Lugo noir
Cando eu era nova, na casa dos avós, dábase ás veces unha situación que nos causaba moito pudor: se algunha tía ou algún tío meu se presentaba a unhas oposicións do seu gremio, se algún deles precisaba un permiso do concello ou da consellaría para unha obra, a miña avoa inmediatamente se ofrecía para facer indagacións “a ver a quen coñecía”. O resto da familia tentaba restarlle importancia ao comentario e limitábanse a dicirlle que o mundo xa non funcionaba así. Claro, razoábamos, ela criárase en pleno franquismo, onde todo se resolvía a base de influencias e amiguismos, que podiamos esperar. A verdade é que non sei por que remexíamos tan atrás para explicármonos a súa idea do mundo, o certo é que o xeito no que o PPdeG leva 36 anos gobernando o país (salvo o ínterim de catro anos no que Feijóo adestrou como xefe da oposición preocupadísimo polo custo do mobiliario da Xunta) dálle a razón á miña avoa. Esa corrupción estrutural á hora de faceren as cousas témola interiorizada todas as galegas, boomers ou non boomers. Por iso a pasada semana, cando os voceiros mediáticos do goberno galego comezaron a branquear preventivamente o cambio de goberno en Lugo, todo o mundo sabía que o asunto ía rematar exactamente como rematou.
Como sempre que unha noticia nos ten en vilo durante varios días, non falta quen se pregunta por que isto non está a transcender máis, tanto na casa como alén do Padornelo. Disque os (a falta dun nome mellor) informativos da TVG lle dedicaron trinta segundos ao asunto da tránsfuga. O xornal decano da prensa subvencionada, que leva desde as últimas municipais tentando convencernos de que Lugo virou na Cúpula de Trono, xustifica que Candia tirase proveito do annus horribili nas listas do PSOE local como medida desesperada para salvar a cidade do caos, as fochancas e o lume eterno. Non é unha oportunista, aclaran, é só que saber aproveitar moi ben as oportunidades.
Entendo o cabreo do pobo lugués, aos que se lles arrebatou o sufraxio entre paparotadas e cafés, e seguro que haberá moito máis que escribir sobre o tema. Recoñezo que a min cen quilómetros de distancia danme para observalo co ollar dunha consumidora compulsiva de true crime que non pode deixar de mirar a escena do crime mentres se pregunta en voz alta como puido ser que ninguén no PSdeG vise vir a esa señora. Non hei de ser a única, a historia ten todo para enganchar: tres enterros, compra de vontades, costumismo xornalístico e mesmo a promesa dun postiño na Xunta (pedra angular do pensamento máxico da miña avoa e de boa parte de votantes do PPdeG). Só lle falta un garda civil con pasado tortuoso para que Netflix compre os dereitos e a converta no vindeiro Galician noir de éxito. Iso si, non esperen que a emita a TVG.
O 7 de maio será a nova investidura de Candia para gobernar a cidade por un ano, e aí seguro que non falta cobertura nin público. Mágoa que a casa do Concello de Lugo non estea rematada con gárgolas, porque unha intervención como a levada a cabo no Hostal dos Reis Católicos sería a metáfora perfecta coa que coroar este sainete.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0