Un 'honoris causa' para Francesca Albanese
A realidade é iso ao que hai que terlle un respecto: hai que sacarse o chapeu ante ela. Hai un ano Trump e con el toda a barafunda parecía que ían arrasar. Tiña –teñen– un proxecto subversivo. Infiltrarse no Estado para corroelo. Socavar determinados cimentos da civilización. Pero hoxe a marea cede no seu empuxe. Os aranceis, a resistencia de Minneapolis, ás razzias do ICE, a guerra de Irán... nada saíu como pretendía o autor dos tuits máis disparatados da historia das mensaxes políticas. E mira que ten competencia. Tal vez estea acelerando o declive do Imperio, cometendo erro tras erro, máis ben que engrandecelo. A grande pregunta é se, como sucedeu con Orbán, as eleccións de midterm lle quitarán a maioría no Congreso e no Senado e se tanto el como o mundo MAGA aceptarán o resultado.
O seu aliado, Israel, quere remodelar todo Oriente medio e construír o Gran Israel facendo limpeza étnica e aumentando o seu territorio a costa do Líbano, Cisxordania, etcétera. Levado polo milenarismo evita todo compromiso e comete xenocidio. Pode que estea cavando a súa tumba a medio prazo. Nada é fácil, tampouco para as fantasías de omnipotencia da nova ultradereita. No delirio autoritario que encarnan a realidade é pura plastilina, a moldear á vontade. O narcisismo de masas séguelles o paso nesa loucura imposible. Pero a soberbia e a insolencia, advirten os gregos, ábrelle o camiño ao castigo dos deuses.
Tres universidades de Bélxica outorgaron un doutorado honoris causa conxunto a Francesca Albanese, a relatora da ONU sobre Gaza. Non poderían facer o mesmo as tres universidades galegas?. Albanese encarna a valentía fronte aos grandes poderes. Cando a UE miraba para outro lado, ou apoiaba servilmente a Israel, como continúa facendo –non foi expulsada nin de Eurovisión–, Albanese documentaba a catástrofe. Hoxe soporta ameazas de morte e sancións. A administración norteamericana tena no punto mira, emitíu unha orde que prohibe a todo americano proverlle todo tipo de “fondos, bens e servizos”, así, por exemplo, non pode usar as tarxetas de crédito, xestionadas por multinacionais americanas. O mesmo, por certo, lle pasa a unha ducia de fiscais do tribunal Penal Internacional, algo que a UE non debería tolerar. Ao tempo, arrostra a posibilidade de arresto en Alemaña, país no que, como na Grande Bretaña, a simpatía por Palestina está penalizada. A liberdade de expresión non vive os seus mellores momentos.
Que as universidades galegas lle concederan ese honoris causa sería un xesto. Mínimo ante o tamaño do horror. Pero un xesto de apoio á legalidade internacional; unha afirmación de que Europa -de Galicia que é parte de Europa- está cos dereitos humanos e contra os crimes cometidos por Estados. Sería unha pequena mostra de vitalidade da sociedade civil e das institucións universitarias. Sería algo que nos honraría a todos, como cidadáns e como sociedade. Sería algo que contribuiría a que a liberdade de expresión non sucumba ante as ameazas. Á espera, naturalmente, de que algún día, os autores de crimes respondan ante a xustiza.