Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

(Aínda) non é tempo de laiarse

Patricia A. Janeiro

0

A tal altura xa todos vimos as fotos dos primeiros mitins de campaña: Feijóo nun escenario azul, rodeado de letreiros nos que figura a súa propia marca, Feijóo, o ano no que se presenta, 2020, e o país no que se presenta, Galicia, Galicia, Galicia. Para saber por que partido se presentaba, dicía a piada, había que mirar con lupa o que semellaba ser un símbolo de marca rexistrada enriba do nome do país. Non é un meme novo: a imaxe dun Feijóo desesperado por renegar do seu partido leva a dar voltas pola rede desde que se desbotou o seu cambio de escenario de presidente da Xunta a candidato á presidencia do Goberno español. As teorías da conspiración para explicar tal engado son distintas, dependendo desde que lado do Padornelo se interprete o conto.

Normalmente na prensa de Madrid existe a visión de que a Feijóo non lle convén que o asocien con Casado porque é moito máis moderado ca este, algo que facilmente se pode desmontar vendo as declaracións de Feijóo non cando vai a Madrid senón aquí mesmo e en sede parlamentaria, cando tira do seu estilo matón para se enfrontar quer coa oposición quer coa tribuna de invitados, ou facendo un repaso a todas as actuacións privatizadoras da sanidade, o ensino, as residencias de anciáns, á xestión das caixas de aforros... que nada teñen que envexar ás políticas do PP madrileño. Por poder, poderíanlles preguntar ás traballadoras de todos os sectores públicos quen é este tipo que sae ocasionalmente na prensa estatal afeando a conduta aos seus compañeiros de partido: seguro que a administrativa que está a cubrir dous postos á vez no hospital, e que nos ten que dar a cita para radiografías para dentro de ano e medio poñendo boa cara, non ten problema en contarlles aos xornalistas de Madrid o moderado e bo xestor que é Núñez Feijóo, se eles teñen a ben preguntar. O problema con estes analistas cuadrianuais é que, no canto de preguntar, prefiren pecar dunha versión local do despotismo ilustrado, xa saben: todo sobre Galicia, pero sen Galicia.

Deste lado do telón de grelos contamos un conto parecido pero á inversa: os galegos identifican a Feijóo coa Xunta, teorizamos -como se aquel “os galegos” fose un suxeito teórico do que non facemos parte- e por iso Feijóo prefire que o asocien á institución e non a un partido condenado por corrupción.

Pero esa explicación tampouco convence, porque os votantes de Feijóo xa eran votantes de Fraga, que era o PP, e son votantes do PP tamén nas eleccións ao Congreso dos Deputados. Son tan pouco do PP como aquel veciño meu que se dicía “juancarlista, non monárquico” e morrerá sendo “leonorista, non monárquico”.

Daquela, para que oculta Feijóo as siglas do seu partido? A quen pretende enganar? Moi doado: a nós. Aos sisudos analistas políticos. Ás que se gaban de levar 20 anos cubrindo campañas electorais. Aos contertulios de todas as emisoras, estatais e locais. Ás columnistas ocasionais que xogamos a entender as leas políticas porque nos papamos as dúas versións de House of Cards. Non hai máis que abrir calquera xornal, de calquera signo, para ver, na información destinada ás eleccións galegas, elocuentes análises sobre o afastamento de Feijóo do PP, non só coa tese da moderación, senón con calquera outra que poidan imaxinar, incluída esta miña, e explicando como iso lle vai funcionar para gañar as eleccións.

Feijóo non quere enganar os seus posíbeis votantes con esa argucia porque os seus votos xa os ten, e, malia descender estes en número desde 2009, cada vez amortízaos máis. O que conta para el son os votos da oposición, ou mellor dito, os votos dos que quedan na casa sen ir votar porque total xa está todo dito, xa os analistas predicimos que o suposto afastamento do PP lle vai funcionar, xa deitamos milleiros de caracteres en columnas tan cínicas como derrotistas que sempre rematan dicindo “oxalá me trabuque pero...”, e mesmo algúns xa deben ter preparada a análise do 13 de xullo contándonos, desde Madrid ou desde Santiago, que os galegos votamos mal, coma se no resto do mundo gobernasen os soviets.

Resulta que ao final os que nos deixamos engaiolar por toda a cartelería dos mitins feijoítas, cos seus debuxos imitando trísceles e follas de carballo, as súas triplas evocacións ao país que o viu nacer e o seu logo de partido agochado, fomos os “listos”, os que pasamos a vida explicándolle aos galegos como votan os galegos. Se cadra nós, no canto de apelar ao voto útil, deberiamos apelar á columna útil e empezar a escribir sobre o que queremos que pase, o que poida que pase se non caemos en derrotismos e análises baleiras.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats