Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Los whatsapps que guardaba Pradas como última bala implican de lleno a Mazón
La polarización revienta el espíritu de la Constitución en su 47º aniversario
OPINIÓN | 'Aquella gesta de TVE en Euskadi', por Rosa María Artal
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Ofrenda “de cumplimiento”

Un peregrino abraza la imagen del Apóstol Santiago en la Catedral de Santiago de Compostela

Luís Pardo

2

Unha proba de como a esquerda estatal -nomeadamente, o PSOE- comprou nesta campaña os marcos da dereita é que non lembro que sacase a pasear en ningún debate a Jorge Fernández Díaz. Houbo algunha mención, moi tímida, ao bloqueo do Tribunal Supremo -cando esta situación, o secuestro da cúpula do poder xudicial, case raia co golpe de Estado- pero nin unha palabra sobre o que foi -ademais de tertuliano e columnista- o ministro de Interior de M. Rajoy durante cinco anos.

Ante as acusacións do PP -estas si certas, axiña, pedide un desexo!- de politizar a Fiscalía do Estado ou o Constitucional cos seus nomeamentos, os socialistas perderon un fantástico “e ti, máis”. Bastaría con mencionar que o antigo responsable supremo das forzas de seguridade está acusado de encubrimento, malversación e delitos contra a intimidade como presunto cabecilla da Operación Kitchen, aquela chafallada parapolicial coa que -supostamente- tentou roubar a Luis Bárcenas a información comprometedora sobre os amaños do propio PP. Así era a vida antes da moción de censura, pero o que hai que derrogar é o sanchismo…

Porén, eu hoxe non quería repasar o currículo xudicial de semellante xoia, senón falar doutra das múltiples facetas da súa personalidade: a relixiosa. Este supernumerario do Opus Dei ten un anxo da garda chamado Marcelo -si, eu tamén o imaxino co careto do que foi lateral do Madrid- que o axuda ata a aparcar o coche. Coñécese que o día da Kitchen libraba.

Fernández Díaz fíxose moi popular tamén polo seu costume de condecorar virxes… ou de reiterar condecoracións á mesma, que un non acaba de saber se, en realidade, Nosa Señora María Santísima do Amor e a Santísima Virxe das Dores de Archidona son dúas persoas ou diferentes alias dunha única señora. O que si queda claro é que, polo menos, para un dos recoñecementos, a Virxe -a que fose- non cumpría os méritos: recibir a Medalla de Ouro ao Mérito Policial require morrer ou quedar mutilado en acto de servizo e iso non coincide coa biografía da premiada.

É certo que o de meter virxes en política estivo certamente de moda nos violentos anos dez. A que foi ministra de Traballo, Fátima Báñez -hoxe feliz integrante do consello de administración dunha farmacéutica- contara coa axuda da Virxe do Rocío para “superar” a crise de 2008. Vendo o resultado, non deixo de pensar a que coro celestial invocaría se lle tocase xestionar a pandemia. Nunca, nunca, nunca saberemos da que libramos…

Pero é que ata Ana Botella -alcaldesa de Madrid por uns méritos propios que nunca poderá igualar a infame caixeira Irene Montero- recorreu á mesma estratexia para tentar solucionar o paro. Foi dous anos despois de pedirlle “axuda” para os pais das vítimas do Madrid Arena, aquela traxedia que a ela non lle impediu marchar a un spa de luxo en Portugal, como un Fraga calquera de cacería en pleno Prestige. Coñécese que deixaban a xestión das catástrofes en boas -e santas- mans.

Todos estes exemplos que veño de enunciar -e que en calquera persoa herdeira da Ilustración provocarán, seguro, unha mestura de sorrisos, vergoña allea ou mesmo algo de indignación-, ían volvendo, pinga a pinga, mentres escoitaba a sobreactuación da oposición compostelá ante o anuncio da nova alcaldesa de que non pensa ir a misa. Ou, mellor dito: que pensa seguir sen ir a misa, como veu facendo -tanto ela como a súa formación política- dende que chegou á corporación.

Criticar a alguén por exercer o seu dereito a non participar nun acto litúrxico queda, a día de hoxe, á mesma altura que censurar a Virgina Woolf, vetar Buzz Lightyear por un fugaz bico lésbico ou retirar revistas en valenciano das bibliotecas. Soa a ese “túnel tenebroso” en que, como reitera Pedro Sánchez, nos queren introducir Vox e o PP. Porén, desta vez, os populares contan cuns aliados que defenden as mesmas siglas que o candidato á reelección.

E non me vale como escusa disfrazalo de acto oficial. É realmente desalentador ver o poder civil, a máxima representación dos cidadáns, axeonllarse -física ou metaforicamente- ante un boneco de madeira que ata antonte levaba o apelido “Matamouros”. Facer isto, fóra do ámbito persoal, é someter a institución a un culto que segue discriminando a máis da metade da poboación e impoñendo uns supostos criterios morais que lastran o avance social. Por algo xa non hai crucifixos nas escolas públicas. Nin nos xulgados.

Cando, hai oito anos, Martiño Noriega tomou a mesma decisión, escoitei ata a saciedade un argumento que hoxe regresa: que a obriga do alcalde, ou da alcaldesa, era acudir á Ofrenda ao Apóstolo “porque nos representa a todos”. Sinceramente, a min represéntame moito máis un adulto consciente de que para superar unha crise, unha pandemia ou calquera situación complicada, ten que atopar as solucións na terra e non tirar de supersticións. Non teño nada contra levar ovos a Santa Clara, pero non por iso imos pechar MeteoGalicia (ou a AEMET, que de todo se escoita). Porque, cando veñen mal dadas, sempre será mellor un bo ERTE que vinte mil avemarías.

Na miña preparación para a confirmación -porque, si, todos temos un pasado-, un catequista sevillano insistía moito nunha idea que debía considerar todo un achado. Falaba de todos eses católicos de dentes para fóra que os domingos, que cousas, ían a unha misa que el chamaba “de cumplimiento”, porque, con ela, “cumplo y miento”. Supoño que, ao final, esa é a hipocrisía que moita xente reclama dos seus gobernantes: que garden as formas, que se presten a todo canto paripé sexa necesario e, a cambio, o resto do tempo, deixaranlles que os enganen sen miramentos. E non só non llo tomarán a mal, senón que os aplaudirán sen complexos.

E daranos por gañadores dos debates. Nunha semana, veremos se tamén das eleccións.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats