Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Puigdemont estira la cuerda pero no rompe con Sánchez
El impacto del cambio de régimen en Siria respaldado por EEUU, Israel y Turquía
OPINIÓN | 'Pesimismo y capitalismo', por Enric González
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Abel

El alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante el encendido de las luces navideñas de Vigo en 2021.
12 de febrero de 2023 06:02 h

1

Sen dúbida, o político máis prodixioso da Galicia de hoxe chámase Abel Caballero. Ninguén como el levou a autopromoción a un nivel tan elevado. Fronte a el, Alfonso Rueda ten un aspecto claramente destinxido e insulso. Feijóo destacaba pola ousadía, que o levaba impartir leccións sobre literatura checa a un auditorio de intelectuais sen probablemente ter aberto unha páxina de Kafka na súa vida, pero está claro que ninguén pode competir con Abel no terreo de converterse nunha icona de arte popular. Pode que o Sereo e o Dinoseto compitan con el, pero só dentro de Vigo. Fóra, no ancho mundo, el é a mensaxe.

Abel é kitsch, pero un kitsch autoconsciente e iso é o que lle dá o seu principal encanto ante auditorios diversos. Pessoa podería escreber “o alcalde é um fingidor”, non como acusación, senón como exacta descrición do alcalde de Vigo. En todo caso, a pregunta que xorde, espontánea, é a de se o personaxe non estará comendo á persoa.

Pero que é un finxidor está fóra da discusión. O seu inglés macarrónico é unha pose de coquetería nun economista que estudou en Cambridge. Todos sabemos que ama facer o pallaso para reclamar a nosa atención e seducirnos cos seus excesos grandilocuentes. Tanto pode inaugurar miles de cousas, como bailar ¡con 76 anos! break dance, deleitarnos cunha exhibición de wish wish ou presentar en Castrelos a non importa que cantante que pasará de moda antes ca el. Parecería que o inspira o estilo Disneylandia como cando, o pasado 5 de xaneiro, fixo que inaugurasen a Porta do Sol os Reis Magos. Disney: vende animación e felicidade á súa clientela.

O seu olfacto populista lévao a facer cousas impredicibles e grandiosas. É un artista ao Jeff Koons. Cándo lle prendeu dentro da cabeza a luz de que prender once millóns de luces fóra dela sería un reclamo case cósmico? Pagaría por ter estado aí nese momento. No acendido do 2022 declarou: “La International Space Station está ahí arriba para retransmitir la Navidad de Vigo”. Despois da campaña declarou que o Nadal tiña deixado 1.000 millóns de euros en Vigo. Igual podía dicir un billón. É unha cifra imposible e inverosímil, que ninguén pode tomar en serio. Aparentemente non ten problemas coa hipérbole.

Parte do seu acerto foi detectar ese elemento químico, de desexo de autoafirmación, que existía en Vigo. El vehícula esa pulsión: os seus opositores deberían tomar nota. Pero iso non sería nada se Abel Caballero non se descubrise a si mesmo, á súa vez, coma un neno con zapatos novos na función de alcalde. Estou seguro de que así como Fraga atopou auténtica e íntima satisfacción na Presidencia da Xunta de Galicia, Abel desfruta a alcaldía. A súa hiperactividade non pode senón vir da felicidade.

Sería un erro ver nel un Paco Vázquez bis

Sería un erro ver nel a un Paco Vázquez bis. Primeiro, porque Abel supera cooosmicamente a Paco. Comparten elementos, dende logo: o histrionismo, a entoación engolada, certa afectación, e, dende logo, o uso da confrontación cun inimigo retórico. Que resulta ser Santiago, sede capitolina menor, vida a menos nos últimos lustros. Pero Paco Vázquez tamén lle atizaba a Vigo cando estaba do humor apropiado como cando pronunciou aquel “Sarna para Vigo”. A Abel, de momento, non se lle coñece algo dese calibre en relación a Coruña. Así e todo, hai unha rivalidade entre as dúas cidades que vén de lonxe. Sería necio ignoralo.

Pero Abel non é Paco. Grazas a Deus. Xacobino si é, pero non busca a bronca nin ten a capacidade de condicionar a política galega que tivo Vázquez. Nunca entendín, por certo, os ditirambos que merecía Paco Vázquez en xente aparentemente intelixente. Non foi un bo alcalde para A Coruña nin un bo líder socialista para Galicia. Se Inditex non aparecese, e Inditex non tivo nada que ver con nada que fixera Vazquez, A Coruña sería hoxe unha sombra fantasmal, chea de centros comerciais, iso si. A través do lobby da Coruña condicionaba a axenda galega en favor de intereses escuros pero perfectamente identificables, especialmente inmobiliarios.

Por outra banda, ninguén pode dicir que o Paco Vázquez de hoxe non estaba aí xa in nuce. Era un agent provocateur da España carpetovetónica como o segue sendo hoxe: foi unha das persoas que sondeou Vox para presentar a moción de censura a Pedro Sánchez.

