Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Situación preautoritaria

0

Non existe polarización en España. Máis ben, como noutros países, o momento histórico foi aproveitado polas dereitas para instaurar un novo sentido común que movese o fiel da balanza cara posicións cada vez máis extremistas que teñen, como obxectivo final, desmantelar o estado social e democrático. A idea é que, unha vez desaparecida a URSS, o estado de benestar constitúe un comunismo de luvas brancas que hai que facer desaparecer do rostro da Historia.

O programa da dereita é moi simple: reducir ata o mínimo o papel do estado e ampliar o do mercado. Non importa a política da crueldade que iso comporta e a deshumanización dos de abaixo. A fobia aos pobres e aos inmigrantes forma parte do programa. A invención da clase media aspiracional -marqueses de quero e non podo- é outro modo de diversión das conciencias. O incremento da desigualdade é un efecto desa polarización social e económica que, para ser levada a cabo con eficacia, ha de despistar, eximindo de responsabilidade ás elites económicas que se benefician do modelo. Como? Creando inimigos imaxinarios, chibos expiatorios nos que se condense a ira e o mal humor social. Iso pode incluír 'feminazis', 'progres woke', cataláns, 'perroflautas'... Un pouco de todo para cimentar o macizo da raza arredor dunha noción de pequena burguesía ideal. Naturalmente, os ricos sono porque o merecen, os pobres tamén, e non cabe que o estado sexa instrumento de benestar, civilización e concordia.

A ventá de Overton é un concepto de comunicación política que fai referencia ao modo en que ideas que están excluídas do espazo público pasan a ser vistas como aceptables polos cidadáns. Ampliar a ventá de Overton consiste en que o impensable, porque crearía un enorme repudio social, pase a considerarse normal. Moitas das 'boutades' de líderes ultras teñen ese obxectivo. Que o insensato pase a considerarse normal. As burradas de Trump, Milei, Ayuso son pura comunicación política: buscan capturar a atención e fixar un marco.

A sanidade universal, como outros bens públicos, vese sometida a un descrédito enorme a través de distintas estratexias para ser primeiro degradada, e, despois, reducida á súa mínima expresión. A sobrecarga de traballo dos médicos nos últimos lustros é bestial, coma a de profesores e outros servidores públicos. Non é azar. Está buscado. O fin último é a desaparición, se posible, da sanidade e a educación públicas ou o retorno dun modelo de beneficencia. Desfacerse da que talvez é a mellor sanidade pública do mundo! Que ninguén se engane: non é un problema de diñeiro. Vivimos nunha sociedade con moita riqueza e produtividade, pero os ricos apenas pagan impostos. Esa é a clave.

Pero a ventá de Overton funciona noutros ámbitos: a guerra cultural da dereita é inesgotable, pertinaz, inalcanzable ao desalento. Teñen medios: radios, televisións, xornais, granxas de bots en redes sociais, Instagram, TikTok, X. O algoritmo está ao seu servizo, dado que os tecnooligarcas son os seus donos. O monopolio ideolóxico nos medios é case total. De feito, a cantidade de diñeiro que se gasta en comerlle o tarro á xente é alucinante. O racismo ou o machismo son outros exemplos: inténtase que sexan outra vez socialmente aceptados con moitas filigranas argumentais. As campañas de lavado de cerebro son infinitas.

Non existe, pois, polarización en España. O que existe é unha radicalización da dereita que, naturalmente, educa á parte da poboación que se sente interpelada polas súas mensaxes. A educación no rancor, o veleno destilado, fai que a pulsión que goberna o imaxinario da dereita española neste momento sexa o desexo de vinganza. As dereitas non buscan gañar nunhas eleccións de mera alternancia. Buscan resarcirse dos agravios ao seu narcisismo infantil: perder as eleccións, a amnistía, que España non sexa como eles queren que sexa. Ese fondo non liberal, áspero, agresivo, de ordeno e mando. O que queren as dúas dereitas, ademais de reducir os servizos públicos, é reescribir as regras, reducir a democracia, e deixar fóra á parte dos españois que non se adapta á planta. Deixar fóra. Iso só pode facerse a través da coacción. A declaración de Feijóo no sentido de que se o fiscal xeral imputa a Sánchez para metelo no cárcere el non se oporá é todo un sinal de ata onde están dispostos a chegar. Non hai que ter moita imaxinación para supoñer outras moitas dianas a bater. Entre eles o idioma e a cultura de Galicia.

Esa radicalización da dereita que non ten contrapartida na esquerda, orfa de contraproxecto, sucede en toda Europa e nos Estados Unidos, casa matriz do fenómeno. Alí acaban de sufrir unha derrota. E non foi a “moderación” o que lles deu a vitoria aos demócratas, senón o rearme de ideas dos Socialistas Democráticos de América. Para poñer á defensiva aos teus antagonistas non podes comprarlles o marco. Tes que dicir “qualcosa di sinistra” que impugne a lóxica dun sistema pensado á medida dos ultrarricos e ofreza esperanza aos de abaixo.

O modelo autoritario que veu dos USA forzas similares -Le Pen, Meloni, a AFD de Weidel- buscan replicalo en toda Europa, onde este ano hai eleccións en varios países comezando por España. Historiadores como Antonio Scurati, en Italia, especialista en Mussolini -lean o seu M- ou Patrick Boucheron, en Francia, autor dunha Histoire mondial de la France (Historia global de Francia), avisan do perigo. Boucheron precísao así: “A nosa situación histórica non é prerrevolucionaria, senón preautoritaria”.