Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Villares dimite, o PP aplaude

O exconselleiro do Mar, Alfonso Villares (c), durante o acto de toma de posesión da súa sucesora no cargo, Marta Villaverde, este xoves en Santiago de Compostela.

1

Unha dimisión é, a miúdo, un xesto limpo. Eu mesmo dimitín unha vez e sentín as horas antes e os días que seguiron un alivio inaudito, un tipo especial de lixeireza que volvín experimentar moi poucas veces despois. Por desgraza, cando se trata de política, o conto é ben distinto. Por moito que haxa quen queira insistir estes días no contrario, unha dimisión en política sempre ten un aquel de fuxida obrigada, a contragusto. En San Caetano sábeno, e por iso o rostro enriba da garabata asoma unha última vez no despacho, comparece ante a prensa —rodeado de todo o seu equipo— e agóchase detrás dun par de frases perfectamente medidas. Porén, esta vez, o curioso non é só a posta en escena —semellante á homenaxe a un heroe de guerra—, senón que o home dentro do traxe di dimitir para poder defenderse.

Esta semana, Alfonso Villares —ex conselleiro do Mar e ex alcalde de Cervo— dimitía despois de ser imputado por unha presunta agresión sexual. A denuncia foi presentada no mes de xaneiro. Os feitos terían acontecido en decembro. O presidente Alfonso Rueda soubo do asunto en febreiro. Villares renuncia aínda agora, ás portas do verán. Do caso sorprende, máis aínda que os seus tempos, que esta dimisión, lonxe de ser un exercicio de cautela, preséntase case a modo de ariete contra a porta dos xulgados. Á vista das declaración dos principais representantes das institucións galegas, o nobre xesto de enfrontarse á xustiza “coma unha cidadán calquera” acaba convertido nunha constatación absoluta da desigualdade.

Alfonso Rueda, a través da súa conta de X, falaba sen que lle tremese a voz —ou os polgares— da marcha de Villares coma un “exemplo de responsabilidade”. Atrás del, o exército disciplinado do Partido Popular de Galicia corría a referendar a beatificación. Así, Elena Candia, vicepresidenta primeira do Parlamento, expresaba o seu respecto e dicía “é un xesto que o honra [...]. Agardo que poida demostrar a súa inocencia o antes posible”. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ía máis alá e afirmaba que este é “un xesto que non abunda”. Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, só tiña para el “boas palabras”. Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, vía “intachable” o comportamento do ex conselleiro. E así poderiamos seguir ata o infinito. Un por un, cargos públicos á fronte das nosas institucións, defendendo —oh, que casualidade! — “un cidadán calquera”.

Sumémoslle ao anterior o apoio da prensa afín —tanto a CRTVG como La Voz de Galicia xa puxeron a maquinaria a traballar— e o caso de Villares só demostra unha vez máis que quen viviu arroupado por siglas, comitivas e teléfonos que se descolgan con celeridade, non saberá nunca o que é a intemperie. Cando menos non, se os seus amigos gobernan a Xunta de Galicia coma se fose Matrix.

Á espera do que o tempo e máis a xustiza teñan que dicir, non deixa de ser rechamante a confianza que os representantes da Xunta teñen en si mesmos e no ex conselleiro, sobre todo se temos en conta que, aínda que non existe unha cifra oficial no referente ás agresión sexuais, no caso das denuncias por violencia de xénero só un 0,0084% das mesmas son falsas. Daquela, o apoio unánime nace do cariño ou do caciquismo? Difícil dar coa fonte de tanta valentía.

O que si sei é que do outro lado desta presunción de inocencia que reviste a Villares coma un mesías, hai unha cidadá calquera —sexa ou non unha figura pública— e que os representantes das máis altas institucións galegas non correron a amosarlle nas redes sociais o seu apoio ante ese xesto difícil e valente que é sempre denunciar. Porque a política do Partido Popular en Galicia consiste en protexerse, nunca en protexer. E o silencio institucional berra aquí contra quen denuncia.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats