O inexplicable
Sucede nun autobús de Lisboa a Santiago de Compostela. Un traxecto de nove horas con varias paradas nas que decido non baixar para descansar. Penso que se o fago será peor: enganar o corpo durante dez ou quince minutos mentres paseo por un aparcadoiro. As áreas de servizo, igual que os aeroportos, as estacións de autobús e as de tren e as salas de espera dos hospitais, exercen sobre quen as transita unha sorte de cansazo psicolóxico case inmediato. Non teño probas, pero tampouco dúbidas. É a experiencia, o contrario dun acto de fe.
O caso é que permanezo no meu asento e avanzo na lectura do Poema á duración de Peter Handke. Estouno relendo. Estou buscando algo, pero non sei o que. Agardo a que nos movamos de novo e, daquela, mentres o autobús se incorpora á autoestrada, miro en diagonal e atopo as mans dunha turista pousadas sobre un libro aberto. Un rosario crúzalle os dedos. Reza. Intúo ilustracións con marcos dourados e aureolas nas páxinas satinadas. Agardo un anaco para ver como avanza ata a seguinte doa. Vai vestida con roupa de sendeirismo. Imposible saber se vén de peregrinar ou procede a facelo. Imposible saber canto dura a súa oración. Non move os labios. Saco o móbil, fago zoom e gravo ese xesto e a luz que entra dende a ventá. Súboo a Instagram e esquézoo. Se eu o subo a Instagram xa forma parte do mercado? Se ela peregrina xa é turista? Participar parece obrigatorio, nada escapa das mans do capital. A fagocitación é inmediata.
Apenas unha semana antes desa viaxe en autobús, estou en Italia. Visito igrexas, por suposto. Contemplo reliquias cuxa veracidade me parece dubidosa: o brillo do anel de cuarzo co que San Xosé desposou a Virxe María. Un profesor universitario convídame a un encontro católico nunha catedral e non acudo. No seu lugar, paseo horas pola Galería Nacional da rexión. Outro, lévame a unha terraza na periferia onde todo o mundo ten dez anos menos ca min e corenta menos ca el. Pedimos unha cervexa barata e traen botellas de medio litro. Falo dos meus poemas e do papel da relixión nos meus poemas. Digo sempre algo así como que non estou disposto a renunciar ao imaxinario artístico e discursivo do cristianismo. Que os seus símbolos e a súa linguaxe son os meus, mesmo se non comparto os preceptos da súa Igrexa. Gustaríame saber explicar que hai aí un modo de mirar o mundo: a mole da catedral de San Lourenzo de Perugia erguéndose sobre as ruínas dun templo romano que arrasou antes un templo etrusco. Miña avoa sacándolle o aire á xente e o seu altar de estampas, follas de loureiro e candeas.
Espántame a visita do Papa. E non falo só do mal gusto das actuacións multitudinarias que se lle ofrecen, senón da política. Da insistencia dalgúns xornais en demostrar que o discurso do pontífice vai en contra de Vox e da ultradereita, como querendo captar a un público novo, ata agora cego e por fin redimido. Parecen dicir: “Ata o voso xefe con saias nos dá a razón”. E, ao memo tempo, horrorízame ver a León XIV convidado a converter o Parlamento no seu púlpito e condenar o dereito ao aborto e a eutanasia dende o mesmo espazo onde a cidadanía os conquistamos con esforzo. Hai un baleiro que producen en min os mecanismos das institucións e que choca con calquera idea de espiritualidade. O espectáculo político —literal e figurado— só me lembra a presenza constante da ditadura do capital e o papel histórico da Igrexa coma un axente máis das alianzas internacionais.
Paira sobre este texto unha hipótese igual de inquietante ca suxestiva: que parte do malestar contemporáneo que nos morde non responde só a causas psicolóxicas ou materiais —que tamén—, senón a unha sorte de crise do espírito, á falta dunha linguaxe coa que dotar de sentido o sufrimento e a incerteza da nosa experiencia vital. Que forza presente na comunidade nos arrinca dese ensimesmamento? É distinta esta finxida nova onda de fervor relixioso de calquera outra tendencia de mercado? Diría que non.
Nin a visita do Papa, nin as declaracións interesadas duns e doutros serven para explicar a paz que sentín no autobús de Lisboa a Santiago de Compostela, o que creo que Handke quere dicir cando escribe que “a duración é o sentimento da vida”. O que experimentei lendo por primeira vez aos trinta e un anos o Diario de outono de Louis MacNeice. O xeito en que o sentido non sempre se atopa nas ideas que temos sobre o mundo e moito menos no modo en que se organiza e o consumimos. Abonda con ser un corpo sentado, un traxecto que avanza, a conciencia suspendida entre a espera e o movemento. Abonda con algo que se experimenta. Imposible de fixar. Resistente aos intereses de calquera institución. Común e inexplicable.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0