Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Antes de explotar máis minas

0

O último que soubemos da empresa nova Cobre San Rafael, filial de Atalaya Mining que quer reactivar a explotación da mina de Touro, é que presentou o seu programa social. 45 millóns de euros para 25 anos (aprox.), 1,8 millóns por ano, aproximadamente. Suponse que son para entregar en obras sociais variadas ao tecido social de afectados, para facer pipiretadas. A plataforma que se opón ao proxecto mineiro tal e como se coñece respondeu rapidamente para impedir ser burlados (caridade a cambio de que?). Sabido é que non é un investimento, sabido é que se corresponde coa práctica de compañías deste tipo de convencer aos denominados en linguaxe internacional stakeholders externos. Nós traduciríamos por afectados. O que si está moi desenvolvido na análise da boa conduta do investidor agresivo é como se levan as cousas cos afectados locais. Que vén sendo algo así, no momento actual, como cambio colares de doas de cores brillantes por ouro (que fixeran os conquistadores en América).

A política de Ence neste caso é ben coñecida, porque mesmo se gaban dela: son 3 millóns de euros anuais para festas e verbenas dos afectados próximos. Procuran que todos reciban algo. E o que é pior: reciben e aceptan. Parte desa busca de aceptación polo entorno local consiste en reunións informativas de propaganda, que non son para tomar ningunha decisión nen para ter un interlocutor co que negociar, nen para ningún compromiso empresa/afectados, xa que mesmo formalmente a empresa non fala por si mesma senón que é unha outra empresa encargada desta misión a que enreda máis ou menos aos afectados. Non existe personalidade xurídica duns nen doutros que faga posíbel unha negociación. A empresa pide os permisos legais e logo trata de neutralizar o descontento, protesta ou oposición frontal ao proxecto, en conversas de bar. Polo tanto, coñecido o proxecto, a ideia de execución e o tipo de investimento, a responsabilidade recae totalmente na Xunta e, hoxe en día, a decisión de lle dar para diante a unha explotación mineira deste tipo sen ningún vínculo con outros investimentos é tan miope, tan doutra época e doutras economías, que parece incríbel que sexa promovida pola Xunta.

Convén non confundir industrializar con explotar minas, minerais en calquera forma, mesmo canteiras. E tampouco é conveniente gabarse -por precipitación ignorante- de que, se algunha empresa se instala aquí, explota unha minaría de novo, e de súpeto, ouh milagre!!, aumentan as exportacións, iso signifique un éxito de política económica. Convén ir paso a paso e analisar cada un deses elementos de decisión de política económica, chamada de industrialización. É sabido que explotar recursos naturais -neste caso, mineiros- e vender ao exterior ese mineral non contribúe á industrializar, só, na economía na que se realiza e conclúe a cadea de valor que comezou coa explotación mineira. As cadeas de valor hoxe son globais sen posibilidade de proveito nas economías que só soportan a primeira parte: a extractiva. Se non existe un encadeamento transformador na mesma economía o valor posíbel a xerar só favorece a quen forma parte da cadea de valor grazas ás factorías industriais que utilizan o recurso ou que transforman materias primas derivadas.

É unha evidencia científica en economía do crecemento que os encadeamentos especializados creando bens de capital teñen un tirón positivo e duradoiro sobre a produtividade, creando á súa vez efectos derivados de sostemento do crecemento. Así se demostra no estudo da OCDE (2016), na base de datos Inter-Country Táboas Input-Output que identificaron os grados de fragmentación da produción dunha cadea específica de produción, os grados de interdependencia entre sectores e -o máis interesante- onde se concentra o maior valor agregado: e non é onde só existe explotación dos recursos. Por tanto, teriamos que contar coa seguridade de que a proposta económica, de política económica, que se fixer, deberá conseguir que os encadeamentos industriais cara adiante ou cara atrás existan xa que son a única garantía de dispor dunha fonte de interdependencia sectorial, típica dos países industrializados do noso entorno económico. Tamén desa forma, estaremos en sintonía co tamaño e necesidades do noso sector industrial hoxe conforme co dunha economía industrial como é a galega.

Os órganos de decisión da Xunta ante un proxecto desta natureza -e desta envergadura física, patrimonial e medioambiental- deberían ter estudado e determinado cales son as cadeas de valor identificábeis no caso do cobre. Que peso ten nesas cadeas a parte extractiva mineira. Cales son os principais países provedores dese mesmo cobre. Cales son as empresas que lideran os elos máis importantes da cadea de valor global, neste caso, unha vez coñecida. Examinar os casos -se houber- de países que foron quen de daren o salto desde a explotación mineira á transformación industrial, pasando a ter presenza no mercado mundial de bens de capital... (neste caso, estaríamos conformes cunha inicial factoría de refinación ou aquilo que fose preciso para posterior tratamento industrial).

Desa ringleira compacta de coñecementos precisos para tomar unha decisión fundamentada cumpriría pór a traballar conxuntamente varias dependencias da administración da Xunta. Sería unha novidade que, á parte da propia dirección xeral correspondente, o IGE, IGAPE e os equipos das Universidades especializados tanto en análise económica financeira como en tecnoloxía industrial traballasen de forma conxunta e por encargo superior de quen ten a responsabilidade e a competencia exclusiva da política industrial.

Por que facemos esa proposta que pode parecer que magnifica o proxecto? Pois por unha razón fundamental de peso: Cobre San Rafael pertence á Atalaya Mining, e este grupo posúe, xestiona e se lucra das mellores explotacións mineiras que hai en metais estratéxicos como é o cobre. Di Atalaya Mining de si mesma que conta cunha carteira de activos en varias zonas mineiras de primeiro nível, entre elas na Faixa Pirítica Ibérica. Atalaya está participada por un conxunto de grandes fondos de investimento e de xestión de activos mundiais como son Farringford, Ithaki, Black Rock, Investiment Management UK, Rovida, Magallanes, The London and Amsterdam Trust Co... A xestión desta compañía xunto co alcance mundial dos seus negocios e estratexias, esixe pola parte da Xunta un empeño e un coñecemento do mesmo rango, xa que as condicións de explotación e o futuro son a súa responsabilidade.