Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

A folga nos supermercados

0

O dereito á folga, o dereito á baixa por enfermidade non caeron do ceo como o maná no deserto no relato bíblico, son conquistas duramente gañadas. Non se pode admitir a pretensión de reducir a duración das baixas laborais, incluso con incentivos ás médicas e médicos. E nas sociedades democráticas recoñécese o dereito a suspender a actividade laboral para reivindicar melloras, así no artigo 28 da Constitución española.

As traballadoras, que son maioría, e traballadores da alimentación da provincia da Coruña van á folga por terceira vez –despois dos paros en San Xoán e xullo– os días 15, 16 e 17 de agosto, convocados por todos os sindicatos con representación no sector, CCOO, CIG, UGT, USO. Non se trata dun capricho, ninguén vai á folga por capricho, senón de reclamar salarios dignos, redución de xornada, plus para o persoal que traballa os domingos e que recibe, seica, cinco euros por toda compensación. Gañan uns 1.100 euros co que non é doado chegar a fin de mes, e as melloras ás que aspiran son tamén laborais, para permitir a conciliación. Piden as que xa teñen na provincia de Pontevedra, mais non na Coruña, onde os supermercados nas vilas de Baio, Betanzos, Carballo, Carral, Cee, Melide, Negreira, Noia ou Padrón –talvez me deixe algunha– abren todos os domingos.

Os sindicatos alegan a posición inmobilista da patronal do comercio de alimentación, liderada por Gadis e Froiz. Gadisa presentou en xullo unha demanda contra os catro sindicatos e oito sindicalistas, solicitando un millón douscentos mil euros polos prexuízos na folga de San Xoán. Nas folgas prodúcense danos económicos, non hai dúbida. O camiño para evitalas é a negociación, se non progresa a folga é a principal ferramenta que posúen as traballadoras. As mobilizacións veñen de atrás e foron totalmente pacíficas. O despregue policial foi extraordinario, malia non haber incidentes.

En tempos de desregulación cómpre resistir, defender o dereito constitucional á folga, o dereito á conciliación, ás baixas por enfermidade, nalgún caso doenzas causadas polas condicións laborais. Retroceder ao século XIX, perder dereitos, non pode ser unha opción. Grazas ás traballadoras da alimentación por defender os dereitos de todas.