Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

O virus como escusa: recentralización a fondo

Moncloa elimina la rueda diaria del Comité de Técnicos

María do Carme García-Negro

0

Entre os gobernos do Estado do PSOE e os do PP hai unha base común inalterada no decorrer dos tempos en que se levan alternando desde 1989: o concepto político de composición orgánica do Estado: un, un só, aínda que a Constitución aprobada no 78 non teña iso escrito exactamente. Engadímoslle “unidade sagrada” polas consecuencias que parecen derivar de obriga de crer (demostrar, practicar, difundir...) nesa única fórmula das varias posíbeis: Estado federado, federalizábel, federante…, mesmo Estado autonómico.

Comezando polo final, topamos con normas aplicadas en pleno estado de alerta que, se non fose polas consecuencias en sancións, serían só obxecto de mofa e befa. Por exemplo, a fórmula do mando único. A composición dun mando único central presidido en exclusiva por unha parte do goberno do Estado e adornado (ou arrequecido?) de mandos dos corpos de seguridade: benemérita, policía e mais mando militar, deu como resultado a posta en escena e, por tanto, visibilización do contido da norma centralizadora. Os mandos militares con uniforme de gala con todas as condecoracións que poden lucir en ocasións para o efecto, máis os ministros responsábeis de cadansúa carteira e o adubo do responsábel de sanidade encargado de comunicar o estado da cuestión en termos estatísticos, conformaron unha posta en escena pensada para atemorizar os confinados e, sen intención de convencer, garantir a permanencia na casa.

A seguridade do encerramento vinculouse a unha especie de carreira de detencións presentadas como éxito policial e como resultado proveitoso do confinamento. Estábase confundindo medios -a garda doméstica- cos fins -evitar o contaxio-, e así o resultado final perdeu polo camiño calquer vestixio de aprendizaxe social. Ademais das formas físicas que xa citamos da posta en escena televisiva diaria, deuse por sentado que o mando único, a autoridade competente (denominación-cuase un alcume no tardofranquismo) só pode emanar da autoridade estatal e que a ela quedan sometidas as demais autoridades autonómicas, mesmo aquelas con competencias exclusivas e funcionamento autónomo desde hai décadas. Asumir o mando único con todas as consecuencias quería decir centralizar así mesmo compras, pedidos, subministracións e distribución do material necesario para o funcionamento da sanidade en todo o Estado, e constatouse decontado que o fiasco provocado ía adquirindo proporcións inmensas. A ausencia de capacidade administrativa, orgánica, e mesmo económica, rematou por transferir de novo, de maneira vergonzante, as competencias -polo menos no referido á aprovisionamento- aos entes autonómicos, mesmo permanecendo a denominación e o uso único do poder de decidir para o goberno do Estado.

A concepción de unicidade do Estado, mesmo en termos de xestión sanitaria, así como das condicións civís do confinamento, trouxo aparelladas unhas outras consecuencias tanto económicas como de sofremento engadido: non se pareceu en nada a evolución da epidemia na Galiza que en Madrid ou Barcelona. Aquí non existiu, por razóns obvias, o efecto masa das grandes urbes, e tampouco hai similitude algunha entre a estrutura produtiva galega e a da provincia de Madrid, mesmo sabendo que reunimos nun territorio casi catro veces maior menos da metade de poboación, e ben espallada en máis de 30.000 entidades singulares de poboación. Isto en Madrid nin se sabe nin se entende, ou, o que é peor, non se quere entender.

A suposta razón de simplicidade administrativa do mando único e uniforme botou abaixo a posibilidade de fina xestión do control da propagación da epidemia en Galiza. Quedaron dúas cuestións en evidencia. Unha, que os contaxios se poderían ter evitado impedindo cedo o tráfico de persoas de Madrid á Galiza. E outra, que Galiza ten unha capacidade produtiva distinta da de Cataluña, Euskadi, Madrid ou Valencia; en concreto, en produción de alimentos seguiuse producindo, en activo -denomináronse actividades esenciais- e non foron de risco para aumentar contaxios nen extensión da epidemia. Quedou en evidencia, tamén, que a realidade administrativa por provincias só existe para ter delegados do goberno de Madrid en rememoración dos antigos gobernadores civís (xemelgos dos gobernadores militares tamén por provincias). A división provincial na Galiza só funciona como rémora administrativa do pasado e vale para crear deseconomías e, neste caso, illamento de cidadáns que viven con relacións familiares, económicas e de uso do territorio á parte desa división administrativa do século XIX. Mesmo a división galega da administración eclesiástica é máis acorde coas relacións económicas intraterritoriais que a provincial administrativa.

Entender que o mando único arrasa co estado das autonomías é igual que intentar borrar cunha norma legal 40 anos de gobernos autonómicos que, mal que ben -en cada caso- e co feixe de competencias asumidas, levan cumprindo coa función de xestión e goberno (depende dos casos e das competencias) sen menoscabo algún da sagrada unidade do Estado. Entender ou querer facer crer que por chamar mando único a un gabinete ad hoc a conduta do virus vai recoñecer a uniformidade declarada é cuase delito de inxenuidade política cando non de empecinamento. En política e en xestión a mellor conduta é a que conleva mellores resultados. Nin sequera en estratexia militar é aceptado que unha concepción previa inmutábel deberá presidir todas as decisións. Estas deberán ser tomadas en función da cobertura adecuada das necesidades de cada situación. E as situacións son diversas, distintas, e con evolución tamén distinta; polo tanto, as medidas a adoptar en boa lei xestora (e política ) deberán ter en conta as diversas situacións.

Aínda engadiremos outro efeito neste xogo perverso e amado polo PP e o PSOE. Declarado o estado de alerta e o estabelecemento do mando único, o presidente da Xunta asume todo. Logo, día a día e paso a paso, sen pór en cuestión o principal vai retocando un ou dous amaños modificadores da norma xeral, tirando así a suposta vantaxe da defensa de posición galega sempre dentro do respecto absoluto á unidade sagrada do Estado. O dobre xogo consagra a asunción do principio de unicidade con todo o que del se deriva, sexa ou non racional, e permite nunha entente de “hoxe eu e mañá ti” manter politicamente unha organización -administrativa e política- non válida para o presente. Só hai unha explicación en análise política: a esencia do ser deses dous partidos consiste na suma de votos nos grandes caladoiros poboacionais para manter unha organización partidaria potente. Tan potente que é maior a demanda de poder político que a capacidade real de mantelo, xunto a que mentalidade centrípeta madrileña é perguiceira para gobernar con matices. Nin se entenden, nin se coñecen nin vontade hai de pararse a coñecelos.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats