Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Feliz inicio de curso concertado

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, en una captura de su vídeo de comienzo del curso escolar desde un colegio concertado-privado.

0

Esta semana comeza o curso escolar e os nosos gobernantes xa lanzaron as habituais mensaxes desexándolle ao alumnado o mellor nesta viaxe, etapa, aventura, ou a metáfora trillada que se lle ocorrese desta vez aos respectivos xefes de prensa. O presidente Alfonso Rueda decidiu gravar a súa mensaxe desde o colexio San Narciso de Marín, o privado-concertado no que el estudou varios cursos cando era neno. Máis ca un acto de nostalxia oitenteira ao estilo das insoportábeis contas de redes sociais que enxalzan a EXB, diría que se trata dunha declaración de intencións nada disimulada.

Entre os máis de 1200 centros de ensino galegos, o noso presidente escolleu para a súa presentación do curso un centro concertado, o que ten moito que ver co sentido que este goberno da Xunta lle quere dar aos servizos públicos, que para eles están moi ben sempre e cando sirvan para financiar empresas privadas. Unha das cuestións nas que os asesores do presidente lle recomendaron incidir nesa presentación foi na gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos e das universidades galegas. O colexio desde o que fixo este anuncio, por exemplo, é privado nese primeiro ciclo de infantil, pero se vostede se sinte clase media aspiracional pode levar as súas crianzas alí de balde, que xa a Xunta sufraga ese e todos os centros de ensino privado de 0 a 3 anos. O que seguramente non atope será praza nun centro público das mesmas características, porque levamos anos sen novas escolas infantís públicas, e Alfonso Rueda está tan encantado con este modelo privatizador que non dubidou en devolver 22 millóns de euros do goberno central para a creación de prazas públicas.

Algo semellante acontece no ensino superior. Mentres a consellaría de Román Rodríguez frea a creación de novas titulacións coa desculpa de que xa existen nalgunha das tres universidades galegas e a demanda está cuberta, apadriña a creación de graos redundantes na universidade privada de Abanca. No canto de fornecer a FP pública de profesorado e medios, apostan por un modelo de cursos masivos no que o alumnado descarga temarios online e o profesorado fai, como pode, o seguimento de aulas virtuais sen poder personalizar nin concretar o ensino, o que acaba derivando alumnado aos centros privados.

Perante este panorama, ás veces xorde, moi timidamente, o debate sobre por que seguimos a manter escolas privadas cos nosos impostos, e non falta o historiador afeccionado que nos lembra a LODE de 1985 e o concerto educativo entre igrexa e estado: a teoría é que o estado precisaba crear milleiros de prazas públicas en pouco tempo para garantir o dereito universal ao ensino, e os centros relixiosos xa estaban aí. Mesmo se obviamos que o concerto foi un dos moitísimos pactos da Transición e aceptamos a versión saneada de que detrás había motivos puramente loxísticos, corenta anos despois non podemos seguir a falar dun parche que resolve unha falta puntual de prazas: a constante inxección de cartos ao ensino privado e o desinvestimento do público é unha política deliberada. No caso do goberno da Xunta, esténdese tamén a outras consellarías.

Outro exemplo da súa predilección polas empresas privadas é o chamado “Bono Concilia” que a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou aos catro ventos como cada ano, para axudar as familias a conciliar polo verán (outra derrota que parecemos asumir desde a clase traballadora é que a tan cacarexada conciliación nunha ten que ver con poder traballar menos horas para pasar máis tempo cos fillos, senón con ter espazos para deixalos con terceiras persoas mentres ti non deixas de producir). O caso é que cando levabamos medio verán enriba e a rapazada xa estaba nos campamentos e ludotecas, a conselleira anunciou que este ano quedaban excluídas desas axudas “para todas as familias” precisamente as familias que estivesen a levar as crianzas a campamentos e espazos públicos. O “Bono Concilia”, sufragado por todas nós, resultou ser unha subvención para as empresas privadas que se dedican a organizar campamentos de verán, non unha axuda para as familias.

Á vista do ben que lles veñen os cartos públicos para repartir axudas ás empresas, non entendo que o presidente Rueda, o mesmo que o seu xefe de planta Feijóo, teña tanto interese en baixar os impostos. A ver se vai ser que, en realidade, o que quere Alfonso é deixar de recadar para deixar de beneficiar a esas empresas privadas, e nós aquí, criticando sen saber?

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats