Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Gays que fan cousas

0

“Rematou xuño, xa podedes deixar de ser gays”. Non o digo eu, proclámao Twitter coa ironía aceda que o caracteriza: sempre a cabalo entre resultar interesante e ser o cuñado de esquerdas máis pesado da mesa. Que fina esa liña. O caso é que xa podedes retirar a bandeira multicolor das vosas marcas, negocios, fotos de perfil públicas e privadas... Incluídas as redes sociais do Partido Popular, cuxos votantes, imaxino, non nolo perdoarán xamais. Nesta altura, falar aquí sobre a mercantilización do queer —e dos feminismos, e do ecoloxismo…— non sería novidade: é xa máis que evidente que as grandes marcas e mesmo a dereita política —seguindo os pasos da esquerda moderada— saben que o correcto, o socialmente aceptado por unha maioría máis ou menos silenciosa, é dicir que ser gay está ben, igual ca reciclar ou que existan as mulleres. Estou sendo irónico, pero tampouco tanto. Rasquen un pouco e verán.

Máis que o orgullo de pertencer á comunidade LGTB+, a análise das nosas eivas e necesidades ou a visibilización das nosas demandas, o que apoian este tipo de campañas publicitarias masivas —tan masivas que van dende as grandes corporacións ata as mensaxes de WhatsApp da veciña do segundo esquerda— é a idea de que resulta positivo que lles pareza ben que sexamos gays. Isto, cada vez, vai menos sobre nós e máis sobre eles. Pero aínda así, créanme, aféctanos.

Hai meses, escribía aquí que ser gay, queer, non é unha personalidade. É certo que existen manifestacións culturais valiosísimas vencelladas á nosa comunidade, froito da súa loita, da súa historia de opresión e do imaxinario infinito que fomos quen de desenvolver mentres sobreviviamos. Pero como acontece con todas as minorías, reducirnos aos nosos símbolos é tamén invisibilizarnos. A primeira vez que publiquei un libro, o xurado do premio ao que me presentei estaba seguro de que a autora que se agochaba detrás do orixinal era unha muller. O motivo? Eu escribía sobre o desexo por un home. Seis ou sete anos despois daquel premio, un poeta recoñecido, pioneiro na reivindicación do discurso homoerótico comentoume estrañado: “Pero os teus libros falan sobre ser gay?”. Vese que non o suficiente.

En ambos os dous casos, o importante é a diferenza, a sensación de non pertencer a un esquema exacto: a miña orientación sexual non é unha liña de puntos pola que recortar obedientemente, non precisa un filtro en Instagram. Xuño non debera ser o mes dos gays que fan cousas. Moito menos un lavado de cara para algunhas marcas ou unha esmola que faga que os privilexiados, os donos dos outros once meses do ano —e deste tamén, para que enganarnos— se sintan modernos, conformes. Xuño debe ser o mes do orgullo, do revisionismo histórico, das mobilizacións sociais… Unha bandeira multicolor pode ser o anuncio dun lugar seguro, un sinal; pode ser o recordatorio de que formamos parte da mesma sociedade ca todas as demais cando se pendura na balconada dun concello, dun ministerio ou un reitorado; pode ser un primeiro paso adiante cando se anoa en forma de pulseira na man dunha adolescente; pode ser o motivo polo que nos sorrían mentres camiñamos pola rúa ou a razón de que nos maten… Todo isto, pero tamén nada, pode significar unha bandeira.