Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Vivenda, salarios e traballadores

0

O actual tema de interese político primordial da vivenda comeza a se acompañar doutros asuntos do mesmo nível e da mesma importancia para tratar da vida dos traballadores. Non só hai un grave problema de carestía e de acceso á vivenda. Os salarios parece que non evolúen coa mesma velocidade que a produtividade e, por suposto, moito menos que o crecemento pornográfico dos beneficios dos monopolios dominantes -financeiros e dos outros- e, para rematar, a inflación preocupante fixo aparición e fai aprofundar a fenda entre salarios e poder de compra. Se a vivenda seguiu unha senda de encarecemento continuo, neste momento, visto desde a incapacidade de acceso, non é menos relevante observar con certa distancia o pasado recente das execucións hipotecarias que tantos dramas e tanta vida levaron por diante, na recente, e aínda non esquecida, crise financeira. E non mudou nada.

A vetusta lei hipotecaria española que afunde as súas raíces no século XIX, vixente desde 1946, non foi modificada en termo algún que garanta dereitos dos hipotecados en situación extrema. Aquí non hai posibilidade certa -como un dereito- da dación en pago e ante a incapacidade de lle facer fronte ás cotas debidas, o banco faise co ben -a vivenda- coa débeda da hipoteca e cos intereses que vaia xerando esa débeda. É dicer, os hipotecados desafiuzados poden deixar de herdanza aos seus parentes a débeda co banco. O único modificado é un artigo -deses que expresan desexos- que di que banco e hipotecado poden pactar a entrega do ben se se deixan de pagar as cotas. Bon, de verdade, unha ilusión, un desexo nun ambiente de optimismo pánfilo.

Agora, minorado en grande parte o desexo de se facer cunha vivenda en propiedade, dada a conxuntura económica de precariedade e baixos salarios, aparece pola vía do aluguer o problema da vivenda, que é crónico e non foi enfrontado por ningún goberno desde hai décadas. Na Galiza non hai escusa: as competencias en vivenda son todas da Autonomía, a Xunta mira para outro lado, non exerce máis que para propaganda e, das miles de vivendas anunciadas desde hai oito anos, acaban de facer entrega con exhibición de aporofobia e mecanismos de compensación católica (“gárdea como se fose súa”) a 24 titulares de vivenda novas, os primeiros dunha lista de agarda de máis de 35.000 persoas, das que arredor de 10.000 agardan por unha vivenda pública en aluguer. Ulo? Onde o buscamos?

A cifra media do PIB per capita na Galiza no 2025 é de 31.815 € e a da renda persoal dispoñíbel media é de 17.793 € con aluguer imputado. Tanto unha como outra destas cifras pode ser utilizada para derivar análises favorábeis a unha política económica, a tal outra, facer fincapé nun aspecto ou opacar outros -menos relevantes ou favorábeis-aos intereses do/a analista. Non é que defendamos que calquera perspectiva é orixe de manipulación, mais a mesma cifra pode valer para unha ou outra política económica, neste caso de vivenda.

Antes de facer uso das mesmas cumpriría contar con todos os matices necesarios para distinguir as cifras medias das máis frecuentes, así como as diferenzas territoriais e do acceso fácil a todos os bens salariais, as diferenzas por xénero e orixe nacional, e os diferentes tramos salariais. Por iso é preciso botar a ollada a outros capítulos de gasto á parte da vivenda como é o transporte necesario para traballar ou acceder a outros servizos: educación, sanidade, relacións coa administración, compras xerais, ocio... Poderíamos pensar que a Xunta de Rueda, visto que non están dedicados a facer vivendas públicas ou a solventar o problema dos alugueres escasos e moi caros, é porque están envorcados en ser proactivos noutros asuntos que, pertencendo á actividade público/gobernativa da redistribución da renda, serían colaboradores netos á mellora do nível de vida dos traballadores. Mais tampouco é así.

Vexamos como caso ilustrativo o tema dos transportes públicos. As vivendas dispoñíbeis nas cidades -incluídas as que teñen zonas tensionadas- son escasas, moi caras e nalgúns casos con ofertas non adecuadas: má calidade, más condicións de habitabilidade, contratos por temporada... Mais nalgúns casos, como pode ser o caso de Compostela, a urbe está rodeada de vilas ou bairros dormitorio que albergan traballadores de vida laboral en Compostela coa obriga dun/s desprazamento/s diarios en turismo particular, engadindo ao custo da vivenda o do transporte privado: tempo a maiores, gasto de desprazamento e de aparcamento e de novo máis tempo persoal empregado nesa función indispensábel para traballar e ter unha renda dispoñíbel. E non, aquí tampouco traballa a Xunta.

Como é sabido, pero pouco recordado (eu fago tipo martelo maza de canteiro), na Galiza non hai tren de proximidade e nalgúns casos nen de lonxanía, non hai metro de superficie, e o que é pior, nen podemos agardar por el porque aos gobernantes non lles acorda. É máis, na área comarcal de Compostela, grazas á maxia do condenado AVE, pecharon apeadoiros que antano daban servizo a moitos núcleos habitados da contorna, significando un descenso evidente da calidade de vida. De que non hai servizo de tren con Lugo desde Santiago, non é preciso máis que lembralo como no caso das comunicacións vía férrea de Ferrol e por suposto Lugo/Mariña, e Lugo-calquera parte das comarcas do oriente.

Imaxinemos o que suporía desde a perspectiva do aforro en gastos diarios de transporte que todas as comarcas periurbanas dispuxesen de servizo de tren ou de metro de superficie. Desde poder utilizar vivendas en vilas pequenas e medianas até as vivendas de aldeas abandonadas pero facilmente recuperábeis. O aforro en transporte vén unido ao aforro en consumo de vehículo privado (soportamos a cifra récord de 1 turismo por cada dous adultos), que é un gasto imprescindíbel en cada casa de traballadores con vida en núcleos pequenos o vilas pequenas. A Xunta colaborou de forma negativa a que a redución destes gastos sexa posíbel. Non queda máis que observar como o cuase monopolio de transporte de viaxeiros por estrada está en mans de Monbús, que exerce esa vantaxe/privilexio de modo e maneira que cada vez o servizo proporcionado concita máis protestas, xa que non hai cobertura suficiente de traxectos moi demandados e nos que a garantía de horarios é imprescindíbel para a vida diaria. Xa foi ben expresado polo Vicepresidente da Xunta referíndose ao transporte de viaxeiros con orixe e destino Ferrol: é imposíbel cobrir a demanda (???). Bon, onde non hai, non se pode esperar.