Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A descoberta de Rueda
Hai ocasións en que unhas inocentes palabras ditas con afán de propaganda, coa intención de engadilas aos pretensos logros de xestión económica, son reveladoras tanto do contido directo que encerran como do que non se di, e tamén do pensamento oculto na linguaxe inconsciente. Hai uns días, o presidente Rueda fixo unhas declaracións nas que daba a coñecer o tesouro que ten Galiza no subsolo e que ousou valorar en 45.000 millóns de euros. Non sabemos que rol xoga esta cifra máxica, sobre todo dirixida ao público en xeral, que non ten ideia da magnitude de cifras que sobarden o millón de euros. Un/unha cidadán da vida corrente que gañe un soldo medio anual de 31.000 euros (vén sendo o medio na Galiza) só identifica as cifras con máis ceros se son comparábeis co valor da máxima hipoteca que é quen de conseguir. O orzamento anual da Xunta para 2026, de 14.240 millóns de euros, fica moi lonxe do manexo cotián de cidadáns de a pé, e moito máis afastada quedará esa cifra de 45.000 millóns de euros de valor estimado dos minerais no noso subsolo.
Por tanto, como contido de propaganda dos nosos recursos mineiros, é carente de sentido, xa que non foi posto en relación con nada semellante a unha renda para Galiza, a un investimento xerador de renda disponíbel individual e máis riqueza, nen cunha transformación industrial que a súa vez teña capacidade de arrastre doutras industrias ou coa xeración de emprego directo e durábel no tempo... É dicer, con case nada. O “case” vén representado polos (moi pequeno número, mais moi selecto) proprietarios de capital para investir en minas con enlace en industrias transformadoras en calquera parte do mundo industrializado. Eses 5 ou 10 entendidos no negocio mineiro e capacidade investidora intermediaria si se farían eco -no caso de necesitaren ese medio para coñecer-, xa que a Xunta tivo a ben pagar un estudo de aproximación prospectiva de minerais interesantes e así mesmo deseñar unha valoración aproximativa para facilitar labor e gasto aos interesados; á vez que se proclama o valor potencial estimado do negocio en anuncio: ide vindo, que aquí hai un grande choio.
De modo e maneira que se anuncian convocatorias de acceso á dereitos de explotación mineira sen que se acompañe, sen dar sequera a pensar, dun plan (mesmo insinuado) de explotación conxunta ou explotación/transformación ineludíbel. Se non fose que é auténtico do momento presente, pensaríamos ter lido prensa de primeira etapa do capitalismo industrial, cando o que non tiña nada oferecía terra, auga, minerais ou forza de traballo a quen -capitalistas- quixeran explotar.
O estudo do que se fala describe unha serie de minerais moi interesantes desde a perspectiva do mercado actual para as economías pioneiras en tecnoloxía punteira. Tantalio, niobio, litio, wolframio, cobre, cobalto, estaño, antimonio, manganeso, EPG metais do grupo Platino, máis galio, magnesio, cromo, galio, germanio, indio e titanio. Así mesmo, minerais con presenza de lantánidos e outros compoñentes do que se deu en chamar terras raras que non son terras nen son raras, mais son indispensábeis para produción de componentes estratéxicos dos actuais dispositivos electrónicos. Foron identificadas cinco veas no territorio galego que conteñen en cadanseu caso eses tesouros: Santiago-Touro-Lalín; Cabo Ortegal-Moeche; Penouta-Forcarei; San Finx-Santa Comba e Vigo-Porriño-Tui. Para informar ao mundo mundial en xeral, nun alarde de transparencia digno de mellor causa, danse a coñecer os filóns fonte (ou algún en activo) destes minerais, mesmo citando que no caso do tantalio, é o único lugar con produción activa en Europa.
Mais o antedito é só unha parte do proceso. A Xunta mantén contacto permanente coa COMG (Cámara Oficial Mineira de Galicia) que ten como principal obxectivo a defensa do sector mineiro e desenvolve entre as súas funcións a proposta de reformas lexislativas que contribúan ao fomento da minaría. Por iso mantén contacto continuo e estreito coas Administracións competentes, entre elas a Consellaría de Medio Ambiente da Xunta. Foi por esa vía como desenvolveu un papel crucial no impulso dos concursos mineiros de investigación no noso país. A Cámara solicitou -e foi atendida- a reactivación deses concursos, así como a identificación de 200 casos de permisos de explotación caducados, contemplados como unha grande oportunidade para reactivar tanto investigación como anovación da explotación. Só en xaneiro deste ano que remata, saíron a concurso 51 dereitos minerais. A carreira de novos permisos, novas prospeccións e, xa que logo, futuras concesións xa empezou antes do anuncio do tesouro de Rueda e leva camiño dunha nova xeira de explotación das riquezas posuídas para seren explotadas, aproveitadas e retiradas por capital foráneo.
Semella que estamos nun país xa non sen soberanía, senón sen cabeza. Desde Australia na Galiza (a terra do eucalipto), seguindo por Altri e agora o país de marabillas minerais, parece que o destino que temos é a chamada “maldición da riqueza de recursos” como á dos países explotados polas súas posesións, para desfrute dos alleos. Coñecíamos o modelo Leopoldo II, que foi o comezo e o camiño do destino histórico de desgraza para o Congo que leva case dous séculos de infortunio grazas a ter riqueza en recursos e ser albo de depredadores. Outro modelo foi o da febre do ouro en California e nese caso foi alavanca de riqueza naquel século XIX, até hoxe ser a 5ª economía do mundo.
E agora podemos patentar o modelo Rueda. Ten en común co primeiro dos citados en que debeu de pensar que é o dono do territorio, do seu chan e do seu subsolo. Ten tamén en común que, sen plan nacional previo, oferece ao mellor licitador, ou ao único licitador, os recursos para explotar, só en proceso de extracción. O goberno galego, o español ou calquera outro que exista e que teña nas súas mans a administración da política económica dun país, é iso só: un administrador, por delegación do pobo soberano, coa obriga política, ética e de responsabilidade social de levar a cabo a súa misión nas mellores condicións de coñecemento das circunstancias técnicas, sociais, medioambientais e políticas para que o resultado redunde no pobo e non nuns cantos ben aproveitados.