Castigo sen xuízo
“Accipere quam facere praestat iniuriam” (É mellor sofrer unha inxustiza que facela) Cicerón. Tusculanas.
“Cae na fosa aquel/a que a cavou”. Proverbios 26, 27.
1. Castigo
Azucena Recio toma posesión despois de ser designada polo Consello Superior do Poder Xudicial presidenta da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, e en uso de gran dilixencia (5 días despois) toma as primeiras decisións en exercicio do seu cargo. Traslada de maneira inmediata e forzosa á sección Cuarta os maxistrados Luís Villares Naveira e María Dolores López López, membros até ese momento da Terceira. Así mesmo, dous maxistrados da sección Cuarta son tamén, e de forma forzosa, trasladados á Terceira: Rosa Agrasso Barbeito e César Alexis González Fernández. Dunha primeira leitura poderíase desprender nada máis que un acto de xestión sobre a marcha da Administración de Xustiza ou de disciplina no exercicio das competencias da súa responsabilidade; mais, como se verá co paso do tempo, o deseño, decisión e execución destes traslados teñen unha raíz moito máis fonda e interesante que un asunto disciplinario ou reorganizador. Visto que as decisións admiten recursos e que algún dos castigados manifestou a súa intención de levalo a cabo podemos abandonar aquí este relato, dirimido só no interior do recinto das sedes xudiciais e pasearnos por outros ámbitos máis diáfanos e esclarecedores dos acontecementos.
2. Presión
Vén existindo desde hai tempo unha fonda presión mediática sobre a actuación do Contencioso do TSXG no asunto das autorizacións dos eólicos. Os dardos enfocábanse sempre cara ao maxistrado Luís Villares, nunha manobra de cariz propagandístico e de baixa estofa, para sinalar a un inimigo unipersoal das eléctricas. Mal enfoque, porque unha sala é unha sala (órgano colexiado, non individual), e as seccións tamén son órganos colectivos. O liderado na portavocía dos ataques á Xustiza é exercida, nomeadamente, polo xornal que cre que é a amígdala de Galicia, usando todo tipo de xogos informativos, arrodeando a verdade ou violándoa, cando for preciso. O aguillón final é do poder político do réxime, en consonancia co lobby eólico que non dan feito a patrañas, terxiversacións e propaganda, todo e unicamente en defensa dos intereses desta parte do capital.
Podemos, querendo, empezar polo principio: en que libro sagrado de guións da vida dos galegos está escrito que debamos ser produtores de enerxía eléctrica sen límite, condicións nen teito? Quen decide o destino económico dun pobo como o noso? As compañías eléctricas? Pois a resposta é: case si. Así foi nun tempo da negra ditadura. E non fixemos máis que producir electricidade en todas as modalidades a fin de servir para industrializar España, e aquí non ter nen luz para uso doméstico ou para uso industrial. Convivimos cun estadio Bernabéu (do Real Madrid) iluminado ostentosamente para os partidos nocturnos, servido con electricidade producida na Galiza, que pasaba de largo cara á meseta, ou cara onde Fenosa dispuxese. Seguimos exportando máis enerxía eléctrica da que consumimos e seguimos tendo problemas de distribución e de potencia para as necesidades propias. Quen escrebe o guión dos nosos destinos? Fenosa, Endesa, Iberdrola... o lobby eólico? Primeiro corolario.
Non necesitamos producir máis e moito menos encher o país de muíños como se fose un pesadelo do Quixote. Pero este é o meu razoamento, non o de ninguén máis. O TSXG atense no seu labor ao estrito guión que as leis marcan, e en función delas e da súa correcta aplicación actúa. De modo e maneira que unha vez concedidos permisos de instalación á compañías eólicas e recorridas polos afectados que observan unha aplicación administrativa deficiente, acoden ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e atopan que o Contencioso lles dá a razón. E o Contencioso debe actuar con toda xusteza legal, xa que todos os recursos, contra as medidas cautelares que foron recorridas en casación ao Tribunal Supremo, foron inadmitidos. É dicer, a secuencia é: a lei, a petición de permiso de instalación á Xunta, a concesión (polo que se ve en precario), os recursos de afectados ante o TSXG, exame e medida cautelar e finalmente recurso polas empresas contra as cautelares, e finalmente inadmisión no Tribunal Supremo. Agochado este paso do Supremo só se da a coñecer o cabreo maiúsculo da Xunta do PP acompañado das eólicas. E para maior eco mediático fixase a atención nunha persoa cuxo nome e apelidos son abusados até a saciedade groseira. E onde estará o poder omnímodo dun home para poder facer todo isto só e chegar até o mesmo Supremo? E non será que na Xunta son vicarios dos intereses eólicos e atrapalladamente dan permisos coma churros, en forma de porras, neste caso? Onde está a raíz do mal funcionamento? Na lei? Na aplicación administrativa das condicións da súa aplicación? Na urxencia de cumprir rápido e dilixentemente cos intereses das compañías que albiscan o negocio de se instalar en terreo fácil: Galiza? Podemos escoller calquera das respostas. Nós inclinámonos pola chambonada de aplicación na concesión dos permisos (en concreto, a valoración do impacto ambiental) e pola urxencia dos intereses a satisfacer. O poder executivo debería reflexionar, como adoitan dicer, ás veces. Tamén pode ser unha boa praxe se analisa onde está o miolo da cuestión e comeza a mudar.
3. A obscenidade da relación poder político/económico
O Estado e o poder económico teñen relacións de proximidade sempre. No capitalismo poden aparecer máis formalizadas que noutros sistemas, mais danse sempre. O que podemos discutir son as formas ou a intensidade en cada formación social e en cada momento histórico. Que o poder político teña conexións co poder económico non é novo nen orixinal deste país. O feito de que exista relación máis ou menos íntima entre o PP e o lobby eólico non é novidoso, nen asombroso nen orixinal. Pior foi en Corea na etapa histórica coñecida como de relacións incestuosas entre eses poderes. Mal van tamén nas repúblicas inestábeis latinoamericanas sen control nengún das interferencias notábeis entre un e outro poder. En Europa –a dos máis desenvolvidos–, o Estado cohabita co poder económico tamén pero existen mecanismos de control legal que mitigan bastas interferencias. No noso caso amosouse como obscena esa relación de inxerencia. O intento de control por parte do executivo sobre o poder xudicial asoma nas declaracións de urxir ao xudicial a cumprir cos desexos do executivo, neste caso aguilloado polos intereses do lobby eólico. O que hai detrás é o negocio das compañías interesadas en lograr o primeiro posto de instalación –é dicer, a ocupación– do territorio propicio para a instalación de parques eólicos. O medular é a ocupación, o dereito conseguido de producir enerxía, neste momento, aproveitando as vantaxes da transición enerxética.
Noutros casos podería ser interpretábel a interconexión entre poder e goberno; neste, e como paradigma de mal funcionamento, ficou ao descuberto. Queda moito camiño cara unha democracia de maior calidade.