Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Nostálxicos do NO-DO

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, y la conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, flanquean a dos de las beneficiarias de los pisos protegidos

0

Estes días, no medio das reivindicacións da rapazada acampada nas prazas, escoitei algunhas comparacións da situación actual da vivenda coa época dos nosos pais, dos nosos avós… porque sempre hai quen porfía en encirrar o conflito xeracional inda que sexa por vender libros. De tanto volver a vista atrás e matinar nas xeracións anteriores, veume á mente El Verdugo (1963), o mellor filme de Berlanga, se me preguntan, no que a trama se pon en marcha porque Pepe Isbert está a piques de xubilarse coma verdugo e iso suponlle que nin el nin a súa familia van poder acceder ao piso de protección oficial que lles correspondería se seguise a ser funcionario público. Durante toda a película o piso do padroado, cos seus tres cuartos e a súa terraza para cear no verán, paira sobre as decisións e os destinos dos personaxes, até propiciar o traxicómico final.

Lembrei a película e o ben que reflicte a España do NO-DO: as clases populares sobrevivindo a base de adaptárense ás esixencias do réxime e de aparentar abrazar eses principios (ás veces arrastro e berrando, como lle acontecía a Nino Manfredi ao final da película) e unha pátina de modernidade sobre a miseria: a voz engolada de Matías Prats anunciando as inauguracións do caudillo sobre a música triunfante de trompeta.

Vese que o NO-DO como modelo de comunicación propagandística deixou fonda pegada nalgúns nostálxicos, e esta semana asistimos a unha reconstrución histórica daquelas locucións exaltadas a cargo de Alfonso Rueda e a súa conselleira de vivenda, María Martínez Allegue. A escena, representada diante dos 24 pisos de protección oficial que a Xunta vén de entregar en Santiago (os primeiros en 17 anos de goberno), tiña todos os vimbios simbólicos cos que se teceran aquelas reportaxes do réxime: as humildes familias expectantes a pé do estrado que se instalara para que o presidente Rueda puidese saudalas desde arriba, os chaveiriños en forma de casa co logotipo da Xunta pendurados dun panel azul corporativo, a prensa gráfica retratando para as súas galerías fotográficas a todos e cada un dos destinatarios do alugueiro protexido, os agradecementos entre bágoas, o sorriso paternalista dos políticos.

Como nunha graduación de película americana, un Matías Prats de a patacón anunciaba o nome da persoa adxudicataria e esta tiña que subir ao estrado (conteilles xa que había un estrado?) e desfilar até o lugar onde por fin recoller as súas chaves de mans do presidente ou da conselleira. O nivel de espectacularización dos dereitos constitucionais foi tal que case foi un milagre que a Alfonso Rueda non lle escapase un “you get a house!” ao estilo Oprah Winfrey cada vez que entregaba un xogo de chaves.

Antes diso, o discurso, lembrándolles aos arrendatarios que eses pisos están pagados “con impostos de todos os galegos”, como se eles non fixesen parte dos galegos que pagan impostos e só estivesen alí como obxecto de beneficencia. Para que non quedase dúbida de que non todos somos iguais neste mundo de propietarios e rendeiros, o presidente encomendounos tamén a coidar as súas vivendas “como se fosen as vosas casas”. Non descarto que vaia facer coma os propietarios de pisos de estudantes e se pase a cobrar o alugueiro en man para poder osmar cando lle abran a porta, a ver como lle ten o piso esa xente.

O que debería ser un trámite burocrático de acceso a unha escasísima primeira oferta de vivenda pública, asinar uns papeis e recoller unhas chaves, virou, en mans da Xunta do PPdeG, nun festival da beneficencia na liña á que xa nos teñen afeitos, como aquel acto do primeiro aniversario de Alfonso Rueda á fronte do goberno galego, no que destinatarios de distintas prestacións sociais agradecían a Deus e a Xunta que os cartos públicos se destinasen a servizos públicos. E imos ter festivais para un bo anaco, porque aínda quedan 32.000 demandantes de vivenda pública que levan máis de catro lexislaturas do PP agardando. Se cadra os vindeiros agraciados, no canto de asumir o estilo do NO-DO, optan pola estética berlanguiana, e dálles por subir todos xuntos de ganchete ao estrado cantando aquilo de “Alfonso Rueda, te recibimos con alegría…”. Será, sen dúbida, o que está a soñar o presidente mentres se prepara para licitar outros 24 pisos nas vindeiras décadas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats