Esa sorprendente primavera europea
Que pasará o día 3 de novembro en Estados Unidos? Perderá Trump as eleccións ou gañará? Aceptará Trump os resultados? Os comicios en España o 29N son importantes. Non van da mera alternancia. O que se decide é o modelo social e político, non o modo en que se acentúa. As pensións, a sanidade, a educación, “todo está sobre a mesa”, para dicilo como o inefable portavoz de Vox. Non hai que ser moi imaxinativo para pensar que tamén o sistema autonómico pode ser posto en causa. Ou, se me apuran, as propias liberdades: tamén en España se escoitan voces que afirman que hai que limitar o dereito de manifestación. En Francia óese algo similar. Europa non está no seu mellor momento. En España, estas eleccións poden marcar un cambio cualitativo. Un cambio de réxime.
Agora ben, o que suceda da outra beira do Atlántico é determinante. Ata o de agora a UE fixo gala dunha notable aquiescencia coas posicións de Trump, coma se esperasen que fose un mal soño que ha de pasar. A simple vista non é unha conduta moi honorable a dos líderes europeos, e tampouco é seguro que sexa intelixente, pero esa foi -segue sendo- a sensación que deron nas súa idas e vindas. Por fortuna, o papa León XIV, como antes o papa Francisco, definiu posicións doutrinais e morais que supoñen un faro de moderación e equilibrio resistindo no medio da tormenta. O contraste cos líderes europeos é elocuente.
En todo caso, o que suceda nos Estados Unidos compón o marco no que se vai desenvolver tanto a UE como un posible goberno español de dereitas. O obxectivo non disimulado da actual doutrina estratéxica norteamericana é fracturar a UE co concurso das dereitas patrióticas. Se Le Pen, Meloni, Weidel marcan o paso en Europa os obxectivos estratéxicos das dereitas de España terán escasos límites.
Con todo, a novidade, a día de hoxe, en Europa non provén da política institucional, senón das inesperadas ondas de protesta, fundamentalmente xuvenís, en Francia, Bélxica, Alemaña e España. Esa sorprendente primavera europea mostra que hai máis cousas no ceo e na terra das que son previsibles polos curtos politólogos de garda, que todo o calculan e non ven vir nunca nada. Talvez está cambiando a dirección do vento? Hai unha fatiga do astroturfing -busquen a palabra- e das granxas de bots, esas factorías de cuñadismos cósmicos, groserías, impertinencias, mala fe?
O fío común das diversas mobilizacións é a manifesta incoherencia dos argumentos que, na esfera pública da UE, non atopan grandes inconvenientes para defender o aumento do gasto militar (suxiren que o keynesianismo militar é a vía para unha rápida reindustrialización, fertilizando o terreo para que a guerra suceda) pero que, en flagrante contradición, consideran que cada euro gastado en vivenda, salarios, sanidade, educación, pensións, etcétera, é un gasto que dificulta a competitividade. Para o gasto militar, barra libre. Para o gasto social, disciplina fiscal. Como se a experiencia europea non mostrara exactamente o contrario.
As elites europeas están reformulando a UE. Por que? A que intereses serven? Como é obvio, alguén quere quedar coa torta privatizando todo o que as sociedades admitan privatizar, aínda sendo plenamente conscientes da dor social que iso implica. Pero vivimos na era da política da crueldade. Ata que o búmerang xire, esa é a inercia.
Pero é o caso que esa outra onda de movemento social que vai en sentido contrario, que restaura unha lóxica de esquerda, existe. Tamén en España. E non está tutelada por ningún partido de orde, nin agrada ao pensamento “petimetre” e relamido. Esa onda, antes ou despois, vai ter un papel na transformación da atmosfera social. Se a política fai o que se esperaría dela, debería estar atenta ás demandas da nova xeración: ter sensibilidade e orellas.
Hai máis, e creo que se repara pouco neste punto: a esa reacción social hai que sumarlle unha paulatina saída do suicida, para a esquerda occidental, paradigma da terceira vía. Esa catástrofe política e intelectual (o grande sociólogo Anthony Giddens non tivo un bo día cando a concibiu) fixo esvaecer o perfil do socialismo democrático. Un borrado de perfil que se veu sumar á implosión, inmediatamente anterior no tempo, dos partidos comunistas europeos.
De feito, tanto nos Estados Unidos como en Europa comeza a emerxer un pensamento económico que cuestiona tanto o neoliberalismo como o mercantilismo ou o anarcoliberalismo en auxe, desacreditados estos últimos pola súa posta en práctica nos Estados Unidos e Arxentina. A teoría monetaria moderna, por exemplo, é unha corrente á que lle hai que prestar atención. A TMM, crítica da austeridade fiscal, permite concibir un novo New Deal e fortes programas de expansión do gasto público. El mito del déficit ( Taurus, 2021), de Stephanie Kelton, é unha porta de entrada a unha revisión da ortodoxia económica.
Kelton foi asesora de Bernie Sanders e AOC. Máis aló da TMM, Mariana Mazzucato, Piketty, Branko Milanovic, Stiglitz intentan aportar elementos para unha crítica superadora do capitalismo realmente existente, obsceno na desigualdade, impúdico na concentración de poder e groseiramente apoiado por indecorosos medios de comunicación. A clausura do futuro é a gran trampa na que quedan asolagadas as sociedades. Por iso hai que insistir en que os días felices son posibles, malia as escandalosas mentiras que pretenden o desánimo colectivo.
Con todo, o escenario non estaría completo se non sucede tamén isto outro: o retorno dunha dereita moderada. En toda Europa, os conservadores están sucumbindo aos cantos de serea da extrema dereita. De manter esa actitude, ou esa política, será un suicidio para eles, como o foi a terceira vía para os partidos socialistas. O Partido Conservador británico xa desapareceu virtualmente, como a Democracia Cristiá en Italia a mans de Berlusconi, ou o gaullismo en Francia. Veremos que pasa coa CDU/CSU alemá ou co PP, que pode ser fagocitado por Vox, a pouco que se descoide. Unha dereita cívica e civilizada, sensata e democrática é necesaria. Mario Draghi e o novo código de Camaldoli constitúen unha visión reformista a ter en conta. León XIV pediu hai un tempo ao PPE que recupere as raíces da Democracia Cristiá. Non sería mala cousa.
Sexa como sexa, de producirse unha implosión dese espazo, terá continuidade unha radicalización da sociedade, operada por partidos ultras, que levará a escenarios que é mellor non imaxinar. Bótanse en falta pensadores que imaxinen, desde a óptica dun conservadorismo esperanzado, o futuro, e que intenten orientar o presente. Non que imaxinen un “cambio de réxime”, como Patrick Deneen e outros posliberais, movidos polo resentimento contra os seus demos imaxinarios -woke, naturalmente-, senón xente con xenerosidade como o foron noutro tempo Jacques Maritain, Emmanuel Mounier ou Simone Weil.
John Gray é interesante, sen dúbida, aínda que sexa talvez un home que sone a outro tempo. En España José María Lassalle é todo un exemplo de ponderación, virtude cada vez máis en desuso na tóxica atmosfera do noso tempo. Esperanza, ponderación, magnanimidade: palabras que merecen volver ao vocabulario colectivo.