Quen vai querer ler sobre as eleccións?
É domingo. Á hora na que este artigo se actualiza na web, á hora na que se difunde en redes sociais, e sobre todo á hora na que a súa autora se espreguiza, lembra que hoxe ten artigo no xornal e o comparte nas súas redes para o feixiño de amizades virtuais que xuntou, xa haberá moita xente que exerceu o seu dereito a voto. Haberá outros tantos que vaian nas vindeiras horas, ou que decidan non ir, ou lles pille mal a cacarexada festa da democracia. Desde as 8 e cinco minutos temos noticia desa aldea onde votaron todos nada máis abrir o colexio e do veciño doutra vila ao que lle tocou apandar de suplente da mesa por madrugador. Dentro de nada empezarán a chegar os datos de participación, e xa logo o escrutinio. Así que a pregunta semella pertinente: Quen vai querer ler sobre as eleccións, se levamos todo o día a voltas con elas?
Iso foi o que lles preguntei aos compañeiros xornalistas cando me lembraron que xusto este domingo me tocaba escribir opinión. A miña pregunta orixinal non foi esa exactamente, senón unha máis egoísta: quen vai querer escribir sobre as eleccións este domingo? A tal altura xa estamos todas saturadas de campaña electoral, e o resultado de hoxe dará paso a outro tipo de artigos, algúns xa escritos desde hai días, non teño dúbida: sisudas análises sobre por que gañou tal ou cal partido ou, peor aínda, sobre o mal que vota tal ou cal faixa sociolóxica.
En todo caso, un artigo sobre as eleccións o día das eleccións ten unha data de caducidade case retroactiva e, ao mesmo tempo, é ilóxico escribir sobre calquera outra cousa nun día tan significativo, así que permítanme uns últimos apuntamentos apresurados.
Disque esta foi a campaña electoral máis sucia da historia. Iso de falar da sucidade da campaña sen falar de quen a enxurra é como cando se fala de polarización por non falar de que uns políticos sinalan e outros son sinalados. E dá a casualidade de que os que ensuciaron a campaña, entre outras cousas sementando dúbidas sobre a limpeza do proceso electoral, son os mesmos que van por aí sinalando persoas e colectivos enteiros: a dereita e todo o seu aparato político e mediático (aquí o Tribunal Supremo vai na categoría que vostedes prefiran), e as súas tácticas non foron especialmente novidosas. De Feijóo, ao que en España lle compraron gustosos o alcume de moderado, recordo a campaña de 2009 (non creo que ninguén na Galiza a esqueza) acusando o vicepresidente da Xunta de maltratador ou protestando polo suposto luxo do coche oficial do presidente. As súas intervencións durante 13 anos no parlamento galego, especialmente cando se dirixía a líderes da oposición como Xosé Manuel Beiras ou Ana Pontón, serviron de modelo para a actitude coa que agora afrontou ambos debates electorais. Aqueles 13 anos si que foron unha precampaña longa.
O partido abertamente fascista estivo practicamente desaparecido tras a primeira semana. Case parecían o PPdeG nas eleccións galegas. Ou mellor dito, case parecían os medios públicos galegos nas eleccións galegas. No caso desta campaña, a nada norcoreana TVG ofreceu un único debate que tiveron a ben celebrar un luns ás 9:30 da mañá, para que imos querer informarnos sobre as propostas dos partidos galegos para o noso futuro, se o PPdeG leva 17 anos gobernando na Galiza sen contarnos as súas propostas en campaña.
Estes días tamén soubemos doutras mentiras de Feijóo, como a que leva uns anos contando sobre esa oposición a letrado da Xunta que preparou e aprobou en tempo récord, tan récord que foi mesmo antes de que se crease o cargo e a devandita oposición. Outros habituais do xurro estiveron máis calados nesta campaña, como Ana de Bande, que saltou á fama estatal por entrar cunha arma no Congreso dos Deputados. Se cadra iso foi moito mesmo para os axitadores do seu partido e pedíronlle mesura... polo menos até pasadas as eleccións.
Así que esta campaña, sucísima, baixísima, non me pareceu distinta a outras. Só espero que estas dúas semanas de exposición continua a tanta lama nos preparasen para o que vén a partir de mañá, porque, quer no goberno do estado quer só nas autonomías nas que xa gobernan, a dereita extrema e a extrema dereita van abandonar rapidamente as apelacións ás clases populares e vanse cobrar toda a frustración dos últimos oito anos directamente nos nosos corpos.