As colonias do século XXI
As colonias non desapareceron, teñen outra forma. Ou, por usar unha metáfora, semella que gardan as formas.
Porque é desexada Groenlandia? Pola mesma razón que Venezuela. Son países con dotación extraordinaria de recursos e que se atopan nunha situación susceptíbel de ser invadidos, comprados, ocupados ou simplemente aniquilados para posuír a terra co seu subsolo. Non é novidade desde que hai capitalismo, así se escribiu a historia de América Latina, África ou Asia. Sempre foi cuestión de dúas variábeis de peso histórico: a capacidade/forza do imperialista e o custo dos actos de ocupación e mantemento.
Hai países con moi má sorte, e outros, moi próximos ou parecidos, foron quen de se situar con vantaxes certas no concerto mundial, mais non foi o caso de Groenlandia. Agora enfrontase ás ameazas de Trump de compra e/ou invasión, moduladas en Davos, en forma de acordo co secretario xeral da OTAN, Mark Rutte (holandés). A política imperialista dos EUA, desde a segunda Guerra Mundial, baseouse de maneira firme sobre a aceptación por Europa do seu liderado encabezado por eles e continuado a modo de enganche de vagóns, polos estados europeos, que cedo (comezaron en 1950) criaron coa axuda ianqui as institucións base da actual UE.
É interesante lembrar a secuencia temporal das organizacións internacionais nas que participaron uns e outros lindeiros do Atlántico. En 1949 nace a OTAN, Alianza Atlántica, que englobaba desde o extremo dos EUA e Canadá, pasando por Islandia até Turquía e arrodeando á URSS polo Ártico e pola liña interior do continente europeo. Só quedaba fóra Suecia por razóns de neutralidade a mantenta e estados como España, que sen pertencer á OTAN, albergaba bases e centros loxísticos decisivos para os EUA no Mediterráneo. Examinando o mapa de países OTAN naquel momento e con bases americanas en Groenlandia queda en evidencia o innecesario de “mercar” ese semi-continente de xeo, xa que sen ser titular de dominio, pode cumprir o servizo defensivo no Ártico.
En 1951 nace a CECA, e no 1955 nace o Pacto de Varsovia, como resposta á OTAN dos países daquela na URSS. En 1957 asínase o Tratado de Roma que cría o Mercado Común e o Euratom. A axuda, o apoio e a aquiescencia ianqui foi compañeira imprescindíbel na conformación da actual Unión Europea e nunca se viu un trato de desprezo dos EUA cara aos comunitarios nen tampouco nunca existiu unha submisión, ou inacción por parte dos europeos comunitarios, como neste tempo Trump. Por primeira vez en Davos despois do chamado acordo coa OTAN -que non foi tal, pois o secretario so é representativo, non executivo- os comunitarios amosáronse con capacidade de resposta: contra-aranceis co efecto inmediato de baixar os fumes do presidente americano. É probábel que non renuncie a Groenlandia, certo, mais por vez primeira atopouse con certa contestación, máis alá dos lamentos e dos silencios practicados nos últimos tempos polos representantes comunitarios. E aquí é imprescindíbel citar a capacidade de resposta digna do goberno español que leva unhas secuencias de actuación sobre temas de política internacional merecedoras de respecto e recoñecemento: no xenocidio do pobo palestino en Gaza, da negativa a subir os orzamentos armamentísticos ao 5% do PIB, na defensa de Groenlandia...indo máis alá da submisión/aquiescencia comunitaria.
Se quixeramos atopar unha expresión artística cun certo romantismo da colonización é pouco probábel que poida remedar un título da obra mestra ‘Hiroshima, mon amour’ de Resnais/Marguerite Duras, xa que non podemos situar en Groenlandia un escenario humano de amor. E non por razóns de inhumanidade, senón porque as historias de amor ficaron sepultadas e o sufrimento non callou en heroico. A poboación propia foi sometida por Dinamarca, con todos os métodos modernos e antigos, á aniquilación, asimilación e desprezo. Desde os anos 60 até os 90 do século pasado os habitantes orixinarios, os inuits groenlandeses, teñen sufrido moito e moi cruelmente, como co programa de esterilización colectiva (en fino, contraconcepción forzada) que se levou a cabo por Dinamarca entre 1960 e 1990, afectando a máis da metade da poboación feminina inuit. Era unha poboación en crecemento cunha taxa de nacementos de máis de 7 fillos por nai e pasou en 25 anos a pouco máis de 2. Aldeas enteiras sufriron despoboamento total.
Así mesmo, nenos inuits foron trasladados á metrópole cun ambiente, familias e idioma descoñecido: é dicer, cun programa perfecto de alleamento programado. Foron sometidos de forma consciente á asimilación por non lle chamar aniquilación. Hoxe a pequena poboación groenlandesa (o nome que se dan a si mesmos como país é Kalaallit Numaat) ten condicións de vida dun estado de benestar danés mais con problemas de futuro tan serios como evidencia a súa elevadísima taxa de suicidio xuvenil (83 por 100.000 habitantes, 8 veces a galega, e a nosa é superior a media de España!).
Outro aspecto moi negativo da súa situación é o trato político recibido. No 2022 fíxose público algo que todos sabían alí: o programa de esterilización tiña como ‘elevado’ obxectivo contribuír á desaceleración do crecemento poboacional para que Dinamarca non incrementase o gasto en prestacións sociais. Dicían os defensores que era unha maneira de aforrar fondos dun benestar custoso: vil ou infame. Mesmo mudaron a lei para impedir aos pais e nais ir coas nenas ao xinecólogo para así poder, sen coñecemento nen consentimento, colocarlles un dispositivo intrauterino. Foi tal o escándalo que o goberno danés prometeu salvar a situación pagando unha indemnización a cada muller convertida en infértil á forza. Supoñemos que, en parte por esta razón, a soa insinuación de Trump de comprar Groenlandia pagando a cada inuit unha cantidade de dólares que el consideraba substanciosa foi entendido como un novo atentado á dignidade.
Groenlandia é no presente moi rica en pesca. Precisamente este detalle permitiulle a Dinamarca utilizar tres votos nos organismos internacionais de regulamentación pesqueira (Organizacións Rexionais de Pesca) nos que Dinamarca contaba co voto da UE como estado membro e, a maiores, cun voto de Groenlandia e outro das Illas Feroe. Esta especie de argucia representativa (descoñecemos o mecanismo de xestación de tal privilexio) permite a Dinamarca unha vantaxe. Pouco que aprender dos modélicos nórdicos. Levantado o veo da propaganda axiña aparecen as vergoñas.
Mais aínda pode empeorar a sorte, e aquí volvemos a Trump, porque son ricos en minerais estratéxicos: ouro, ferro, uranio, cobre ou grafito, niobio, titanio e rodio así como algúns dos englobados na denominación común de terras raras como neodimio e praseodimio. É talmente como diciamos arriba: a má sorte dos países ricos en recursos, mais empobrecidos, a maldición holandesa.