A poxa dos Franco
A filla dun xoieiro dos das Praterías contoume un día que, cando os Franco viñan de visita oficial a Santiago, era común que Carmen Polo se dese un paseo polas xoiarías da zona para ver de que se encaprichaba, e o xoieiro ao que lle tocase apandar non tiña máis remedio que regalarlle a peza en cuestión, como mostra de adhesión ao réxime. Cando os Franco marchaban de volta a Madrid, deixando ao seu paso o rastro do espolio, os xoieiros xuntaban cartos para custear entre todos a peza “regalada”, porque nunca se sabía a quen lle ía tocar a seguinte vez. Claro que isto non era un feito illado nin típico de Santiago, ao longo dos anos lin moitas veces variantes desta anécdota acontecidas en practicamente todos os destinos das viaxes oficiais do matrimonio. Está claro que á muller do ditador non se lle podía dicir que non.
Non deixa de ser curioso, coñecendo a historia como a coñecemos, que medio século despois sigamos a falar das cousas “dos Franco”, coma se os seus descendentes herdasen bens que chegaron ás mans da familia tras unha compra ou un intercambio feito libremente entre dúas partes. Despois de que a xustiza ditaminase que o Pazo de Meirás nunca fora da súa propiedade, senón do Estado, supoño que á familia Franco lle suporán un gran consolo os 524.925 euros que veñen de conseguir por venderen nunha poxa os obxectos do seu interior; despois de todo, as penas con medio millón de euros son menos penas.
O que non me queda claro, á vista de como obtiña os seus bens o ditador, é de quen eran todas esas cousas que poxaron. Sei ben que isto non leva a ningures, é un pouco como preguntarse de quen eran as obras de arte que conformaban a colección privada de Hermann Göring ou as que adornaban as salas da Casa Parda que os nazis tiñan en Munich, pero estou certa de que hai moita máis xente a facerse a mesma pregunta. Por exemplo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Como ben din, non ten sentido que o pazo sexa de titularidade pública e os mobles e obxectos que levaban dentro del desde antes de que Franco o convertese na súa residencia de verán non o sexan. Non sei que mecanismos seguen o goberno da Xunta e o do Estado para decidiren que obras se deben salvar do espolio e cales non, pero lembro o pouco interese que tivo o goberno galego cando o Concello de Santiago reclamou por primeira vez as estatuas do Mestre Mateo, que tamén facían parte da colección privada dos Franco en Meirás até que o Tribunal Supremo resolveu devolverllas ao pobo compostelán.
Outra cousa que me fascinou da multimillonaria poxa dos Franco, alén do feito de que a levasen a cabo nun deses sitios que parecen saídos dunha película de James Bond, onde mesmo o director é un vizconde, foi ver a cantidade de xente que está disposta a pagar moitos cartos por unha fotografía familiar ou un maletín do seu heroe. Se me din que a persoa que pagou 6.000 euros por un cadro dedicado a Carmencita non é outro que Goldfinger, creríallelo ben.
Supoño que a estes si lles podemos chamar nostálxicos, que soa moito mellor que dicir que están obsesionados coa guerra dos avós e os bisavós, como lle chama Alberto Núñez Feijó ao golpe de estado e os corenta anos de represión que seguiron, sobre todo cando se queixa de que algúns non pasamos páxina, que seguimos emperrenchados con sacar os mortos das cunetas e os Franco das residencias “cedidas” ao ditador. Eu diríalle a Alberto que, despois de ver cantos pretendentes suscitaron as pezas poxadas e cantas bandeiras con símbolos da ditadura se concentran nas manifestacións e protestas que o seu partido avala, se cadra debería preocuparse menos polos que nos lembramos do pasado, e máis polos que teiman en revivilo, que xa sabemos o moito que custa recuperar algo para o pobo cando os herdeiros de Franco se empeñan en arrebatárnolo.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0