Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

O que non pode ser nomeado

0

Si, si… moita chanza coas supersticións arxentinas para gañar o Mundial, repetindo paso por paso todo o acontecido na Copa América (incluído que o Kun Agüero, un tipo que xa só está para a Kings League, volvese compartir habitación con Messi), pero non vexo tanta brincadeira co feito de que Alberto Núñez Feijóo estea a facer e x a c t a m e n t e o mesmo na súa tentativa de asalto á Moncloa. Non o de durmir co Kun, claro, senón o de reeditar a estratexia que o levou á Xunta aló por 2009.

Quizais sexa só, como dicía Héctor del Mar, “porque rrrrecorrrrdarrrrr esss volverrrr a vivirrrrr”, pero cústame crer que na deriva do noso expresidente haxa trazas de romanticismo. Semella máis a aplicación literal dese manual que unha vez lle funcionou… e xa se sabe que o tipo non é nada amigo de experimentos nin de innovacións.

O que si di é bastante pouco do seu equipo de asesores, incapaces de deseñar algo novo en trece anos. Ata o Clint Eastwood do spaghetti western tiña dous rexistros diferentes (“con poncho e sen poncho”, Sergio Leone dixit), pero calquera pensaría que Feijóo só pode interpretar un único guión. Iso si, que sexa único non quita que poida defender unha cousa e a oposta sen inmutarse, ou dicir barbaridades como a de que os cristiáns non matan por relixión. O importante é facelo poñendo sempre esa cara de xestor que tanto gusta en San Marcos onde, como todos sabemos –e a diferenza de Prado del Rey–, a tele non está politizada.

Por se fosen poucos os comportamentos do líder da oposición que nos fan sentir nun eterno Día da Marmota, de súpeto atopamos que, entre manifestos pola rexeneración democrática e propostas para que goberne a lista máis votada, en Madrid tamén descubriron a existencia de “Las Niñas”: as traballadoras de Inditex que xa protagonizaran –e gañaran– unha folga a finais do pasado ano na Coruña, e agora estenden as súas reivindicacións alén do Telón de Grelos.

Nestes días en que descubrimos –que escándalo, aquí xógase– que é posible que as gasolineiras pactasen prezos para aproveitarse das axudas do Goberno, ou que determinados supermercados estean multiplicando os ingresos coa escusa da inflación, topamos tamén coa nova censura do noso tempo. O difícil xa non é criticar a quen goberna: calquera pode facelo ata coándose nun directo da tele pública. O inimigo intocable é o anunciante. O empresario. O prohome.

E algo así foi o que pasou con este conflito no pleno do Concello da Coruña. En decembro, nunha actuación tan vergoñenta como reveladora, PSOE e PP acordaron unha emenda transaccionada para substituír unha moción presentada pola Marea Atlántica. Así, no canto de “Expresar o respaldo de toda a Corporación ás traballadoras de Inditex nas súas reclamacións para a mellora das súas condicións laborais e unha igualdade salarial”, aprobouse “defender o Estatuto dos Traballadores e apoiar a negociación colectiva entre os sindicatos de clase e as empresas”. É dicir, o equivalente ao que fai Vox cando rexeita todas as violencias para non ter que condenar unha violencia machista na que asegura non crer. E non é gratuíta a comparación cando falamos de desigualdade salarial e de trato paternalista cara ás mulleres.

Obviamente, o machismo, a violencia, Inditex, as desigualdades e ata Voldemort seguen existindo aínda que non poidan ser nomeadas. O preocupante é cando o poder económico, ese que ninguén vota, é quen de taparlle así a boca aos representantes lexítimos dos cidadáns, e estes non se atreven nin a apoiar unha demanda xusta –tal e como se demostrou– cun simple xesto simbólico; porque iso, e non outra cousa, é o que acaban sendo esas declaracións plenarias que o mesmo piden a paz no mundo que a fin da fame e a pobreza.

E non é casual que os protagonistas fosen PSOE e PP, os representantes dese bipartidismo imperfecto, dese réxime do 78 que Feijóo quere blindar coa súa eterna proposta (raca, raca) de que goberne a lista máis votada; de momento, só nos concellos. Unha idea que gusta, sobre todo, a quen prefire elixir o seu alcalde (ou alcaldesa) entre un amplo abano de posibilidades: con poncho ou sen poncho.