Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Infiltrados nas aulas

Vista de una clase sobre preveción del bullying.

0

A finais dos anos 80 Johnny Depp pasou de ser un actor de reparto a ter o papel estelar forrando as carpetas de milleiros de adolescentes grazas a unha serie de televisión chamada 21 Jump Street (Nuevos Policías en España). Nela, Depp e un grupo de policías tan lampos coma el facíanse pasar por adolescentes para infiltrarse nos institutos estadounidenses na procura de actos delituosos. A serie foi un éxito de público e ninguén se preguntou que pintaba unha banda de señores adultos alternando con menores de idade como se fosen os seus amigos. Moitos anos e moitos tiroteos reais despois, o goberno federal comezou a investir cartos a mancheas nun programa que dotaba os institutos de axentes de policía uniformados (School Resource Officers), porque meter máis xente armada dentro das escolas era a única medida que non enfurecía ao todopoderoso lobby da Asociación do Rifle. Numerosas investigacións xornalísticas revelaron que o feito de ter un policía armado nunha escola non protexía contra os tiroteos. O que si aumentou neste cuarto de século foi o número de estudantes detidos cada ano nas escolas americanas, moitas veces por simples problemas disciplinarios como lanzar avións de papel durante a clase ou ter unha perrencha. Como xa seguramente adiviñarían, unha porcentaxe desproporcionada deses estudantes que sacaron esposados das escolas eran negros ou latinos, algúns de tan só 5 anos.

Agora que leo que o goberno de Catalunya vai despregar a policía autonómica nalgúns institutos apelando á conflitividade, non preciso remitirme ao exemplo americano para saber a quen van considerar conflitivo os axentes. A quen paran normalmente, a quen cachean con máis frecuencia, con quen se lles vai a man disparando a taser ou aplicando unha chave no pescozo. Organizacións como Amnistía Internacional e SOS Racismo advirten do nesgo racista da policía española á hora de realizar identificacións e controis arbitrarios en espazos públicos, sería moi inocente pensar que isto non vai ser exactamente igual nun centro de ensino. Perante as críticas, os defensores da medida (a consellería de educación e a propia policía) argumentaron que se trata de axentes formados en mediación, idóneos para traballar no ámbito escolar. Pregúntome se terán máis formación e experiencia que todo o persoal especialista de orientación e apoio que as asembleas docentes levan anos reclamando aló.

É ben curioso que se coe esta iniciativa no discurso sobre o ensino público cando varias comunidades teñen o seu profesorado mobilizado con reivindicacións moi concretas que nada teñen que ver coa policía. Nas seis xornadas de folga que levamos na Galiza este curso, nas concentracións, nas asembleas de docentes, xamais vin reivindicar presencia policial nos centros. Cando o profesorado se queixa da perda de respecto, está a queixarse dun problema social que ten que ver con como estamos a educar, colectivamente, á rapazada, e que non se resolve con autoritarismo. Por suposto que os problemas que atravesan os institutos son complexos e multicausais, calquera profe que se pasase os últimos meses calculando penosamente a súa variación de postos na estimación do concurso de traslados pode dicirlles que, canto a problemáticas dos centros, hai unha diferenza importante entre centros de interior e centros de costa, de cidade e rurais. E así e todo, se un dos problemas é a falta de respecto, nada desautoriza máis a un docente que a presencia policial na súa aula. Cando a policía entra nun centro de ensino perdemos todos. O profesorado perde autoridade para resolver conflitos e o alumnado perde a confianza no profesorado.

O único que gaña, como sempre, é este modelo ultraliberal que importamos dos Estados Unidos ao mesmo tempo que as series de acción, que afoga os servizos públicos infradotándoos e presenta a privatización como única alternativa viábel. A última liña de defensa diante desa deriva somos nós, profesorado, familias e toda a comunidade, como están a demostrar as asembleas do ensino público aquí na Galiza, e tamén noutros lugares. Será por iso que, no penúltimo capítulo do que soubemos, a policía decidiu que non abondaba con exercer de mediadores nos centros e pasaron a infiltrarse nunha asemblea de profesorado. Se cadra sempre fora esa, a do profesorado en loita, a conflitividade que realmente lles preocupaba.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats