Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Escola de donicelas

0

A 'neutralidade ideolóxica' é algo que vén de lonxe. Pero este interese polo termo, non sabemos se socrático ou platónico, do Conselleiro de Educación, talvez influído polas lecturas de Kant, Weber ou Habermas, non deixa de sorprendernos. O uso e a concepción da linguaxe que Román Rodríguez manexa, baleirando e cambiando o significado de certas palabras ou dándolles outro moi distinto do que teñen, evoca en nós certos comportamentos dos mustélidos, concretamente o da donicela. Esta, practica uns precisos orificios na superficie dos ovos dos que se alimenta succionando o seu contido, deixando aparentemente intacta a súa cáscara. É o que no inglés de Shakespeare e no da etoloxía se coñece, verbigracia, como egg sucking.

Esta manobra de chupar os ovos no tratamento da linguaxe sería consonte á doutros membros do seu partido e do seu goberno (o ex-Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ao falar de feitos da “esfera estritamente privada” para referirse a unha -presunta- agresión sexual; ou o Conselleiro de Saúde, Antonio Gómez, tachando de 'orgasmo' a definición da OMS do concepto de saúde, cando esta soamente fala de “benestar físico, mental e social” fóra de connotación sexual ningunha, ou mesmo Alberto Núñez Feijóo ao falar de 'actividades militares' para referirse a un xenocidio recoñecido e planificado polo propio goberno israelí que asasinou xa case sesenta mil persoas, entre elas máis de 15.000 nenas e nenos).

Así que, aclarada a epistemoloxía, non nos resulta difícil entender que cando o conselleiro de Educación fala de 'neutralidade ideolóxica' estase a referir en realidade ao tratamento que mereceron e merecen nos centros galegos do ensino público temas da axenda política nacional e internacional como o proxecto de Altri na Ulloa, a defensa da lingua propia do país e o xenocidio de Israel en Palestina, entre outros.

O propio currículo educativo do ensino público galego sinala especificamente a igualdade efectiva entre homes e mulleres, a prevención da violencia de xénero, a resolución pacífica de conflitos e o respecto aos dereitos humanos (Decretos 155 e 156 de 2022), destacando que a escola debe promover a adquisición de competencias clave que inclúan a convivencia, o respecto mutuo e a resolución pacífica de conflitos, aspectos todos eles inherentes á Educación pola Paz. Ademais, establécese a súa concreción curricular, sinalando que se deben incluír nas programacións didácticas actividades que promovan estes valores, como proxectos interdisciplinarios ou obradoiros para a resolución de conflitos, integrándose de xeito transversal en todas as materias, especialmente en Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Ciencias Sociais, Educación Física ou Valores Éticos (optativa na ESO), que trata contidos relacionados coa Ética, a xustiza social e a convivencia pacífica. Doutra banda, o desenvolvemento sostíbel e o coidado e protección do medio ambiente é mencionado tamén no currículo e trátase especialmente en materias como Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia, Valores Éticos ou Tecnoloxía. Concretamente, o Decreto 157/2022 para o Bacharelato, fala de desenvolver a competencia en sostibilidade, que implica analizar criticamente o impacto humano no medio ambiente e propor solucións responsábeis.

Moléstalle ao Conselleiro que o currículo sinale a pertinencia de estudar os fundamentos éticos de autores como Kant, Rawls ou Hannah Arendt (firme pacifista e defensora da desobediencia cívica)? Que en Historia do Mundo Contemporáneo se estuden fitos como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, os movementos polos dereitos civís e as loitas pola igualdade de xénero? Que en Ciencias da Terra e o Medio Ambiente se vinculen os dereitos humanos co dereito a un medio ambiente saudábel, principio recoñecido pola ONU en 2021 e que isto implique a responsabilidade global na defensa dos dereitos fundamentais? Trátase esta manobra dunha réplica mimética caseira, en certo punto, da cruzada reaccionaria que Trump emprendeu dende hai meses contra as Universidades? Poderiamos descartar esta posibilidade?

Son preguntas socráticas, nada máis. Pois o currículo sinala explicitamente que se deben promover os valores que sustentan a liberdade, a xustiza, a igualdade, o pluralismo político, a paz, a democracia e o respecto polos dereitos humanos. Non sabemos certo se lle molesta. Pero o que si parece incomodalo ao seu goberno e a el é que se luzan carteis, distintivos alusivos a Altri ou bandeiras palestinas nos centros, así como actividades que sexan críticas con estas cuestións. Hai case un ano acompañamos persoalmente a Khaldun Almassri, Secretario Primeiro do Embaixador Palestino en España, para unha serie de intervencións organizada polo STEG na USC e en centros educativos galegos. O faladoiro previsto nun instituto de Compostela foi suspendido finalmente logo das presións que a dirección do centro recibiu por parte da Xunta de Galicia (até cinco chamadas distintas da Consellería de Educación, a Xefatura Territorial e a Consellería de Presidencia) e que remataron coa persoa titular da dirección acudindo a Urxencias por un episodio de ansiedade. Esa si que é unha equidistancia! Logo parece a esfera de Pascal de Borges: o centro en todas partes -talvez por iso de ser de Lalín- e a súa circunferencia en ningures.

Dende que interpretación terxiversada da 'neutralidade ideolóxica' pode molestar que as comunidades educativas debatan e apoien un pobo que está a ser exterminado froito dun xenocidio organizado onde se vulnera acotío o Dereito Internacional, onde se levan asasinado miles de crianzas, nenas e nenos? A Educación nos Dereitos das Nenas e Nenos no currículo educativo galego intégrase de maneira transversal nos plans de estudo de Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, seguindo as directrices da Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro (LOMLOE). Asemade, sublíñase que o currículo de Primaria debe promover o respecto aos dereitos humanos, incluíndo explicitamente os dereitos das nenas e nenos, fomentando valores como a igualdade, a non discriminación e a protección da infancia, facendo especial fincapé na Convención sobre os Dereitos da Nena e o Neno (1989), aprobada pola ONU.

A xornalista Cláudia Morán, nun certeiro artigo de hai uns días, sinalaba que “a escola pública serviunos para contextualizar, para entender, para formar esa conciencia que a tantas e tantos nos marcaría para sempre, alén do temario”. E é esa unha das súas funcións esenciais: promover o sentido crítico diante das tentacións do poder de querer sinalar o que se pode tratar e non tratar, o que estorba ou está de máis nunha escola.

Ben fariamos en imitar menos as donicelas e pousar a nosa mirada en certas paisaxes da natureza. Da micorriza, un fungo microscópico, seguindo a idea de Suzanne Simard, podemos aprender que forma unha rede subterránea que permite ás árbores compartir nutrientes e comunicárense, desafiando a visión individualista da nosa evolución como sociedade, suxerindo unha cooperación profunda entre todos os seus seres, moi por diante deste brutalismo en curso a nivel planetario. Como afirmou o Rivas: a Natureza sabe máis.

Por iso resultan especialmente graves as palabras do Conselleiro, pois apelar á neutralidade ideolóxica diante de certas situacións denota varias cousas e ningunha delas boa: frivolidade, inconsciencia, falta de empatía, pouco respecto polo propio funcionamento democrático dos centros e, precisamente, un cheiro a seguidismo acrítico partidista que ignora os graves prexuízos que pode traer á nosa sociedade obviar un xenocidio en curso ou implantar unha pasteira contaminante no corazón do noso país, nun exercicio de depredación extractiva disfrazado de compromiso ecolóxico, nunha das peores caras desta evolución do capitalismo.

A neutralidade é esvaradía, como a ausencia de cor. Para os franceses esta era blanc, para os portugueses ou para nós deu en branco. Pero para os ingleses ese black mudou en negro. E todos pensaban estar a falar do mesmo. Sexa como for, a neutralidade ideolóxica na educación ficará sempre no lado dos dereitos humanos, a ciencia, o coidado do medio ambiente e o espírito crítico. Sen iso, é ímposíbel que haxa neutralidade ideolóxica ningunha. Malia ás tentacións de querer facernos equidistantes entre o peor dos mundos e a transformación social que alimenta a utopía rebelde por un mundo mellor. Non llela neguemos á nosa infancia. Axudémoslle a soñala onde nos corresponde facelo. Na escola.

San Cibrao, 16 de xuño de 2025