Os matices en política
A política económica é unha parte da política xeral que ten por obxecto a planificación, a xestión e o exercicio das accións de política económica desde o goberno. Todas as accións de política económica non precisan dun orzamento; o só uso nunha dirección ou noutra dun instrumento tan discreto como son o DOG ou o BOE pode modificar fondamente a vida dun pobo.
Prohibindo unhas determinadas accións ou permitindo outras ou fomentando aqueloutras, as diferenzas de resultados están á vista. Por exemplo: prohíbese fumar en tales espazos. Mudou completamente a vida en saúde do conxunto da cidadanía. Outra: é obrigatorio o ensino entre os 6 e os 16 anos. Terceira: todos os cidadáns teñen dereito á asistencia sanitaria gratuíta. Ou: queda declarado de interese estratéxico o proxecto de instalación dunha celulosa por parte de Altri. Ou ben: quedan retirados todos os fondos públicos para gastos referidos á memoria histórica. Ou: a Igrexa Católica pode seguir desfrutando dos fondos públicos do Estado español en forma regular e crecente grazas aos concertos no ensino ou a recadación no IRPF de fondos con destino a esa confesión relixiosa. E poderíamos seguir con alíneas numerosísimas só para ilustrar que as normas son unha arma de política económica poderosa.
Mais é igual de interesante o aspecto que consiste en examinar o que non hai ou como se controla e coñece o que hai. Se nos referimos ao exercicio das liberdades democráticas esperábeis sendo unha delas o dereito ao coñecemento das actuacións públicas, a cada paso atopámonos cun muro de burocracia ou simplemente de inaccesibilidade que converte en inalcanzábel o obxectivo social da igualdade de oportunidades. E se examinamos a capacidade de exame e control do labor de representación e xestión dos gobernantes, xa atopamos non un muro senón a grande muralla chinesa.
A cita do matiz chega neste momento xa que non hai igualdade nen semellanza homologada entre os compoñentes (chamémoslle corpo militante ou de adheridos) dos partidos políticos con denominación vixente ao longo das últimas décadas. E de súpeto batemos con algo pre-político, pre-democrático e pura e simplemente de expresión humana en comunicación. Tal é o uso do idioma noso. Para nos entender: sería impensábel que Manuel Fraga tivera adoptado na Galiza o español como idioma de comunicación e, non obstante, Rueda é un asiduo utente. Tanto ten para quen fale, onde fale e do que fale: a predominancia, prevalencia, ou presencia esmagadora do español, é marca da casa (da súa casa).
Dado que a lingua utilizada é o único vehículo de comunicación entre seres humanos non mudos, debemos interpretar que esa militancia no uso do español debe ser entendida noutro rexistro distinto do da política do seu partido político. Nós entendemos esta conduta ao revés do exame habitual / usual. Non é que o PP con residencia na Galiza se teña españolizado: xa era, e non adquiriu novas cotas. A cuestión xorde dun matiz que ten pasado desapercibido: o actual presidente da Xunta ten unha incapacidade laboral transitoria para se expresar no idioma do país (oficial do país).
No PP saben e agardan a que este asunto molesto sexa transitorio ou eventual, precario, temporeiro, de persoa inmigrante sen integrar, de persoa dos de fóra que ten que vir para dentro... etc., permitíndonos engadir máis posibilidades, por exemplo: para ser presidente hai que ter algún CELGA (Certificado en Lingua Galega) aprobado? No PP agardan a estar representados por un xefe que cumpra segundo o esperado, con dignidade, o papel de máximo representante dun país con lingua propria, que cumpra a lei.
Hai militantes do PP que pasan vergoña ao escoitalo. Hai destacados representantes institucionais que levan coa dignidade inherente de se saber galegos o uso do idioma como vehículo de comunicación normal que debería ser. Hai conservadores galegos non adheridos ao PP que expresan con estrañeza esa ausencia comunicadora. E, logo, os que sendo pouco críticos cos defectos dos exercentes do poder político copian formas e maneiras e pensan que falar español é máis in que se expresar no idioma proprio. E aí acaban os matices.
A secuencia de anti-pedagoxía social remata no ridículo. Non hai máis para onde ir. Pero hai país por fóra e por riba de Rueda e a súa incapacidade para ben representar. Haino, con capacidade tanto política como cívica: na Universidade, no ensino en xeral, nas organizacións culturais cidadás, nas organizacións e clubes deportivos, nas organizacións sindicais, nas empresariais... no amplísimo conxunto das organizacións de todo tipo que poboan a sociedade actual de calquera tipo de actividades sociais (é dicer, realizadas en sociedade).
O presidente da Xunta só ten compañeiros de militancia recalcitrante en organizacións que por mal entenderen a natureza dos seres humanos socializados nun país cren que hai un idioma universal chamado español que viste, reviste e unta de maneira pegañenta autoridade. Son algúns membros das forzas e corpos de seguridade do Estado e algúns membros despistados da Igrexa Católica. En exercicio das súas funcións adquiren unha máscara de persoa (no sentido do teatro clásico) ao falaren en español, ao se dirixiren ao administrado nese idioma mesetario na crenza (inxenua ou ignorante) de que o español: AR! imprime carácter.
Se o uso da autoridade aínda que sexa con armas polo medio só se pode valer do español, case nos imos sentir cidadáns tratados como colonizados: arríncoche todo empezando polo nome e o idioma (debeu de decir Hernán Cortés ao comezar a conquista). Se así cren que está mellor exercida a autoridade, van dous pasos por detrás do que é o preponderante: chinés e inglés. Nesa orde para mirar cara ao futuro e se do presente se tratar poderíamos seguir pensando que ornear en inglés confire autoridade. Tamén pode pasar como dixo un meu amigo músico: o problema é que ese é idiota tamén en inglés.
O idioma alleo, o idioma comprado, vale se é o único instrumento de entendemento entre dous comunicantes de distinto país cultura e idioma. De non ser así, mellor copiemos aos británicos que nunca aprenderon outro idioma distinto do seu. Eles son historicamente falando o pobo menos experto en idiomas estranxeiros de todo o mundo. E non padeceron nada usando o seu propio idioma, nen se abaixaron a cambiar para ninguén.