pero os servizos asistenciais dependentes da Xunta non estaban en situación de cumprir ditas medidas); o conselleiro agora fulminado Vázquez Almuíña anunciou un cheque-regalo turístico como agradecemento cuqui para todo o persoal do Sergas e de Servizos Sociais, a versión institucional do “cómprate algo bonito”; concellos coma o de Santiago déronlle unha patada no cu ás traballadoras eventuais da lista de contratación da Oficina de Turismo para poder redirixir eses cartos cara ao sector privado, que estaba a pasalo moi mal, e as 40 vivendas protexidas que a Xunta levaba anunciando nun solar de Xoán XXIII desde hai 16 anos vanse reconverter, por obra e graza da conselleira Ángeles Vázquez, nun xardín “de cara ao Xacobeo”.

De cara ao Xacobeo, ou de cu, se mo permiten, imos todos os galegos, e a unha velocidade que dá vertixe. Non hai máis que ver os últimos cambios no gabinete de Feijóo, que lle arrebatou a competencia do Xacobeo, quero dicir de turismo, á consellaría de cultura para poñela directamente baixo o mando do vicepresidente Rueda. A cambio, Rueda apresurouse a comparecer no Parlamento para anunciar a bocas cheas a creación dun rimbombante Plan Estratéxico da Década Xacobea. Se non queren caldo...

E que ten de malo o Xacobeo? Ou o turismo, xa que estamos? As que criticamos este modelo de turismo, e especialmente os macroeventos do Xacobeo, escoitamos decote a mesma ladaíña: “neste país vivimos do turismo, se os tratamos mal e non volven, de que imos vivir entón?” O certo é que o turismo é un sector importante (11% do PIB galego segundo Turgalicia) que decote está sobre-representado nos medios e no imaxinario colectivo: quen non apoia sen fisuras a industria turística está en contra do progreso, ou ten envexa, ou é un perigoso anarquista que só procura afundir o país.

Alén do bombardeo constante en certos medios e da discusión maniquea entre turismófobos (sic) e turismófilos, cabe preguntarse cales son os punto débiles deste modelo de turismo que, malia todas as promesas que nos fixemos nos días dos aplausos, non vai cambiar nos próximos anos.

Por unha banda está o gasto: a Xunta de Galicia inviste cantidades millonarias en actuacións para fomentar o turismo que supostamente reverten no beneficio económico do país, é dicir, de todos e todas, pero é difícil poñerlle cifras a ese beneficio nacional cando son empresas privadas como o Clúster de Turismo de Galicia as que ditan as liñas de actuación da Estratexia 2020 do Turismo, orzada con 239 millóns de euros, e ao mesmo tempo se benefician desas liñas estratéxicas, recibindo unha parte gorentosa deses cartos por poñer en marcha iniciativas difusas cuxos títulos inclúen moitas sinerxías e moitas implementacións pero nunca datos concretos.

Alén das grandes empresas e os touroperadores, outros personaxes que gañan co turismo son os especuladores locais, hostaleiros que se enriquecen con dous ou tres negocios en zonas clave e, lonxe de crear emprego, invisten as súas ganancias en máis negocios turísticos, onde as condicións dos traballadores non están recollidas en ningún convenio, porque na Galiza está socialmente aceptado que a hostalería é un negocio duro e mal pagado, un negocio que sen dúbida xera riqueza para os seus promotores, mais non deixa rastro dela no seu contorno. Isto podería mudar, polo menos en parte, se a Xunta puxese en marcha iniciativas coma o selo ético proposto polas asociacións de camareiras de hoteis (kellys), que -triste é ter que dicilo- distingue os establecementos que respectan o convenio laboral e o benestar das súas traballadoras, ou se implementase, xa que lles gusta tanto a palabra, a taxa turística que xa funciona en moitos países e que, contrariamente ao que pensa Feijóo, non espanta aos turistas nin deixa as cidades desertas.

Por outra banda, está a perda da identidade. No nome do turismo, que nos vai dar de comer a todos, aceptamos que calquera espazo de interese pase a converterse nun parque temático, tanto ten que se trate da praza de abastos de Compostela ou das pallozas do Cebreiro, e os habitantes naturais rematamos por asimilarnos a este entorno idílico para turistas, tentando sacar algún tipo de beneficio da invasión: os comercios tradicionais reconvértense en tendas de souvenirs, os servizos encarecen, e os costumes de cidades e vilas turísticas mudan rapidamente para adaptarse ao que os visitantes esperan delas. A propia fisionomía do país está a experimentar un cambio irreversíbel, que máis cedo que tarde rematará por arredar os turistas do escenario que se creou para eles. É o paradoxo da “autenticidade”: os visitantes veñen en masa buscando os lugares enxebres que ven nos anuncios, perante a demanda estes lugares de referencia comezan a inzarse de AirBnB e Starbucks, e ao cabo duns anos até o turista máis teimudo abandona o lugar na procura de paisaxes máis auténticas... Este modelo de turismo de masas que se inaugurou en tempos de Fraga e que alentan Rueda e Feijóo é moi lesivo para a supervivencia do país pero tamén para a do propio turismo.

Que o sector está a sufrir moito despois destes seis meses é innegable, como o é o feito de que os que máis sofren dentro do sector son os traballadores e traballadoras que non están protexidos abondo pola regulación actual: as kellys que cobran unha miseria a hora por un dos traballos máis duros que hai, os camareiros que traballan 12 horas nun “ambiente familiar” con contrato de catro, as recepcionistas ás que non se lles paga a nocturnidade nin todos os idiomas que lles esixen, as traballadoras do sector público sempre a expensas de que a administración non decida empregar os cartos das súas bolsas de traballo en subvencionar clusters de empresas... Coa présa por volver á vella normalidade e por devolverlles os seus vellos traballos precarios, esquecemos que a escolla nunca debería ser entre non ter traballo ou ter un traballo con condicións ilegais. Se o turismo xera riqueza, terá que xerala de forma distributiva, e se non, se cadra, é que non xera tanta riqueza como pensamos.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats