Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

O retorno dos días felices

0

Happy days are here again é o título dunha canción, escrita en 1929 con música de Milton Ager e letra de Jack Yellen. Apareceu na película de 1930 Chasing Rainbows e foi a canción da campaña electoral de Franklin D. Roosevelt en 1932, despois da Gran Depresión de 1929. A mensaxe ( “Os días felices están aquí outra vez / Os ceos brillan outra vez”) era un canto de optimismo e confianza no futuro. “Nada hai que temer máis que ao medo mesmo”. Ese foi o contido do New Deal que sentou as bases da protección social moderna nos Estados Unidos.

Le retour des jours heureux foi tamén o lema do programa político do Consello Nacional da Resistencia francés de 1944. A Resistencia, baixo a dirección de Jean Moulin, preparaba a Liberación cun vasto programa de medidas, entre as que se incluían nacionalizacións e unha ampla Seguridade Social. Baixo ese lema fundouse o modelo social francés moderno. Hoxe La France Insoumise utiliza ese eslogan.

O gran tema da nosa época é o secuestro e cancelación do futuro. En definitiva, a prohibición do optimismo como programa político: a esperanza de que “algún día todo estará ben” (Voltaire). Iso é o que as elites queren borrar do rostro do mundo. Ese é o epicentro da estratexia cultural da nova dereita. Con estratexias de lavado de cerebro lanzadas dende grandes plataformas mediáticas crean crises imaxinarias e sementan malestar. Estenden o leit-motiv da decadencia para presentarse como os valedores da antiga grandeza imaxinaria antes de que caíamos no abismo. A realidade perde peso para abrir a fiestra ao pesimismo que, como afirma o novelista Ian MacEwan, “ten un efecto paralizador, coma se fóra un pegamento metafísico contra o que temos que loitar”. Esa confraternización coa distopía ábrelle a porta aos ultras que teñen como programa o regreso a unha comunidade de orixe fabulosa e incontaminada. Unha subxectividade política construída sobre un mito reaccionario: ese é o punto no que nos atopamos.

Como hai cen anos, cando o fascismo estivo a punto de cambiar o curso da Historia, trátase de atopar un pandote para vehicular o odio e a vinganza de masas embrutecidas. Para René Girard o chibo expiatorio é o modo en que unha sociedade en crise dirixe a súa violencia interna cara un inocente para unificarse e restaurar imaxinariamente a orde social. Un delirio, do que sobran exemplos na historia. O declive do Estado de Benestar, a causa fundamental do malestar social, non provoca ira dirixida contra o tecnocapitalismo financeiro que o socava. Moi cucas, as elites que se benefician de desmontar a protección social desvían a atención coa fórmula de prometer identidade e unha imaxe fabulosa, fantástica, falsa, do pasado.

Agora ben, a cancelación do futuro non pode combaterse só mediante unha visión máis mesurada e positiva do presente nas sociedades occidentais (negando a premisa maior da cadea de falacias coas que o público é bombardeado sen descanso a través dun lavado de cerebro masivo e constante) senón co retorno da Utopía, ou como lle queiramos chamar a unha sociedade cun mínimo de decencia, sentido de xustiza e alegría, non odio e paixóns tristes, nas rúas. A tarefa do momento é imaxinar un mundo alternativo. Un contra proxecto sen complexos. Un sentido de futuro.

Hai elementos no aire, pero é precisa unha síntese convincente. No plano económico a Teoría Monetaria Moderna é unha vía a explorar para abordar o gasto público e a protección social, como o fan Sanders e Melenchon. No cultural, vemos como, na nosa propia cara, as grandes plataformas tecnolóxicas están roubando e privatizando o legado cultural da humanidade: é inadmisible. O imperio da cultura de masas, que alzou como xuízo de gusto a mediocridade e as estruturas repetitivas, vingándose do complexo e refinado, ten que ser destronado. Hai que volver, non á vangarda, pero si ao tentativo, aberto e experimental. O mercado non pode ser a vara de medir do Espírito. O tema de Odiseo, a película de Cristopher Nolan, é que pode causar a fin dunha civilización: o peche da mente moderna. Dende hai décadas estamos vendo o asasinato da imaxinación política e a eliminación da cultura humanista. Unha sociedade que só sabe imaxinarse a si mesma a través do cristal do nihilismo, da pura violencia e do poder do máis forte, non pode sobrevivir. Esa arrogancia -esa hubris- reclama a súa némesis.

Agora non é antes: non se trata de facer filoloxía restaurativa, como se o problema tivera sido desviarse do recto camiño, así se trate de Marx ou de Castelao. Máis ben hai que formular unha vía para o século XXI, consciente da experiencia histórica pero virada ao futuro. E haina. Hai bases filosóficas, económicas, culturais e hai riqueza dabondo para que sexa posible unha sociedade máis igualitaria, plural, complexa e feliz. Hai riqueza. Que se pode distribuír. E hai vida. Que se pode gozar. Fronte a unha oligarquía que está rompendo as regras do xogo, subir impostos e reducir a xornada laboral é o primeiro. A disociación entre os gobernos e a opinión pública sobre o xenocidio en Gaza indica que a insidia difundida urbi et orbi non trunfa sobre o sentido común humano. O mesmo vale para os enxoitos logros da machosfera ou a impugnación do cambio climático e da ciencia.

Unha política baseada en principios humanos ten que erguer a bandeira da esperanza e un relato de posibilidades positivas. De recuperación dos días felices. Magnífica Humanitas, a encíclica de León XIV, dá no cravo co seu título, que invoca a confianza na admirable humanidade e ofrece unha bafarada de aire fresco. “Cada xeración recebe en herdanza a tarefa de dar forma ao seu tempo: de facer madurecer a historia como un lugar onde a dignidade de cada persoa sexa salvagardada, a xustiza promovida e a fraternidade posibilitada”. Humanismo, pacifismo e doutrina social: as bases dunha nova Democracia Cristiá, aborrecida polos campións do militarismo tecnolóxico, como Peter Thiel, o máis parecido ao Anticristo que anda solto hoxe no mundo. León XIV, crítico da IA, é o líder europeo que máis se esforza en darlle voz á paz e sona ás veces coma Pico della Mirandola. Di aquilo que os líderes políticos da UE non queren dicir por covardía ou propio convencemento. Ten moito mérito nun momento en que os prexuízos fan rápida metástase en paranoia, amplificados por xornais, teles e radios que dan vergoña allea, voces dos seus amos.

Dende logo, a tecnocracia que se limita a xestionar, por ben intencionada que sexa, non é a resposta, nin moito menos a idolatría neoliberal do lucro. Sabemos que “Con usura non ten o home casa de boa pedra. Duccio non veu por usura, nin Piero della Francesca..”. Non hai beleza se só hai cálculo. O dogmatismo da moderación, como sinalaba hai pouco nunha entrevista o ex presidente chileno Gabriel Boric, tampouco é a resposta. Necesítase un contra proxecto, unha visión magnánima e magnífica dunha sociedade futura, que alguén ten que saber construír. Non necesitamos xente ruín que pense ruín: para iso xa están os mediocres dirixentes da UE e outros que andan máis cerca. Antes de que nos metan nunha guerra, antes de que a crueldade anegue o espazo, hai que volver a mirar cara a beleza do mundo; hai que restituír a confianza como vínculo social, disipando os malos humores. Hai, si, utopías factibles, posibles, para atallar o incendio do mundo.