Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Da TVG e do trasno dos arquivos
A frase é do mítico Manolo Castelo, xornalista que cubriu a información do Dépor durante tres décadas, incluídos os anos gloriosos: “Se no vestiario hai unha pelexa, e un é Valerón, sabes que a culpa foi do outro”. O carácter do Flaco non deixaba espazo ás dúbidas. Dándolle a volta á sentenza, a todos se nos ocorren nomes de xogadores candidatos a dar sempre a primeira labazada, vaia ou non vaia con eles a cousa.
Que a filtración do off the record de Irene Montero ao programa En Jake era tamén cousa de dous quedou claro dende o primeiro momento, cando a televisión autonómica vasca lanzou o seu comunicado. “Tanto a conversa previa coa ministra como a entrevista recibíronse en directo en ETB e noutra televisión autonómica”. Pouco se tardou en saber que esa outra tele era a TVG. Máis lentos de reflexos, non aclararon a súa posición ata o día seguinte. Son só tres parágrafos que non teñen desperdicio.
1.- “A CRTVG é allea á citada filtración e rexeita o uso de imaxes gravadas na previa dunha entrevista sen respectar a praxe de confidencialidade comunmente establecida”. Imos por partes, inspector Abberline.
Como se pode dicir o martes que se rexeita o uso dunhas imaxes que se empregaron o luns, cando o Monterogate ocupou dous minutos do Telexornal Mediodía? Non só iso: a “noticia” (coas reaccións de Ábalos e Ana Pastor) abrangueu os postos 7 ao 9 dunha escaleta de 40 puntos. Abriu o apartado de política tras un bloque económico marcado por dous asuntos de tanto calado como o peche de Alcoa e o ingreso mínimo vital. Aínda que non a meteron nos titulares, quizais por pudor, quedaba claro que para a dirección de informativos da TVG esa falta de respecto á confidencialidade era un dos temas gordos do día.
Defender unha cousa tras facer a contraria pode ser incoherente? Pode, pero se alguén é quen de explicar semellante equilibrio –se lle apetece facelo– ese é o director xeral da CRTVG. Alfonso Sánchez Izquierdo xustificou no Parlamento que non se informase do Premio José Couso a Defende a Galega polo dano que podía facer á “reputación” dos medios públicos: “Á hora de tomar decisións do que se emite ou se deixa de emitir, ti tes que balancear o dereito á información con outro tipo de dereitos”. (E, efectivamente: balancear é un anglicismo. Traballar como correspondente nos USA deixa secuelas a longo prazo; ou, polo menos, a curto…).
Quizais por ese balansé, balansé tan anabeleniano, outra gravación –tamén dun ministro, tamén desvelada por un xornal–, pero tan relevante que ata se incorporou á cultura popular (“Esto la fiscalía te lo afina”) endexamais se escoitou na TVG.
2.- “A calidade das imaxes filtradas, que circularon á súa vez a través do circuíto interno da FORTA, non se corresponde co estándar técnico das imaxes de arquivo da CRTVG”. Lóxico: había que subilo á web dun xornal, non emitilo en HD para unha televisión 4K. Iso si, as imaxes do Telexornal tiñan toda a calidade coa que se gardaron no arquivo: non era o vídeo de ABC, era o material propio. Se a hipótese que sinala a San Marcos como fonte da filtración se confirmase, teríase pechado un círculo perfecto.
Por que se arquivou, entón, se non se pensaba emitir? “Polo mesmo que eu tamén etiqueto sempre moi ben todas as fotos nas que saio mal, para acordarme de non usalas nunca”, ironizaba en twitter a xornalista Sonia Díaz. Estaría ben saber se a conversa de Fernández Díaz está tamén gardada nesa hipótetica carpeta de “Cousas que non hai que emitir”.
3.- “A CRTVG exercerá accións legais contra quen acuse a Corporación de ser a fonte da dita filtración”. Houbo quen considerou esta frase unha proba de contundencia (Feijóo en Cuatro al día, sen ir máis lonxe), pero non o é: trátase do modus operandi habitual na casa contra calquera voz discordante. Como mostra, un exemplo ben ilustrativo: a chamada telefónica “en ton ameazante” que recibiu o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, despois de que a entidade criticase “a desaparición do Diario Cultural” da Radio Galega. “A un, que xa ten unha idade, ese matonismo lémbralle ao do franquismo”, conta Álvarez, a quen tentaron intimidar cunha mención aos “servizos xurídicos” moi similar a ese peche do comunicado. Nin que dicir que, deles, como en tantos outros casos similares, nunca se soubo…
Máis aló de sobreactuacións e golpes na mesa, o mellor xeito de despexar todas as dúbidas, e xa que Feijóo non está disposto a comparecer no Parlamento, sería abrir esa investigación que reclaman tanto o Comité Intercentros como Defende A Galega. Dende a dixitalización dos sistemas, calquera acción deixa unha pegada no sistema de arquivo. Se a CRTVG non ten nada que ocultar, permitir que un órgano independente comprobe se alguén exportou esas imaxes sería un xeito tan doado como definitivo de poñer fin ás especulacións… e máis barato que andar emprendendo accións legais, por moi contundente que quede. Pero, quen sabe, igual que Feijóo copia de Urkullu as datas electorais, quizais ese apartado simplemente foi copiado do comunicado primeiro da televisión vasca…
Á ETB hónraa que non emitiu unhas imaxes –que eran súas– nin sequera cando foron consideradas (ehem) noticia. Non a coñezo tanto como para dicir que nesta liorta, ela é Valerón. O que si sei seguro é que a TVG non o é.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0