Abel comezou a ser alcalde aló polo 2007, xusto ás portas da crise. Vigo estaba xa en depresión crónica, pero neses anos o estado anímico da cidade descendeu en picado. As rúas eran unha sucesión de comercios pechados e o casco vello non coñecía o actual momento de gloria. A diferenza de calquera cidade galega non tiña unha zona de viños marcada. Esas aventuras da sociabilidade –ou da súa falta- son moi indicativas do pulso dunha cidade. Despois da apertura do novo hospital en Beade, o barrio de Casablanca corría un serio perigo de dexeneración.

O gran logro de Abel foi darlle á cidade confianza nas súas posibilidades. Dende o inicio fixo cousas. Tal vez non moi reflexionadas, pero fíxoas. De feito, non parece que Abel Caballero teña un modelo definido de cidade na súa cabeza e, se o ten, parece que aposta por unha cidade de servizos o que, neste momento, talvez é contradictorio coa dirección do mundo, que tende a relocalizar actividades e industrias por mor do crecente conflito coa China, e coa propia historia da cidade. No seu momento Abel parecía tomar en consideración propostas de Outro Vigo é posible, como as que aludían á recuperación da Panificadora con outros usos, pero iso xa pasou a historia. Dende logo, no concello de Vigo non se move unha folla que non pase polo seu escrutinio: exerce unha forma de poder persoal, entre Portanet e Mitterrand.

En todo caso, dende que é alcalde, un centro que parecía desarborado e en decadencia vai tomando folgos do Berbés a Vía Norte. Abrir Vigo ao mar, a iniciativa de Carlos Príncipe, marcou un camiño. Non cabe dúbida de que a Cidade da Xustiza, Vialia e outras obras contan no seu haber na percepción xeneral, mesmo cando sexan outras administracións as que as construíron. O ascensor Halo ten todas as trazas de converterse nun símbolo futuro da cidade, facendo masa coas escaleiras mecánicas da Gran Vía e os ascensores diseminados por unha cidade na que as diferenzas de cota efectivamente separan.

Dispara en todas dirección, poida que sen tino, pero muda a cidade

Abel dispara en todas as direccións. Poida que sen moito tino, seguro que pomposo e rimbombante, pero muda a cidade. E aínda que non sempre a muda para ben, está claro que ten éxito entre os electores. Un dos grandes problemas de todas as cidades é a mobilidade. A construcción de cada vez máis aparcadoiros non é a solución. Habería que combinar medidas urbanísticas a escala non só da cidade e fomentar unha mellor conexión coa área metropolitana –a nostalxia polos tranvías está xustificada- cunha maior aposta polo transporte público, incluído o marítimo. É unha clave inevitable.

De feito, a área urbana de Vigo-Pontevedra é a máis poboada de Galicia. E forma parte da emerxente eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que cada vez dá máis trazas de conformar un mercado potente. Portugal ten toda unha estratexia de Estado que subliña a integración ferroviaria coa península, precisamente privilexiando a conexión con Galicia e a explotación da dimensión marítima reforzando o investimento nas estruturas portuarias. Son dúas dimensións válidas tamén para Galicia, polos imperativos da xeografía. Especialmente para Vigo e a súa área metropolitana que é quen máis ten que gañar. A natureza deu aos portos galegos unhas condicións das que Leixôes, por exemplo, carece.

Abel, nese sentido, pensa miudiño, tal vez porque é alérxico a calquera cousa que non poida controlar. Pero ese é o futuro. Hai pouco tempo podíase ler nun xornal: “Galicia perde a factoría de Airbus en favor do municipio portugués de San Tirso pola ausencia de política industrial da Xunta”. E así é. Pero debería ser o Concello de Vigo o que propulsase iniciativas en favor da agregación económica con Portugal e presionase á Xunta. Tamén puidemos ler: “Lisboa axiganta a súa oferta industrial cunha alianza entre Braga, Guimarães, Barcelos e Famalicão”. Fan falla máis indicios do que pode e debe facerse? Non é moi útil lamentarse a diario, como fai a prensa local, se un non deseña estratexias proactivas, e iso vale tanto para a Xunta como para o concello. Pecharse nos límites do concello non é bo para Vigo nin para Galicia.

Cando acabe a súa quenda, cal será o legado de Abel Caballero? Cal a súa impronta na eternidade viguesa? Talvez a súa hiperactividade debería pararse a pensar e poñer sobre a mesa un modelo de cidade menos ditirámbico pero máis ambicioso. Un que, sen demérito do turismo e os servizos, contemple unha maior diversificación do seu tecido industrial, mire ao océano coma un horizonte de posibilidades e entenda a Vigo coma un nó fundamental da eurorexión Galicia-Norte de Portugal. Á fin e ao cabo, ten unha maioría absolutísima que segundo todas as enquisas vai revalidar. Non só Barcelona ou Bilbao souberon reinventarse. Hai moitos espellos nos que mirarse. Pero hai que querer mirar.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats