Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Un home, un taxi, catro aldeas e unha urna

0

Vou buscar o meu fillo á saída do instituto. Entre a rapazada, sintonizo a voz dun rapaz de non máis de quince anos falando con outros dous: “Es que esto es una dictadura”. “El puto régimen del 78” (quedémonos con esta frase para máis adiante). “Nos dicen que es una democracia pero no es verdad, ¿o tú te crees que es una democracia?”. Un dos outros dille: “¿Pero qué dirás? ¿Y entonces por qué puedes ir a votar el 29 de noviembre?”. Ben polo rapaz. O científico social Adam Przeworski (imposible olvidarte / es como recordar un apellido polaco, cantaba o rapeiro Kerrik Otukulo, de existir) sinala como requisito democrático a posibilidade de que o goberno sexa reemprazado nunhas eleccións.

O paso do tempo tritura o que parecía inmutábel e inaugura o inaudito. O mundo tal como se presenta non é idéntico ao mundo tal como é. A idea da inevitabilidade de entregármonos ao fascismo foi rebatida polo pobo brasileiro (Bolsonaro fillo emigrou cos ianquis, un patriota! O slop aquel dacabalo dun T-Rex non convenceu); unha semana despois, en USA, nunhas midterms concibidas como a Festa do Cabrito, comezou o desmantelamento do fascismo trumpista. Imaxino a lápida: “Queda pago o salón de baile”. Pagará o Deutsche Bank.

O fenómeno global da contra arremuíñase coas súas ondas concéntricas: o texto de Assiatu Diallo, Elisa Molina e Pablo Pérez, do Sindicato de Inquilinas, Más allá del partido: organizar una ecología de masas, enuncia un futuro na mesma frecuencia cá onda transnacional de mobilizacións xuvenís, como a mocidade da LFI —La France Insoumise—, as Mocidades Socialistas (esas que apañaron paus na Coruña) ou o estudantado serbio. Outro día falaremos do autoritarismo furtivo de Ozan Varol e dalgúns... antidisturbios? Ou te quentan eles ou pides a axuda para calefacción da muller de Abascal.

Namentres, nunha lonxana galaxia, o PP galego saca peito no Multiusos do Sar do seu poder de convocatoria. Old school. Xuntaron buses como para un enterro. Castelao faría unha boa viñeta. Na álxebra do fraguismo —ese mito, esa historia de éxito— a fórmula tiña unha unidade de medida: un home, un taxi, catro aldeas e unha urna. As eleccións como xogala para atrás co porteiro e disparar no futbolín. Tereixa Constenla contaba en El País nos noventa que a un taxista picáranlle as rodas por abusar da carretaxe. E un hit, o de Xunqueira de Ambía: un bus municipal ás nove da mañá para carretar votantes. Marchou deserto. O cura queixouse do malo da hora. Chegou un da empresa do alcalde logo da misa. Marchou cheo. O normal, logo.

Diane Vaughan estudou a normalización da desviación. Unha sorte de nácelles a idea: comportamentos que, por reiterados, unha organización asimila como normais. De aplicación a todo isto, tamén ao millón de pisos que Feijóo dixo que non dixera. Vai no punto 144 do programa. Minte, si. Por que minte? Porque sabe que o PP e el mentíronlle á cidadanía. Tanto ten: no debate do xoves volveu dicir que si. Un 70% de afirmacións falsas, está estudado e ten nome: firehose of falsehood ou restra de falsidades. Cantábano doutro xeito Os Rastreros de Chantada no último verso: arde o ferro do motor / ei Kubota, ei Motransa / fume negro do tractor...

Pasou o 20-N. Pausa dramática para o suspiro nostálxico. Ten o franquismo futuro en Galicia? Si, segundo o avogado galego Joaquín Yebra-Pimentel —quen tamén exerceu de xuíz—. El era a nosa última esperanza branca. Neto do alcalde franquista de Chantada e fillo dun profesor antifranquista, foi detido no desmantelamento da organización neonazi Núcleo Nacional. A historia avanza en espiral. Na canle de Telegram: “Queremos la caída completa del régimen del 78” (quedáronse coa frase do comezo? Eu avisei). Montaxe con imaxes da nazi Isabel Peralta, como unha deformación da Liberdade guiando o pobo, de Delacroix —filla dun exconcelleiro do PP, tiña na casa, no canto dunha bandeira francesa, un arsenal que xa o quixese Rambo pola xubilación—. Pero tiñan grupo de WhatsApp: prostitución, porros, alzamento, euxenesia, puñadas… Shakespeare para ignorantes. Oliver Nachtwey (2016) falou da modernización regresiva: sociedades que avanzan tecnoloxicamente mentres retroceden no social e no político.

A TVG puxo o debate electoral o luns ás nove e media da mañá. Acabarán matando a Franco dun desgusto. Aprendamos de Carlos Franganillo, quen lle gabou a Pedro Sánchez as vantaxes estratéxicas de unirse a Alemaña, Austria, Países Baixos, Grecia e Dinamarca para abrir campos para inmigrantes en Ruanda. Non era iso o fascismo franquista tamén? Mudar as aberracións nunha cuestión de sentido común, seguindo a Bourdieu. A quen xa non segue ninguén é ao cabeza de termo de Milei, que xa só despacha con Ayuso, esa librepensadora, cun discurso a medio camiño entre Salsa Rosa, Pecas —a mascota de Esperanza Aguirre— e un ladrillo (ou a súa raspadura, cotisada en el ambiente). Pero é certo que cando Lennon afirmaba que o soño rematou, aquí aínda estabamos vendo como se enchufaban as guitarras. Dicíao o Rocho de Mondoñedo, cura que cantaba nos enterros, ao rematar: que Dios “día” traballo a todos, a cada un no seu oficio.

Morreu Ferrín (un minuto na TVG). Témolo ben presente: perdendo unha batalla cada día / gañando o futuro e o fulgor. Nunca atrás.