Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Gobierno y PP reducen a un acuerdo mínimo en vivienda la Conferencia de Presidentes
Incertidumbre en los Altos del Golán mientras las tropas israelíes se adentran en Siria
Opinión - ¡Con los jueces hemos topado! Por Esther Palomera
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Estado español e pederastia

Rueda de prensa de la Conferencia Episcopal Española tras analizar el informe realizado por el Defensor del Pueblo sobre los abusos sexuales a menores.

0

O recente Informe sobre abusos sexuales en el ámbito de la Iglesia Católica, elaborado polo Defensor del Pueblo, e as consecuencias que se derivarán na actuación do Estado, suxírennos uns comentarios sobre os procesos sociais que teñen a ver co papel do Estado e coa limpeza ou saneamento institucional na sociedade española en xeral. A ausencia de vixilancia por parte do Estado no cumprimento das proprias funcións institucionais sempre trae gastos. Neste caso, en forma de indemnizacións ás vítimas de abusos sexuais sendo menores.

O informe español nace nun ambiente mundial de persecución da pederastia, dos abusos sexuais a menores, no seo da Igrexa Católica, ben sexa en centros relixiosos, de ensino, de actividades de ocio ou de acollemento de menores. Este informe elabórase coas pescudas para coñecer a natureza desas condutas perpetradas polos seus sacerdotes ou congregantes. Mediante lei, as Cortes encargaron a tarefa ao Defensor del Pueblo, en Francia foi a CIASE (Comisión Independente sobre os abusos sexuais na Igrexa Católica) presidida por Jean Marc Sauvé; en Irlanda elaborouse o Informe CICA comezado no ano 1999, informe pioneiro baixo a responsabilidade de Sean Ryan. E así en numerosos países, aínda que non sempre de prevalencia católica, como sería o caso de Australia.

Nos citados europeos, tanto a natureza da comisión como a persoa responsábel responderon á esixencia de independencia, solvencia profesional e compromiso coa defensa dos dereitos dos nenos, en tanto que dereitos humanos, e así resultaron tanto a análise como as propostas. Sauvé, presidente da comisión francesa, ten obrado con tino e con repercusión social relevante. É presidente honorario do Consello de Estado, logo dunha carreira na Administración Pública francesa de moi amplo e prestixioso desempeño. De feito, a CIASE é coñecida nos medios de difusión como Comisión Sauvé.

No caso irlandés, foi constituída na temperá data de 1999 coa misión de investigar o abuso infantil realizado por persoas ou institucións no seo de centros de ensino, formación e acollemento de relixiosos católicos desde 1936. A investigación durou 10 anos. A comisión denominase CICA (Comisión para Investigación do Abuso Infantil) e o seu presidente, S. Ryan, é xuíz de prestixio e independencia recoñecidas. O informe de responsabilidade do Defensor del Pueblo, sr. Gabilondo, responde amplamente ás expectativas da demanda social que nos colectivos de vítimas, de afectados ou de interesados se tiña expresado desde hai anos. Neste caso, a resposta social en forma de filmes, obras de ensaio, traballos académicos, simposios... foron por diante do que a ocupación institucional/legal puido resolver.

Non obstante, o tecido social, político e de ética pública nas sociedades francesa e irlandesa son notabelmente diferentes das españolas. Neses casos, o grau de esixencia da transparencia, de loita contra a corrupción –proveña do lado que quixer–, o acceso á información ou a non existencia de tabús informativos, permítenos aseverar que hai unhas enormes diferenzas, non tanto no contido e propostas dos informes, como na receptividade social e política, así como na resposta da Igrexa Católica atinxida.

A calidade democrática non se mide só polo cumprimento das leis que salvagardan os dereitos dos cidadáns. Nunha sociedade democrática, é o convivio entre democracia formal e capacidade de saneamento democrático a medida da calidade da democracia, da súa boa saúde. O control exércese por dúas vías: o control social en forma de información limpa e transparente, quer dicer, o poder da información e da crítica, e a capacidade institucional de control e rexeneración. A observación histórica do exercicio do control social e da rexeneración (por lavado, limpeza, saneamento e sanción) é mellor levada nas sociedades anglo-saxoas que nas de face católica.

Aínda así a distancia entre as respostas francesa e española é amplísima. O primeiro indicio vén da man de que o encargo francés foi feito pola Conferencia Episcopal francesa, e así mesmo obrou como a súa primeira destinataria. Desta maneira, observamos que os mecanismos de control social funcionan de forma completamente distinta. Os bispos españois seguen negando. E aínda non se sabe o porqué da convocatoria extraordinaria da Conferencia Episcopal española -en pleno- en Roma o próximo 28 deste mesmo mes. Por razóns históricas e de vontade política, en Francia existe un consenso social en sancionar de forma adecuada as boas, así como as malas condutas públicas. Hai, así mesmo, un plus de esixencia: a laicidade é un pilar inamovíbel do Estado francés e a salvagarda e o respeito institucional deste principio submete calquer institución á República. O status da Igrexa Católica en Francia non ten a ver coa Igrexa Católica española e tampouco as relacións Igrexa-Estado responden ao mesmo traxecto histórico.

A Comisión Asesora ao Defensor del Pueblo examinou non só os abusos sexuais a menores cometidos por membros da Igrexa senón que tamén dá a coñecer o rol dos poderes públicos, entendendo que deles vai depender a detección, a prevención, a reparación e a indemnización das vítimas de abusos, tanto do pasado como a evitación de que suceda no futuro. A grande dificuldade de obter xustiza provén da natureza da consideración de delitos a demostrar pola vítima. Non é posíbel en numerosos casos seguir un procedemento contra o abusador ou o responsábel, por varios motivos: por morte, por se tratar dunha causa perdida, por prescrición do delito, por non dispor de medios nen para encetar unha causa...

De non haber actuación do fiscal pedindo a responsabilidade civil subsidiaria é case imposíbel lograr reparación. O informe español conclúe que son precisas expresións públicas adecuadas ao recoñecemento dos feitos, sancións aos individuos, petición de perdón (en forma), pago de compensacións, estabelecemento de mecanismos de prevención e, a maiores, “reformar” o clero e preparar os que teñen responsabilidades xerárquicas. Considera que os poderes públicos deben emprender accións para protexer os menores, especialmente na educación. A reparación precisa da creación dun órgao especial de trato dos casos de abusos, para que a reparación chegue tamén pola vía da compensación procedente dun fondo estatal, e, así mesmo, contempla a reforma da prescrición destes delitos, para dar acceso á xustiza ás vítimas.

O gasto orixinado na non acción, por complicidade, por falta de vixilancia, por entregar o ensino público a unha institución sen cumprir o deber mínimo de control, por desidia institucional, cando non cumplicidade, aboca agora ao Estado a se sentir no deber de ser elemento compensador para reparar con indemnizacións económicas, na medida en que estas alcancen esa necesaria reparación.

É paradoxal que neste Estado tan mirado para eludir calquera ‘lío’ que conleve aumento do gasto público, para se recoñecer como afectado en catástrofes medioambientais (ou do tren Alvia), acabe asumindo unha obriga por delitos que cometeron persoas e institucións coñecidas. En Galiza, desde o ‘Aegean Sea’ aos incendios, tratouse sempre de disimular a responsabilidade subsidiaria do Estado na tutela dos recursos naturais; de aí que resulte novidoso, neste caso a favor das vítimas, que se cree un fondo para compensalas. Esperemos que este gasto sobrevido non sexa máis que o principio dunha outra actuación de control, en concreto no ensino público encargado á Igrexa Católica.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats