Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

As mellores tardes

0

Durante moitos anos, meus pais non tiveron vacacións. Ata que comecei a ir á universidade, os meses do verán pasábaos enteiros coidando de miña irmá —sete anos máis nova— mentres lía e escribía obsesivamente dentro dunha casa mal illada na que sempre ía calor —e aínda vai. Non quero dicir con isto que fosen días tristes ou de privación. Ao contrario, penso por exemplo que parte da relación estreitísima que teño con miña irmá se debe a todas esas horas que pasamos condenados a estar xuntos, entendernos e divertirnos. Lembro tamén que a maioría das grandes lecturas que me conforman foron feitas coas persianas baixadas e o corpo suando sen atopar unha postura cómoda na miña cama niño de 105 cm —Bernhard, Ernaux, Bufalino, acompañábanme alí. Hai un enorme valor nesa monotonía.

O estraño, non é tanto que eu decida facer un exercicio crítico de revisión sobre aquela época —máis aínda se temos en conta que nunha adolescencia queer son moitas as experiencias que se nos negan—, senón a idea preconcibida de que existe unha única maneira correcta de vivir os meses de verán. Certo é que os meus se parecían máis ben pouco aos da maioría dos meus compañeiros de instituto, pero distaban aínda máis dos que me ofrecían o cine, as series ou os programas especiais da televisión. É doado comprobar que existe, desde a sintonía de Verano azul, ou se cadra xa de moito antes, unha estética inalcanzable, unha cadea de pequenas insatisfaccións. Quen as colocou aí?

No tempo das redes sociais, o problema vai aínda máis alá, porque a experiencia, mesmo se un se esforza en conseguila, pode non estar á altura da imaxe. Como cando un merca ilusionado unha peza de roupa e non lle acae tan ben coma o modelo. Ou coma esas lúas cheas imposibles de capturar cun teléfono móbil. A procura dun plan interesante —quen di plan, di fotografía, algo que despois poder expoñer e relatar— convértese nesta altura do ano en pouco menos ca unha maldición sen esconxuro. A pregunta é simple: “Que vas facer esta tarde?”. As respostas son do máis variado —máis aínda nunha vila ou cidade do interior—: ver unha película, limpar o baño, debullar chícharos... A todas elas as adoita acompañar o mesmo retrouso: “nada interesante”.

O interese xa non ten que ver necesariamente coa produtividade, co feito de sermos seres produtivos. Todas as cousas que nomeei antes poden ser entendidas como útiles, dignas de ser contadas. O novidoso é que colocar o foco sobre o que resulta ou non interesante nas nosas vidas condúcenos directamente a ser nós mesmos un produto. É entón cando aparece a dúbida: adecúanse as actividades que temos pensado realizar ao longo da semana coa nosa imaxe en redes? Que decidimos compartir e que non? E, no caso de que non compartamos nada, que imaxes consumimos? Que desexos públicos ou secretos alimentan os nosos algoritmos?

Ao longo de todo o ano, pero especialmente no verán —esa estación que é vista como excepcional grazas aos ciclos de produción—, as redes sociais das que formamos parte e que nutrimos de contido invisibilizan o aburrimento, a rutina e calquera tarefa que non se atope entre as fantasías da masa de usuarios. Transfórmaos en experiencias pouco lexítimas, débiles. Estamos cada vez máis cercados pola falta de interese das nosas propias vidas. Pregúntome se chegará o día en que as redes sociais nos poidan convencer tamén da fealdade das persoas e os lugares que amamos, igual que o fixo cos nosos propios relatos, co aprezo que cada un lles ten.

Sospeito que estamos perdendo a capacidade de recoñecer como valiosa unha vida ordinaria. Mesmo cando cremos telo conseguido, hai en realidade en todo iso un xiro estético, unha beleza salvaxe —ocórreseme o filme Perfect days (2023) de Wim Wenders— que é inmediatamente fagocitada polo domador —Instagram, TikTok ou Facebook. Sería profundamente hipócrita e inxenuo pola miña parte pedirnos que non sucumbamos ao algoritmo, pero si que creo necesario exercer certa resistencia. Alegraríame a posibilidade de que o mundo se enchese de fotos imperfectas, feas, pero emocionantes. Unha habitación demasiado quente, unha persiana medio baixada e mala luz, un cabelo rebelde, un libro aberto sen centrar no obxectivo. É aí onde adoita suceder a vida, lonxe do lugar onde lle ensinamos ao algoritmo a buscala. Conversas anódinas e sen culpa. As mellores tardes das nosas vidas nunca foron fotoxénicas.