Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
El PSOE convierte su Comité Federal en un acto de aclamación a Pedro Sánchez
Las generaciones sin 'colchón' inmobiliario ni ahorros
Opinión - El extraño regreso de unas manos muy sucias. Por Pere Rusiñol
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Un sono lixeiro

Varias personas acostadas en un parque.

0

Nunca tiven facilidade para quedar durmido en medios de transporte. Podo ler sen marearme, escoitar música durante horas, dar conversación... Nese sentido son un bo copiloto, un bo compañeiro de viaxe. Dende que teño 18 anos, cada par de semanas, collo un autobús de Santiago a Noia para pasar un día ou dous na casa de meus pais. Nos últimos tempos, eses 50 minutos de traxecto convertéronse nun espazo seguro, nun lugar para a meditación. Nada me preocupa mentres estamos en marcha, nada sucede. É como se no interior do autobús o mundo se detivese. A empresa de transportes ofréceme case unha experiencia relixiosa por un prezo elevado de máis, uns horarios imprecisos e unha frecuencia mellorable. Mentres percorro unha estrada xeral, secundaria, con pouco tráfico e máis dunha ducia de paradas, é como se a xente estivese agardando a que eu chegase á casa para seguir adiante: non hai que decidir nada, non hai contestar mensaxes, podería non haber un luns despois deste domingo...

Antes cría que falar sobre durmir ben ou mal era unha cuestión de idade, que era algo que nos facía maiores. Cando perdín toda a facilidade para durmir polas noites hai cousa de ano e medio estaba seguro de que se trataba dun camiño sen retorno. Ao meu redor, o insomnio íase apoderando aos poucos dos meus amigos. Os nosos comentarios comezaban a resultarme familiares: escoitárallelos antes a meus tíos e a meus pais, a compañeiros de traballo que pasaban da trintena... Ese: “durmo pero non descanso”. Agora sei que é distinto. Non é que o noso corpo teña unha data límite para deixar de durmir ben, non se trata de obsolescencia programada, senón de como todo se complica.

Non dormen os meus alumnos de 12 e 16 anos, nin tampouco as miñas amigas de case 50. Sería difícil intentar dar conta aquí do que poden ter todos eles en común. No autobús a Noia nunca quedo durmido, pero descanso. Pásame o mesmo algúns días pola mañá: esperto cedo, érgome, fago cousas pola casa ata que algo en min se calma e despois regreso a unha cama compartida: “Atrapado!”. E cae sobre min o peso do brazo de Luis.

Deixamos de durmir porque nos sentimos inseguros. O mundo fala moito e fala moi alto. Ao carón da miña casa, no parque, cos primeiros días de sol, a xente queda durmida sobre o céspede. O río Sarela case non fai ruído. As voces dos nenos confúndense con todo o demais: paxaros, coches, o vento remexendo as árbores... Todo semella ideal. E aínda así, estou seguro, haberá quen esperte coa punta do nariz algo queimada e unha leve sensación de taquicardia.

Despois de xantar nós decidimos tamén baixar ao parque. Estou menos moreno do que me gustaría, pero iso aínda comeza. Onte, regresando da praia collemos un autobús longo, case de hora e media. Para cando chegamos a Santiago, xa era noite e parecía verán. A xente paseaba pola rúa demasiado abrigada e só nós sabiamos que se podía estar en manga curta. Non conseguimos sitios en ningún terraza, así que ao chegar á casa abrimos as ventás de par en par. Escribo coa sensación de que quizais a partir de agora durma mellor, quen sabe. É pequena a patria de quen aspira a ter un sono lixeiro, breve o que dura un verán.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats