Un blog de elDiario.es Galicia en el que encontrarás pequeñas cosas que caen en la red y dan que hablar.
A crónica rap de Dios Ke Te Crew volve ao escenario: novo EP e concerto en Santiago
Sobre un riff de sintetizador e unha base crebada, electrónica, avisan: “Só quedan os mellores / na nosa escena core / Non podes parar / este xogo é ata a morte / baila ou morre, vamos, bule”. É a Danza Maldita dunha das agrupacións decanas do rap galego e en galego, os Dios Ke Te Crew. Tres anos despois do seu último disco longo, O Ciclo da Serpe, cuxas presentacións acabou abortando o coronavirus, volven ao escenario este venres, 27 de maio, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. E fano ademais con novo material, un EP de título confesional, En que ano estamos?
Cinco cancións e unha intro, En que ano estamos? É tamén o rexistro dunha evolución. A que levou a Dios Ke Te Crew do rap combativo do seu debut Xénese (2006), peza fundamental da música galega de inicio de século, á revisión funk e, agora, ao eclecticismo ben asimilado da súa produción última. No EP hai ragga, hai vella escola, hai hardcore, hai mesmo aires latinos urbanos, e trazos de crónica da época: redes sociais, prensa, a crise climática ou unha irónica lectura sobre os tópicos da galeguidade e a ollada exterior en Orixinal Galego, featuring os xefes do trap Boyanka Kostova. “Son máis galego que o feísmo / atrévome a dicir que ata máis que o caciquismo”, comeza un tema que servira como adianto xa no último verán.
En que ano estamos? non ten, polo momento, formato físico. Si dous videoclips, o de Orixinal Galego e o de Haters, ambos os dous dirixidos por Xaime Miranda. E outro featuring, ademais dos Boyanka Kostova, o da viguesa High Paw en A molar, que introduce soul e raggamuffin no discurso da Crew. Todos subirán ao palco da Capitol este venres, nun concerto incluído na programación das festas patronais de Compostela, as da Ascensión.