Sustentabilidade
Como cada fin de curso, comezo a miña descompresión da sobrecarga sensorial que supoñen as aulas ateigadas de adolescentes facendo exactamente o mesmo que tantas veces lles recriminamos a eles: pechada na casa sen falar con ninguén, apampada co scroll infinito do Instagram. Vexo a foto, tirada por un escritor con ollo artístico, dun bordón de peregrino ensartado nunha papeleira da estación de autobuses de Santiago. A foto dunhas botas enlamadas enriba doutra papeleira, esta vez da zona vella. A foto dunha cuncha “recuerdo de Santiago” amarrada ao cano da fonte de San Roque. A foto do interior do portal do meu amigo Gonzalo, que vive enriba dun apartamento turístico no que adoitaba vivir eu cando era un simple piso de cen anos sen reformar, e atópase decote coa mesma estampa: botas rotas, bicicletas bloqueando o paso, mochilas estradas nas escaleiras...
Venme á mente unha noticia que hai meses me chamou a atención, e apresúrome a procurar nas notas do móbil as catro frases crípticas que bosquexei ao respecto mentres a comentaba coas amigas no bar. En marzo deste ano a Xunta do PPdeG presentou un proxecto pioneiro (unha non sabe moi ben que andaron facendo os 17 anos que levan gobernando, que todos os proxectos que presentan ultimamente levan o cualificativo de pioneiros) para reciclar as sabas dos albergues públicos de peregrinos e transformalas en fíos cos que facer sabas novas para os albergues públicos de peregrinos. Supoño que por iso lle chaman economía circular. Xunto coas sabas, os albergues galegos van reciclar tamén parte do lixo que os peregrinos deixan abandonado no Camiño, e se a medida funciona é posíbel que se acabe o carrusel de fotos de Instagram documentando botas e bordóns abandonados. Unha filial de Clece (xa saben, economía circular) será a encargada de recoller as sabas, a roupa vella e as botas dos peregrinos para que outra empresa as transforme en fío, “...e mesmo en souvenirs!”, comentan abraiados os xornalistas da casa que acudiron á rolda de prensa. Transformar lixo en lixo, velaí o poder da reciclaxe.
Cando as empresas que monetizan a conciencia ecolóxica nos explican o triángulo verde da sustentabilidade e os seus tres R, inciden moito no de reciclar e reutilizar e moi pouco en reducir, que é en realidade o máis económico, o máis ecolóxico e o que menos cartos lles proporciona. Se cadra a loucura non é transformar unha saba raída nunha reprodución impresa en 3D dun miliario do camiño, senón o feito de que esteamos a vender reproducións impresas en 3D de miliarios do camiño ás mancheas.
Parece difícil incidir na idea do terceiro R nun país que basea o seu ethos económico no crecemento infinito. Mentres Alfonso Rueda e os xornalistas que o seguen abraiados continúan a falar en clave de “cifras récord” de visitantes ou a facer a festa para o peregrino 1.999.999, como cantaban os outros, fan caso omiso do Consello de Contas, que hai apenas un ano sacou un informe durísimo no que advertía ao goberno da Xunta de que os albergues da rede pública (eses que van reciclar as sabas) eran máis que deficitarios, que as galegas e galegos estabamos a subvencionar as noitadas dos peregrinos a unha media de 27 euros por peregrino (chegando aos 900 euros por noite nalgúns dos albergues da rede) e que a situación é insostíbel. Podemos unir a estes gastos os milleiros de euros que a Xunta se deixa cada ano nas “paguitas” aos fondos de investimento que organizan os festivais millonarios de verán e que Alfonso Rueda vende como reclamo turístico do país. En todo caso, fariamos ben en buscar formas de economizar no que poidamos, porque tanto turismo está a acabar cos nosos aforros. Non sei se, alén das sabas, teremos que empezar a pensar en grande e empregar tamén a merda que queda no portal do meu amigo Gonzalo para construír os novos albergues, como o señor aquel que erixira unha catedral con botes de pintura e botellas baleiras.
Coas contas na man, é difícil saber se na Galiza vivimos do turismo, como nos recordan decote hostaleiros e donos de VUT, ou se é o turismo o que vive de nós.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0