Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Todo é política salvo algunhas cousas

Alfonso Rueda y Alberto Núñez Feijóo en la Plaza de Toros de Pontevedra

0

Que foi primeiro, a galiña ou o ovo? A Galiza sen eleccións ou as eleccións sen Galiza? Onte entrei na edición dixital de La Voz de Galicia e quedoume tonto o dedo do scroll antes de chegar a unha noticia sobre a campaña. Van na liña discreta da CRTVG, que entre as publirreportaxes sobre a familia Rueda e os late night con convidado de honra, decidiron que unha cobertura tradicional das eleccións, con tempos establecidos para cada grupo e a típica imaxe de transición que di “emprazamento electoral” non era tan necesaria, unha cousa do pasado máis ben, aínda que a Xunta Electoral non estivese pola labor.

O sábado houbo mitin multitudinario do PP en Pontevedra (iso si que o comentaron en La Voz: segundo dixo un columnista, sería imposíbel alugar un autobús para ese día, porque estaban todos reservados para o mitin, aínda que non creo que iso signifique o que el cre que significa). Alí estaban todos: Rueda, Feijóo e M. Rajoy, e a ningún dos tres lle deu tempo de falar de Galiza entre tantas mencións a Puigdemont, Bildu, o Falcon e mesmo Vladimir Putin, supoño que pola conexión cos bots nacionalistas que lle están a amargar a campaña a Paula Prado. O caso é que segue a campaña de incógnito: para os medios afectos non hai eleccións na Galiza, e para o que se presenta non hai Galiza nas eleccións.

Os que tamén estaban no mitin do PP eran algúns dos representantes de confrarías que hai apenas dúas semanas criticaran os compañeiros que se sumaran á manifestación na defensa do mar. Segundo eles, era unha manifestación “politizada”, como a que onte percorreu as rúas de Santiago para clamar contra o desmantelamento da sanidade pública. Esta si que foi multitudinaria e con xente chegada de todos os puntos da nosa xeografía (aínda que o columnista que contou os buses do mitin do PP non fixese ningún comentario ao respecto), pedindo máis persoal e máis investimento nunha sanidade pública esquilmada nos últimos quince anos, reclamando políticas públicas para toda a cidadanía, e por aí si que non pasa o PP. Onde imos parar, unha manifestación que reclama políticas públicas, pode haber algo máis politizado?

Non está politizada a CRTVG, que reduce os tempos de información de campaña segundo lle convén ao PP e con todo o cadro de persoal en contra. Non está politizada a chuvia de axudas que, desde que se anunciou a campaña, o goberno de Alfonso Rueda leva repartindo sobre a cidadanía. As que existen e as que non existen, como o Carné +65 que está a chegar estes días ás casas dos maiores, cheo de promesas pero aínda inactivo até “moi pronto”. Non está politizada Turgalicia, facendo publicidade de publicacións electorais de Rueda desde as contas institucionais. Non están politizados os representantes de confrarías cos seus discursos totalmente espontáneos diante dun feixe de micrófonos nin coas súas fotos sorrindo entre Feijóo e Rueda na praza de touros de Pontevedra. Xa saben, para o PP todo é política salvo o PP, que só veñen axudar.

Etiquetas
stats