Galicia é Camiño, litoral, calidade, eucaliptos, terra queimada
A Xunta vén de anunciar en Fitur hai apenas unhas semanas o futuro Camiño do litoral, o ambicioso proxecto de unir os 1.300 quilómetros da costa galega a través dun itinerario que se poderá percorrer a pé ou en bicicleta. A iniciativa non aparece acompañada polo de agora nin de medidas ambientais robustas, nin de estudos de impacto transparentes. Pero acaso alguén quere informarse sobre esas minucias nunha feira internacional de turismo? Aquilo tiña que ser unha festa, non un mitin ecoloxista. Quizais por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, preferiu insistir na presentación á prensa en Madrid —onde se non?— en que “Galicia é Camiño; Galicia é litoral; Galicia é calidade”. A falta de articulación no discurso e o lema de chiringuito —de praia, pero tamén político— parecen feitos á mantenta para o ton irónico deste artigo, pero créanme, o mellor de todo isto é que non tiven que inventar nada, todo está na nota de prensa que a web oficial da Xunta ofrece sobre o acto. No mesmo texto, nin rastro da preocupación pola presión —directa ou indirecta— sobre ecosistemas fráxiles como areais, dunas, ou tramos xa degradados polos procesos erosivos. Brillan tamén pola súa ausencia as referencias á saturación dos servizos ou o posible descontento da veciñanza afectada.
Os dous millóns de euros proxectados como orzamento inicial —aínda que escasos, ninguén dubida de que a cantidade se poida ampliar tratándose de explotación turística— están pensados para o investimento directo no acondicionamento das infraestruturas. Toca a uns 1.600 euros por quilómetro. Non dá nin para medio ano de viaxes entre Santiago e A Coruña pola AP-9. Pero todo se andará. Este novo camiño sen apóstolo trae ademais baixo o brazo unha aplicación móbil: a APP Conecta litoral, que guiará ás viaxeiras e viaxeiros a través dun sendeiro que —cito textualmente— “representa a materialización de Galicia Calidade”. Fíxense que son palabras maiores. Iso non o pode dicir nin a app do Sergas.
Mais non vaian pensar que este é un camiño ideado unicamente para a xente que vén de fóra, para os turistas que xentrifican —coa axuda dos particulares e o amparo das institucións— as vilas da nosa costa e a súas cidades. Diso nada, porque por se todo o anterior non fose suficiente, o Camiño do litoral, anuncia a Xunta, servirá para “vertebrar territorio”. Lendo isto, e como rapaz do interior da Costa da Morte, imaxino que —a pé ou en bicicleta— esta nova atracción turística traerá consigo ao rural servizos básicos de sanidade, educación e transporte. Que fará que pasen máis buses de liña e que estes veñan cargados de persoal sanitario, peóns agrícolas, profesorado, xente con gana de quedar. Que reactivará a economía dos concellos menos densamente poboados. Que acabará coa soidade non desexada. Imaxino, si, que iso é o que entende a Xunta por vertebrar un país, por conectalo e dotalo de cohesión. Pero se cadra non. Que saberei eu que nunca quixen ser conselleiro de nada.
Hai exactamente un ano, a mesma Ángeles Vázquez reivindicaba Galicia como “refuxio climático natural” en Fitur para “atraer visitas en calquera época do ano”. Prometía “confort, seguridade e descanso” para os visitantes. A min, a insistencia da persoa á fronte das políticas medioambientais e contra o cambio climático da Xunta por estar nunha feira turística faime sospeitar cousas, pero non direi cales. Pola contra, preguntareime aquí se Vázquez coñece o significado exacto de “refuxio climático”. Se sabe o que é un refuxiado. Se desexa para a cidadanía galega ese status: refuxiados dentro do seu propio país, do seu territorio espoliado.
Nunca esquecerei o slogan de Feijóo nas eleccións autonómicas do 2020: Galicia, Galicia, Galicia. Así, sen máis. Tres veces. Coma quen o pronuncia ás escuras fronte ao espello do baño e despois bota a correr con medo de que se lle aparece unha rapaza morta ou o diaño. Unha lenda urbana. Que é Galicia para o Partido Popular? E o litoral para Ángeles Vázquez? Que todos vivimos dentro dunha marca —a identidade (aínda máis a colectiva) é un concepto demasiado complexo e perigoso segundo os poderes fácticos— é algo que xa asumín no caso galego e no de parte do estranxeiro. Sei que esa é unha dinámica que nos excede como pobo. Pero aínda así, non deixa de arrepiarme que Galicia sexa “calidade”. Que cada vez que Galicia é calidade, non deixe de ser conflito, desigualdade, precariedade, abandono, eucaliptos, terra queimada, parque eólico, falta de cobertura —móbil e sanitaria—, casas sen xente, xente que morre soa. Poden o decorado e a propaganda substituír a realidade? Poden anular ou silenciar as preocupación reais das persoas que habitan un lugar e o conforman? Vertebrar non é trazar unha liña azul sobre o contorno dun mapa. Deste lado nós e do outro o océano. Un lugar para ser visto e non vivido. Galicia, Galicia, Galicia. Para quen é o país que pronunciades?