Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Réquiem por Xosé Manuel Beiras

8 de octubre de 2026 10:06 h

0

Deito estas letras no papel buscando unha inmunización da miña fonda dor neste país que enterra mellor do que trata en vida. Ti que chegaches a este mundo en Compostela nos estertores dunha II República “canda a Fronte Popular” e fuches criado ate a túa mocidade polo exilio interior no legado da Xeración Nós e as Irmandades, decides agora partir neste presente ateigado de ameazas autoritarias. Ti que nos aprenderas que a historia non se repite ciclicamente, mais ten vasos comunicantes coa tanxente da espiral que nos conecta co pasado. “O sistema mundo é un enorme manicomio controlado por sátrapas ou sádicos” ou “vai sendo o momento de que vos preparedes para facer política na semi-clandestinidade”, eran algunhas das frases que nos dicías nas xuntanzas dos últimos tempos.

Cando hai máis de tres décadas tiven a oportunidade de comezar a tratarte persoalmente, ti xa eras, ti xa fixeras. Abdico polo tanto de participar no eterno debate ao redor da túa figura humana e que, ás veces, nos afastou do teu legado intelectual e político. Non teño dúbida de que, co paso dos anos, este se instalará na historia e no tempo, influíndo no pensamento das xeración futuras e nutrindo o corpo da esquerda, o soberanismo galego e o país no seu conxunto.

Fuches por sempre alumno do mestre Pereira, o Presidente que merecemos e nunca tivemos, un economista con vocación docente exercendo dende a túa cátedra na USC, un extraordinario voceiro parlamentario “zapato en man” que todas desexabamos escoitar, e a persoa que axudou a fundar e liderou o Partido Socialista Galego, o Bloque Nacionalista Galego e Anova-Irmandade Nacionalista, espazo este no que militaches activamente ate os teus últimos días. Dentro das túas múltiples facetas a da escrita e a tradución non foi menor. Co teu libro O atraso económico de Galicia inauguraches o campo do pensamento económico galego contemporáneo e, dende Pepiño (Conto) no 1953 ate Retratos en fite no 2022, deixaches un ronsel de obras individuais e colectivas que ocuparán un lugar sinalado no universo literario galego.

O que a xente do común non sabe, Xose, é o feito de que a música foi sempre o teu refuxio, alimento e menciña. Téñoche comentado nalgunha ocasión que co paso dos anos cheguei a entender que toda a túa praxe académica, literaria e nomeadamente política foi en síntese a interpretación dunha partitura co seu silencio, a súa pausa e o seu rubato ao servizo do país. Unha escoita do Réquiem de Verdi na compaña da túa nai detonou o inicio da recuperación da túa baixada aos infernos a finais da década dos setenta, e as melodías que cada día interpretabas no teu piano da Reboraina de Aguiar convertéronse en pílulas contra a soidade e a dor tras a marcha de Aurichu, o teu amor libérrimo de madrugada. Os Sonetos de Prtrarca de Liszt, as sinfonías de Beethoven, o intermezzo de Brahms ou a túa inseparable Alfonsina de Ariel Ramírez exerceron de antídoto contra o mal de aire. As limitacións físicas dos últimos tempos e a imposibilidade de pousar os dedos no teclado para arrincar notas foron o preludio da renuncia de Beiras en vida. O Beiras deixaba de ser o Beiras.

“A Madrid só de embaixador”

Cada vez que che preguntaban se ías ser deputado en Madrid, retrucabas dicindo “a Madrid só irei en condición de embaixador”. A túa biografía dende a mocidade está inzada desa vocación diplomática na defensa dun ideal por esa “Galiza verdencente espranza”. De feito, transitaches tres terzos do século XX e un terzo do XXI en contacto cos ventos xustos do cambio ao servizo da nosa terra, entendendo que ás veces sopraban dende outras partes do mundo. Fuches o principiño do galeguismo piñeirista, o estudante que xunto ao Ferro e Mourullo rachou con este pola esquerda, o seareiro das representacións de María Casares en París, debedor da obra de Sartre, Camus ou Memmi, o líder galego dun traizoado socialismo ibérico, un dos moitos excluídos polo pacto baixo corda da Transición, o fascinante voceiro dese Fronte Amplo que o BNG quixo ser nos noventa, a antítese de Fraga, o amigo de poetas, músicos e pintores, o representante patrio das excluídas no altermundismo, o retratado con palabras por Galeano, e o que máis arriscou por construír na década dos dez un espazo de Unidade Popular que respectara o dereito das diferentes nacións do Estado a decidir o seu futuro.

Durante este treito de vida onde tiven a sorte de coincidir contigo, aprendín moito máis do home caído e libre que do home triunfante e condicionado polas responsabilidades. Podendo elixir, optaches por alistarte de corazón coas condenadas historicamente a perder, escollendo non acomodarte. Foi entón cando descubrín á persoa agochada detrás do personaxe, esa dimensión descoñecida dunha figura pública única e irrepetíbel. Tan só por iso, son alguén afortunado.

A liña do horizonte anticipa un inverno que teima en roubarlle as follas do calendario ao outono. Vivimos nun lugar de dúas estacións coa choiva como bágoas para esta despedida. A túa vida fala do mito de Sísifo, aquel que experimentou a liberdade cando rematou de empurrar o penedo uns intres antes de comezar de novo. Agora tócanos continuar a nós.

Polos rueiros da nosa historia marcha paseniño o noso Comandante sen exército para unha revolución.