eldiario.es

9

GALICIA

Semiótica

"Se eu entendese algo de semiótica, diría que ese anuncio de que Inditex vai mirar de producir tropecentas mascarillas e batas, do que todos os medios se fixeron eco apenas un día antes do anuncio moito máis modesto do ERTE masivo, ten máis de publi-reportaxe ca de xesto, pero xa hai moito tempo que os gurús do marketing nos explicaron que Don Amancio non gasta un peso un publicidade".

Una trabajadora del Congreso

Una trabajadora del Congreso

Somos un país de xestos. Un Estado, se prefiren.

Non levabamos 24 horas de confinamento, sen ter moi claro o que iso ía supoñer, e xa estaba medio país no balcón dando palmas á saúde do persoal sanitario. Ou das caixeiras e repoñedoras. Ou dos varredores. Non pidan que lembre a quen lle correspondía que aplauso cada día porque xa levamos uns cantos, hoxe mesmo chegoume convocatoria de foliada para celebrar o San Xosé cantando aquela canción na que Miliki e Fofó non deixan de saudarse. Non é broma, non. Somos un país de xestos.

Engalanámonos cun lazo rosa unha vez ao ano porque é doado facelo, nin sequera o temos que prender na lapela e preocuparnos de se combina ou non, grazas á maxia das redes sociais abonda con cambiar a foto do noso perfil de Facebook, e xa non temos que lembrarnos máis dela, que xa o algoritmo nos volve a foto ao sitio ás 24 horas, non for que prolonguemos o avatar alén da data sinalada e o lazo rosa se converta no símbolo doutra cousa sen nos decatar.

Xuntamos tapóns. Iso aínda non teño claro como se traduce en tratamento milagreiro para curar a vida dun neno do noso país que, por algunha escura razón administrativa, non está cuberto pola Seguridade Social. Cada vez que me chega algunha convocatoria para xuntar tapóns, trato de indagar por que o neno Xan ou Pericán ten que pagar polo seu tratamento, por que teñen que ir a Houston a por un transplante medular cando temos a mellor sanidade do mundo aquí, ou iso dicimos sempre, ou que tipo de cambio converte os tapóns de plástico en dólares, pero sempre me resulta difícil preguntar esas cousas tan prosaicas cando hai un neno moribundo de por medio, e máis difícil aínda resulta que alguén me responda sen improperios. Somos un país de xestos, non de método socrático.

Somos un país de xestos e como tal apreciamos os xestos dos nosos gobernantes. Que xesto máis fermoso o outro día no congreso, o presidente e os deputados parando para aplaudir a limpadora que, enfundada en simbólicos mascarilla e luvas, se afanaba en desinfectar o atril tras cada intervención. Menos fútil sería ter intervido por videoconferencia e non poñer en risco a saúde de ninguén, pero onde quedaría o xesto, a foto, as imaxes que serviron para encher interminábeis minutos de telexornal e inspirar ríos de tinta impresa e dixital nos editoriais do día.

Todo nas comunicacións dos partidos políticos desde que se decretou o estado de alarma parece sacado dun manual de semiótica: o ton dos discursos (Churchillianos uns, Mussolinianos os outros), a sobriedade dos escenarios, mesmo as fotos da UME coas súas fundas brancas desinfectando cabinas telefónicas e andéns de estación tiñan máis de símbolo que de outra cousa, tendo en conta que para que esas desinfeccións sexan efectivas deberían realizarse despois de cada uso.

O xesto de El-Rey, saíndo a acalmar os medos dos seus súbditos días despois de comezada a crise foi fermosamente contestado en milleiros de balcóns e xanelas cunha cazolada histórica que vai quedar niso, nunha cazolada histórica. Dentro duns anos contarémoslle ás novas xeracións como aquel día de marzo saímos á ventá a protestar pota en man, e elas preguntarannos como é que os Borbóns seguen no trono, e para iso xa se nos ocorrerá algo, porque de xestos e símbolos imos sobrados.

E se hai alguén que aglutina capital simbólico no noso país ese é Don Amancio, que, para empezar, no imaxinario colectivo ten un Don diante normalmente reservado aos membros da realeza. Faga o que faga, tanto se é recollendo as cacas do can como relocalizando empresas subsidiarias, non lle falta o multitudinario coro que lle aplaude no balcón e nos medios. Como agora, que disque vai mirar de producir tropecentas mascarillas e batas protectoras para o persoal sanitario. Vai mirar de producilas, que pagalas xa veremos quen as paga. Será que o capital que ten é, sobre todo, simbólico. Do outro é difícil saber canto aglutina, pero a cinco días de pechar os comercios xa tivo que acollerse a un ERTE para despedir 25.000 empregadas, cuxo salario empezará a abonarse en parte cos aforros dun estado con superávit de xestos pero deficitario en cartos públicos.

Se eu entendese algo de semiótica, diría que ese anuncio de que Inditex vai mirar de producir tropecentas mascarillas e batas, do que todos os medios se fixeron eco apenas un día antes do anuncio moito máis modesto do ERTE masivo, ten máis de publi-reportaxe ca de xesto, pero xa hai moito tempo que os gurús do marketing nos explicaron que Don Amancio non gasta un peso un publicidade, nin en valados, nin en marquesiñas, nin desde logo en prensa, así que iso é impensábel. Iso da roupa protectora é sen dúbida un xesto de altruísmo nestes momentos nos que debemos estar unidos, como o do El-Rey, saíndo a dar ánimos desde un sobrio escenario en vez de nos quentar a cabeza cos seus problemas de herdanzas, que despois de todo son cousas que pasan nas mellores familias, quero dicir, nas que teñen herdanza. Como o da Brilat patrullando armados as nosas cidades desertas para facernos sentir seguros pechados nas nosas casas. Como o de recoller tapóns e colgar lazos rosas no Facebook, porque se algo temos en común os cidadáns do común é que somos moi de xestos.

E se, pasado o confinamento e os xestos, non volvemos saber que pasou co persoal sanitario, coas caixeiras e as repoñedoras, cos varredores, cos pacientes de cancro, coas traballadoras despedidas por Don Amancio ou coa limpadora do congreso, tanto ten. Como aprendemos do algoritmo do Facebook, podemos cambiar automaticamente a foto do día e volver falar de Venezuela.

Muy Bien, has hecho Like

¿Qué tipo de error has visto?
¿La sugerencia que quieres realizar no está entre estas opciones? Puedes realizar otro tipo de consultas en eldiario.es responde.
Error ortográfico o gramatical Dato erróneo

¡Muchas gracias por tu ayuda!
El equipo de redacción de eldiario.es revisará el texto teniendo en cuenta tu reporte.

Comentar

Enviar comentario

Comentar

Comentarios

Ordenar por: Relevancia | Fecha