Con 16 anos, a Luís Pardo deixáronlle un micrófono na emisora municipal do seu concello, Radio Culleredo, e xa non quixo soltalo. Hoxe dirixe e presenta o magazine local Hoy por Hoy Santiago en Radio Galicia-Cadena SER e forma parte do comité de redacción da revista Luzes. Polo camiño, tras licenciarse en Xornalismo, escribiu teletipos, formou parte do equipo fundador dunha radio e de dúas televisións (as dúas, pechadas), presentou programas de música en directo, percorreu Galicia facendo reportaxes, opinou en 20 Minutos e ata dirixiu unha efémera revista sobre baloncesto. É membro fundador e secretario da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO). Colabora co programa “Radio na Biblio” da Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia.