Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Ferrol: ás portas dun xiro?

0

Os ventos da historia e da xeopolítica tamén pasan sobre a Terra Chá. Cando eu estaba saíndo da nenez moita xente da comarca atopaba unha saída laboral na industria ferrolá. Primeiro foi, a fins dos sesenta e comezos dos setenta, Astano. O desnivel entre o que se gañaba en Ferrol e o que podía gañarse na bisbarra era tal que o resentimento atopaba expresión no comentario, mil veces escoitado nos bares, de que os obreiros dos asteleiros “tiran os ferodos á ría”. Iso era o summum do malbarate. Aqueles obreiros, cos seus elevados salarios, inxuriaban sen querer aos que quedaban. Cubatas&coches&tvs marcaron naqueles anos unha nova era do consumo. Despois, case inmediatamente, veu a construción da central térmica das Pontes que supuxo unha nova febre do ouro. Limitada, pero febre á fin e ao cabo.

Vilalba estaba cambiando a súa función dentro do esquema do territorio. De ser vila cabezaleira da Terra Chá pasaba a ser epifenómeno de Ferrol e As Pontes e máis alá. Un “máis alá” no que se resume un tempo de transformación e no que caben tantas cousas. Ningunha vila ou cidade está ao marxe do percorrido universal. Non hai burbullas. O curioso é que os asteleiros ferroláns pasaron de ser a Meca a entrar en crise case inmediatamente. A partires de 1983 a crise do sector naval fixo que a cidade entrara nun declive prolongado. O noso Detroit, para dicilo na sentencia establecida, tivo nunha canción de Los Limones algo así como un himno elexíaco. A economía ten moito que ver coas emocións, e as expectativas no Ferrol estaban por debaixo de cero.

Os camiños do Señor son inescrutábeis e corenta anos e pico despois semella que estamos nun novo xiro dos tempos. As cidades son un estado de ánimo, dixo Robert Park, e o sucederse das cousas tal vez cambie o de Ferrol. Navantia ten carga de traballo ata ben entrada a próxima década por mor da construción de fragatas e outros buques militares, unha derivada das tensións que ameazan o planeta. A descarbonización e a necesidade de novas fontes de enerxía insta á fabricación de plataformas mariñas flotantes para os muíños eólicos na UE. As dúas cousas son realidades operativas que marcarán o futuro inmediato de Ferrolterra. Ao final, as instalacións e o 'know how' da comarca atopan unha saída, máis aló de empresas como Megasa, Cándido Hermida, Pull&Bear, Imegasa ou Forestal do Atlántico.

A inflexión na globalización e a normativa comunitaria están decidindo a China a producir coches eléctricos, ámbito no que son líderes, en Europa e parece que MG se vai decidir por Ferrol para instalar unha fábrica. É algo que non está confirmado, pero ao parecer existen altas probabilidades de que se ratifique. De ser así, como o expresa Daniel Hermosilla, a área de Ferrol pode volver vivir “tempos de gloria”. Semella que tamén As Pontes pode obter algo da nova división internacional do traballo.

Ese xiro dos tempos acentuaría aínda máis a idea de que o tramo Ferrol-A Coruña é a actuación máis importante do trazado ferroviario en Galicia. Precisa dunha acción decidida, non só para mellorar a liña, senón para substituír o actual trazado e poñelo á altura das necesidades do século XXI. De haber servizos rápidos, a demanda multiplicaríase, como foi o caso do eixo ferroviario entre A Coruña e Vigo, que debe ser completado ata Ferrol. A área urbana delimitada polas dúas cidades daría un enorme salto adiante e o tren axudaría articular os concellos intermedios. Estamos falando dunha poboación aproximada de 650.000 habitantes.

A escala é importante e a estas alturas debería estar claro que a ordenación do territorio e a planificación pública ten que facer da Coruña-Ferrol -a Cidade das Rías de Albalat- unha única área urbana. A masa crítica é importante e caben poucas dúbidas do enorme impacto positivo que podería significar en termos económicos e sociais. É incomprensible que unha axeitada comunicación por ferrocarril non sexa un obxectivo prioritario. Tamén as liñas de cercanías han de selo, non só na dirección de Ferrol senón cara Arteixo e Carballo. Parece que o ministerio de transportes traballa nun plan de tren de proximidade para Galicia, instado polo BNG. Benvido sexa.

Os poucos vanse asentando na conciencia pública, incluída a mente da administración, determinadas realidades. Nun recente encontro de enxeñeiros galegos e portugueses, no que estaba presente o vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, poñíanse sobre a mesa a necesidade da conexión do corredor atlántico por tren a Ferrol; o AVE Porto/Vigo; autopistas ferroviarias de mercadorías, a xestión conxunta dos aeroportos galegos, e mesmo a súa coordinación co de Porto. É unha axenda interesante, non moi distinta da que está postulada no meu libro Unha Nova Olanda: de Ferrol a Porto (Galaxia, 2021). Unha das funcións do traballo intelectual é a de intentar ser a roda pequena que move a roda grande dentro da sofisticada maquinaria social.