Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Jesús Pérez Varela, moitas sombras na sombra
[Escribo esta nota necrolóxica na mesma semana na que o PPdeG insultou en sede parlamentaria a memoria dos mortos nos campos de concentración de Franco. Para o PP de Alfonso Rueda, o mesmo que para a súa nave nodriza en Madrid, sempre houbo mortos de primeira, mortos de segunda, e mortos que non merecen nin figurar nas actas do Parlamento.]
Non sei por que, desde que souben do pasamento de Jesús Pérez Varela este xoves, non dou quitado da cabeza o Adeus, Feijoo de Emilio José, aquel temazo tecnopop que o cantante de Quins sacou hai xa quince anos para facernos máis dixerible a volta do PPdeG á Xunta de Galicia. Aínda que a canción non falaba do núcleo duro dos gobernos de Fraga, senón do daquela flamante presidente do sector do birrete, escoitala agora remite a unha época que xa fai parte do noso trauma colectivo, como o fan as figuras de Fraga, Cuíña, Diz Guedes ou o propio Pérez Varela.
Morreu Pérez Varela e a tal altura os obituarios serios andarán a dicir aquilo de que era un personaxe “coas súas luces e as súas sombras”, que é o eufemismo de referencia cando o defuntiño tiña máis ben sombras pero parece de mal gusto dicilo con el de corpo presente. A última vez que lin unha crónica falar das luces e as sombras dun político do PP foi á morte de Fernandez Albor, e as sombras foran nada menos que facer parte da Luftwaffe nazi, aínda que vista a deriva da “dereita moderada”, se chega a morrer agora igual o seu partido aínda lle suma o adestramento aéreo ao apartado das luces.
No caso de Pérez Varela, el mesmo escolleu, como bo propagandista, os fitos destacados nos que concentrar a atención pública mentres deixaba as súas moitas sombras na sombra. Vin estes días nas redes que seguen a causar gran refocile os seus anuncios grandilocuentes sobre os macroeventos que prevía para o Xacobeo 2004, e o seu moi sonado lapso falando como se o conselleiro estivese pluriempregado como terceiro membro d’Os da Ría, cando confundiu a cantata Carmina Burana cunha cantante moi galegueira. El deixou que nos esmendrellásemos a gusto coas súas saídas, e mentres tanto ía silandeiro facendo listas negras de xornalistas da televisión pública, estableceu a golpe de talonario o longo romance entre a Xunta do PP e os principais xornais do país, e inxectoulle anabolizantes ao Xacobeo de Vázquez Portomeñe até convertelo na monstruosidade que é agora.
Morreu el pero o seu grande fito, o vacinódromo máis caro do mundo, segue a verse desde varios puntos cardinais de Santiago e a custarnos cartos a todas. Lembro cando, en pleno debate sobre como facer chegar a xente até aqueles edificios enormas, o ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios da UNESCO) mediou cun informe demoledor onde chegou a cualificar a Cidade da Cultura como unha peza de deseño introducida de forma arbitraria e por cuestións de “veleidades de políticos”. É unha mágoa que finalmente non a destinásemos a mausoleo de Fraga, como prevía a rexouba do momento, así poderiamos ir enterrando os seus conselleiros canda el ao estilo do Antigo Exipto, e daríamos cohesión ao conxunto arquitectónico de firma. Despois de todo, se Pérez Varela fose enterrado con todos os fastos na Cidade da Cultura, xa ninguén podería acusalo de promover un proxecto baleiro de contido.