Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
El PSOE convierte su Comité Federal en un acto de aclamación a Pedro Sánchez
Las generaciones sin 'colchón' inmobiliario ni ahorros
Opinión - El extraño regreso de unas manos muy sucias. Por Pere Rusiñol
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A reputación de La Tacones

Feijóo en la rueda de prensa posterior al Consello de la Xunta.

0

Teño que admitilo: estaba preocupado. Pensei que algo lle pasaba ao presidente da Xunta. Despois de velo pola tele día si, día non durante o I Estado de Alarma, nesta secuela estaba case desaparecido. Temía que os guionistas se esquecesen del, como pasou con Mandy na segunda tempada de The West Wing. Aínda peor, temía que agora que realmente ten motivos para comparecer e explicar as decisións e as medidas que -desta vez, si- debe tomar o seu goberno, preferise delegar no conselleiro de Sanidade e nos integrantes do comité clínico. Calquera diría que, a efectos de comunicación política, pesa máis ter unhas eleccións á volta da esquina que ter as competencias para actuar. E iso que, daquela, a campaña estaba aparentemente suspendida (vistos os resultados, a del non: a del aprobou; con nota).

E así estaban indo as cousas. A tele pública conectaba nas mañás dos mércores e dos venres coas roldas de prensa de Comesaña e o seu equipo mentres Feijóo visitaba escolas, empresas ou revisaba obras en marcha e, dende alí, deixaba a súa opinión sobre o que estaba pasando. Para el seguía a reservar a rolda de prensa dos xoves, a de despois do Consello, pero nin sequera nola ofrecían xa en directo. Ata este mércores.

O martes pola noite, coincidindo coa xornada de Champions, o comité clínico celebrou unha desas reunións longuísimas que rematan cun comunicado en que se recollen as medidas e unha comparecencia a primeira hora do día seguinte. O desta ocasión chegou ás 22:31 ao grupo de wasap habilitado para estas cousas: “Terminó. El comité clínico mantiene las restricciones y seguirá tomando decisiones en los próximos días”. Levaban reunidos dende as seis da tarde para deixar todo como estaba. Parecía moito tempo para nada, pero iamos ficar coa dúbida. Como non había de que informar, non teriamos rolda ao día seguinte…

Que pasou durante esa noite? Non o sabemos pero, o mércores, as tentativas de recabar unha opinión do conselleiro ou de calquera dos voceiros habituais do comité toparon cunha resposta: é posible que compareza o presidente. Feijóo tiña totalmente despexada a súa axenda pública. O comité clínico volveuse xuntar por sorpresa -doce horas antes, emprazárannos para o venres-; as reunións telemáticas de Sanidade con alcaldes como o de Santiago suspendéronse a última hora e sen explicación, e o que era unha posibilidade non tardou en confirmarse. A partir das 13 sairía o presidente. Desta vez si que o iamos poder ver pola tele.

En doce horas, unhas medidas que non ían variar, multiplicáronse, estendéronse a todo o territorio da comunidade e intensificáronse nas cidades e nas súas contornas (por resumilas: que pechen os bares). Todo, despois de que durante a pasada fin de semana as mensaxes institucionais apuntasen que o peche perimetral ía limitarse á non-ponte de Todos os Santos, por aquilo de evitar a mobilidade. Un precinto “estilo Ayuso”, aínda que no PPdeG moleste a comparación. Efectivo -e efectista- como medida de choque pero inútil para baixar a curva, algo que precisaría polo menos un par de semanas. Por iso, por unha vez, aínda que na prórroga, semellaba que o criterio científico se impoñía ao político. E iso que todo o que se faga pode parecer pouco.

Con Asturias, Castela-León e Portugal xa pechadas, non é preciso illar perimetralmente Galicia, e iso sábese en San Caetano. É complicado manterse como o campión da pandemia, reter o título gañado sendo o primeiro en levantar o estado de alarma, se un remata tomando as mesmas medidas que os seus veciños. Acender as alarmas suporía caer nese “dano reputacional” que tanto teme Feijóo. Levar os mortos ás portadas, tamén. O día que finaron 21 persoas en 24 horas -algo que non viamos dende abril- a noticia foi que Illa non deixaba que Asturias se confinase…

Galicia segue a sacar peito dos datos, aínda que volva haber residencias de maiores convertidas outra vez en rateiras, que Comesaña admita que neses centros “os protocolos non funcionan” e o portavoz parlamentario “que hai que cambiar o modelo” de atención. Mentres, prohíbese os médicos de primaria facer PCR a contactos próximos a un positivo, obrígase a profesores e alumnado a seguir indo a clase aínda que convivan cun sospeitoso e seguimos sen saber cantos rastrexadores hai (normal, se xa nin queremos entender o que é un rastrexador). Non sei vós, pero eu aquí vexo un patrón.

Hai uns días, a deputada Ana Vázquez Blanco -a.k.a. Ana de Bande- reivindicaba as súas opcións ao trono de Cayetana no starsystem mediático da Caverna respondéndolle a Irene Montero: “Habló de p*** La Tacones!!!”. Como ninguén no PP lle deu un tirón de orellas, máis ben ao contrario, supoño que esta é unha fórmula aceptada por un partido que iniciou, outra vez, a súa viraxe cara ao centro e á moderación. Por iso, parafrasando á insigne parlamentaria, cada vez que Feijóo fala do “dano reputacional” que provocarían medidas extremas, só podo pensar unha cousa: “Falou de rep***ción La Tacones”.

Porque a reputación, ata onde sei eu, non salva vidas. E teño a sensación de que o comité clínico estaría de acordo comigo.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats